"A cultura galega ten que deixar de estar á defensiva"

O xornalista e escritor Camilo Franco, novo director da feira das industrias culturais galegas © Moncho Fuentes

 "A feira non é o resumo do ano que remata cando se celebra, senón que ten que ser o adianto do ano seguinte", afirma o novo director da Culturgal, Camilo Franco

Camilo Franco asume a dirección da feira das industrias culturais, a Culturgal, que se celebrará a súa décimo sexta edición do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O xornalista e escritor está a desenvolver un proxecto que mira cara aos públicos e atende ás culturas galegas en plural. "A feira non é o resumo do ano que remata cando se celebra, senón que ten que ser o adianto do ano seguinte", afirma.

A Culturgal é o único momento no que todas as disciplinas da cultura galega se xuntan nun mesmo espazo, como vai artellar isto dunha forma diferente á que se vén facendo nesta feira?

A maneira de artellalo é que cada unha das disciplinas ou xéneros artísticos que se dan cita alí asuman o protagonismo que é acorde co seu carácter. Nos últimos anos a cultura, por cuestión da sociedade e dos soportes, foi pasando do soporte físico ao evento. Durante unha época eran máis importantes os discos que os concertos e agora son máis importantes os concertos que os discos. E eu creo que en certo modo unha feira das actividades culturais de Galicia ten que aprender a manobrar con ese cambio de concepto. É dicir, a feira ten que ser un evento en todos os sentidos. Ten que ofrecerlle aos públicos un motivo para ir, non podemos esquecer que a feira está feita para os públicos.

Espazo da Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra nunha edición anterior CC-BY-NC-SA Culturgal

Non para as profesionais?

Non. A Culturgal é un escaparate que en certo modo é único, pero tamén ten que ser un motorciño de cousas que poden suceder. A feira non é o resumo do ano que remata cando se celebra, senón que ten que ser o adianto do ano seguinte.

Como pode facerse iso se non hai unha política que marque unha senda para as industrias culturais?

A senda ten que facerlla a propia Culturgal. Hai que facer unha programación moito máis combinada na que todos os sectores teñan un peso equilibrado, con máis actividades nas que as distintas disciplinas se entendan entre elas. Teríamos que pasar de música por un lado, artes escénicas por outro e literatura por outro a combinar algunhas desas actividades nun só evento.

"A Culturgal ten que intentar demostrar que a cultura galega é ampla, multiplicada, rica e que pode satisfacer as necesidades do público de diversión e profundidade"

Cal é o leitmotiv da proposta coa que gañou o concurso para dirixir a feira?

A cultura galega ten que deixar de estar á defensiva. De feito, para min, o que vai facer a Culturgal non é servir de plataforma para a cultura galega senón para as culturas galegas, porque non hai unha soa. A cultura galega non é unha sección, é un conxunto de actividades, persoas, expresións artísticas... complexo, grande e incluso con partes que se ignoran unhas a outras. Non se trata de ofrecer unha imaxe única, moi ao contrario, do que quere falar a Culturgal é das culturas galegas. Seguramente moitas compañías de teatro teñan pouco que ver con moitos grupos musicais, salvo que alguén os etiquete como cultura galega, pero esa etiqueta é reducionista porque non explica nada do que fan, explica unha posición mental feita desde fóra.

Pero é unha marca para vender fóra precisamente, non?

Non o sei. Se levas isto á cultura española ou á portuguesa, entón o fado é cultura portuguesa e o rap portugués non é cultura portuguesa? Aquí o que ten que intentar demostrar a Culturgal é que a cultura galega é ampla, multiplicada, rica e que pode satisfacer as necesidades do público de diversión e profundidade. Parece que a cultura galega está moi ben definida, pero é así porque a definición é restritiva. Canto máis grande é unha cultura e máis culturas absorbe dentro dela, máis difícil é de definir, e creo que hai que derrogar esa visión da cultura galega uniforme.

Magín Blanco nun espectáculo para crianzas na edición de 2022 CC-BY-SA Culturgal

"O público vai vivir a Culturgal doutra maneira"

Entón, terá máis espazo nesta Culturgal quen fai cultura nas marxes das grandes empresas culturais? No Barómetro da cultura galega figura que a maioría son empresas pequenas ou incluso unipersoais.

Non hai tanta distancia entre as empresas grandes e as pequenas. A cultura galega ten empresas de tamaños moi diversos, pero en todos os casos poden convivir, e a intención da Culturgal é que todas teñen o seu protagonismo. A feira ten que ser unha cita profesional desde o punto de vista de quen a vai facer, pero no resto é un evento para o público, sen ningunha dúbida. Vai haber eventos específicos para os e as profesionais, si, pero iso non é o importante. Desde os anos 90 para acá a produción cultural galega non deixou de medrar e o campo no que necesita consolidarse máis é no da visibilidade e da participación do público.

Como van tratar de atraer máis público á feira?

Cun programa que inclúa novidades, adiantos e producións que só sucedan na Culturgal, ou que polo menos arrinquen alí e despois teñan outra vida. Un programa que supoña un acicate para calquera persoa interesada na cultura. O que quere a Culturgal é o mesmo que deberan querer as culturas galegas, que é seducir aos espectadores para que vaian e ofrecerlles un motivo para ir.

"Hai que ofrecerlle á xente a posibilidade de engancharse a unha oferta e o que ten que facer a Culturgal é facer visible esa oferta"

Para seducir si que hai que deixar de estar á defensiva, como vén de afirmar.

Efectivamente.

Pero por que di que a cultura galega está á defensiva?

Porque todo o que explica a cultura galega de si mesma é unha posición de desvantaxe, que non diga que non a haxa, pero ti non podes facer unha feira como a Culturgal sen ter en conta a diversión. A cultura, independentemente do seu cometido último, ten que ser atractiva.

A situación da cultura galega é mala de portas cara a dentro, pero de portas cara a fóra hai centos de actividades, de libros ou de concertos que son estupendos e nos que a xente ten unha oportunidade de divertirse e incluso sen gastar demasiados cartos. Temos que pensar que en Galicia hai xente que pagou 90 euros por ir ver a Rosalía a un polideportivo, isto quere dicir que hai cousas que son interesantes para a xente culturalmente e hai moita música na cultura galega que pode ser igual de atractiva que Rosalía. Hai que ofrecerlle á xente a posibilidade de engancharse a unha oferta e o que ten que facer a Culturgal é facer visible esa oferta.

Como será a nova posta en escena no Pazo da Cultura?

Estamos traballando nun cambio de imaxe completo, obrigado pola oferta que vai facer a Culturgal. O cambio non é estético, é un cambio xustificado por un argumentario distinto. Como se concreta ese cambio aínda non o podemos dicir, pero si que o público vai vivir a Culturgal doutra maneira.

Temos que recuperar o vello concepto de que unha feira é un espazo ao que vas, no que probablemente fagas algún negocio, pero logo vas xantar, logo vas ver os titiriteiros, logo vas escoitar os gaiteiros... Temos que recuperar para a Culturgal toda a parte festiva do que eran as feiras e a alegría de ir. Existe unha necesidade dos sectores profesionais e os públicos de encontrarse, un espazo no que preste falar de cultura, incluso para criticar, porque a Culturgal era iso. Ten que haber animación nos corredores.

Incluso para criticar?

A cultura ten unha característica que a achega moito ao deporte, podes falar mal de calquera cousa de deportes sen que iso che complique a vida. Creo que a cultura tamén ten esa utilidade, podes dicir que non che gustou unha película e non pasa nada. Hai unha serie de cousas que empregamos para conversar e para facernos unha idea do que é o mundo, que nos permiten interactuar co mundo sen que sexa doloroso. E a cultura é o gran argumento desas cousas. 

Por exemplo, o que aprendes no teatro sobre os comportamentos das persoas non che doe. Shakespeare explicou que o comportamento do poder sempre é violento, entre eles e cara a abaixo, o mesmo que explica Succession. Aprendes todo iso pero non che fai dano a ti persoalmente, en cambio, adquires ese coñecemento. Esa é a gran vantaxe da cultura e de ter unha relación coa cultura.

"Debemos ser conscientes de que as culturas precisan públicos, porque doutra forma unha parte da súa propia natureza desaparece"

Como fai para estar ao día das manifestacións culturais do país? Agora comeza unha andaina na Culturgal pero vai para os tres anos encargado da SELIC, o festival da lectura de Compostela.

O mesmo que fixen durante toda a miña vida, probablemente fun un dos grandes espectadores que tivo a cultura galega nos últimos 30 anos. Mantéñome moi atento profesionalmente, pero como fixen sempre porque hai xente que chegou á Culturgal desde a xestión cultural e eu chego desde o xornalismo cultural. Iso ofréceme unha visión histórica e unha interpretación da cultura galega determinada, non académica, heterodoxa, e moi variada.

Hai unha idea que conecta o proxecto da SELIC co que se vai desenvolver na Culturgal en Pontevedra.

Creo que as dúas están relacionadas por unha certa idea de conxunto cultural, no que as distintas expresións culturais non poden ser comportamentos estancos; e que case todas as decisións que hai que tomar culturalmente deben ser tomadas desde o punto de vista do público. Debemos ser conscientes de que as culturas precisan públicos, porque doutra forma unha parte da súa propia natureza desaparece. Podes facer cultura minoritaria, e facela moi ben, pero ese non pode ser un obxectivo da SELIC nin da Culturgal; ese pode ser un obxectivo que eu teña como escritor en Piso Franco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.