Camilo Franco presenta a aplicación literaria para móbiles Piso Franco, na que xa se poden ler diferentes textos e que se irá actualizando semanalmente para as subscritoras. Unha "nova versión do libro de peto" ou un "un Netflix de Camilo Franco", según se mire
O xornalista e escritor Camilo Franco presenta unha aplicación propia na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler ducias de pezas literarias e xornalísticas. Piso Franco é como "un Netflix de Camilo Franco" co lema "a palabra para quen a traballa" detrás. Unha experiencia novidosa na que as lectoras e lectores poden "subscribirse a un autor". Así a define o propio autor, quen advirte de que non faltará a ironía sobre a actualidade nesta "nova versión do libro de peto".
Non se esgotan nunca as construcións irónicas co teu apelido?
Non. Igual que tivemos 40 anos de ditadura e 40 de democracia, agora necesitamos 40 anos de ironía, a ver se con ela conseguimos poñernos no lugar que nos corresponde.
E ese lugar é dixital?
O lugar que nos corresponde como sociedade galega é un no que, evidentemente, non estamos agora. O dixital forma parte dun conxunto de ferramentas e lugares públicos dunha sociedade, e aí creo que tampouco estamos. E creo que nos faría falta estar porque hai unha competición aberta, incluso podemos chamarlle guerra se nos poñemos dramáticos, e como sociedade non estamos, pero culturalmente tampouco; ou estamos nunha posición que non é a que nos correspondería se tivésemos outras ambicións.
"A Historia e a estatística demostran que os procesos de ir en Galicia, sobre todo de ir xuntos, son moi complicados"
Somos optimistas?
Claro. Sempre hai posibilidades, outra cousa é como se queiran facer as cousas. Onde eu son pesimista non é tanto na finalidade de todo, como no proceso de ir. Porque a Historia e a estatística demostran que os procesos de ir en Galicia, sobre todo de ir xuntos, ou de medrar como sociedade son moi complicados e están moi condicionados por intereses moi de parte e moi fortes. Como se realmente nunca se quixera... fóra do discurso xenérico e publicitario. Ou como se o interese, en realidade, correspondera con esa idea de que Galicia é unha sección e todo o mundo estivera contento con ser esa sección.
Que é Galicia neste proxecto novo que comezas?
Vou facer unha comparación excesiva: alguén lle preguntou a Steve Jobs que significaba Norteamérica en Apple? Non. Cando unha nación está desenvolvida non fai falta explicar esas cousas. Xa están. Que significa Inglaterra nos Beatles? Non se preguntou. Que na cultura galega, e en xeral en Galicia, haxa que preguntar esas cousas é porque temos un sentido da carencia moi grande. Pero que é Galicia dentro disto? Nada e todo.
"Non vou descubrir a pólvora, pero farei cousas que antes non me estaban permitidas"
Por que dis ″a palabra para quen a traballa″?
Porque ese é o comportamento do resto da sociedade, ou polo menos era o comportamento da sociedade anterior ao capitalismo financeiro. É dicir, a terra para quen a traballa, o amor para quen o traballa, as parellas para quen as traballa... non sei por que a palabra ía ser distinta. En certo modo é unha reivindicación nacional-popular, pero tamén é unha reivindicación profesional: por que lle imos ceder a palabra a quen non a traballa, non a cuida ou fai algo con ela? Penso que ten moita lóxica e o que me extraña é que non se lle ocorrese a ninguén antes ca min.
"Só hai dous grandes argumentos na sociedade contemporánea e ningún é o amor"
Centremos o tema, vas publicar relatos nunha aplicación que é como un Netflix de literatura?
Bueno, un Netflix de Camilo Franco, non da literatura mundial. O que estou facendo, no fondo, é imitar un comportamento que parece normal en case todas as cousas do consumo cultural, sobre todo do popular, e adaptalo ao que me parece que eu podo responder. E o que podo responder é literatura. Igual que a xente se subscribe a Netflix, HBO ou ao que queira que se subscriba, pois podes subscribirte a un autor. O que o autor promete son dous textos semanais, como mínimo, nos que haberá maioritariamente literatura pero tamén xéneros mixtos. Iso que eu non podería ter feito nun xornal porque a combinación de xéneros non gusta, ou porque determinados argumentos non podían ser, aquí si que o podo facer. Creo que haberá algún xénero novo, non vou descubrir a pólvora, pero farei cousas que antes non me estaban permitidas.
Entón, haberá política?
Si, é que o imposible é que non haxa política. Creo que case todos os que están definindo hoxe a sociedade menten a propósito. Agora mesmo só hai dous grandes argumentos na sociedade contemporánea e ningún é o amor. Hai un argumento predominante, chámase economía, e hai un argumento que está perdendo historicamente a importancia que tiña que ter, que é a política. Hai unha conexión moi intensa entre eles dous, porque unha parece depender da outra, e aquí é onde se está torcendo a historia. Debera ser a economía a que dependese da política, pero está sendo ao revés, e iso está a torcer calquera horizonte de mellora social. Na conxuntura actual xa non é posible separa ambas cousas.
"Atopei un soporte que permite unha relación directa entre quen escribe e quen le, sen intermediarios"
E algo de crítica teatral vas recuperar?
Sempre me identifiquei moito con Lola Flores –que está moi de moda agora– e se mo pide o meu público, farei crítica teatral. Neste momento, aínda non estou seguro. Irei incorporando algunhas críticas antigas que me fan gracia agora, coincidindo con determinadas cousas. Tamén irá caendo algún tipo de reflexión un pouco máis ampla sobre o teatro e o teatro en Galicia.
Este novo proxecto é como unha segunda parte do ′Por conto alleo′ que fixeras en Vieiros?
Non ten nada que ver. Aquilo era un experimento, que xogaba cunhas ferramentas que eran rudimentarias, cunha certa intención de provocar algún cambio na relación lector/autor. Se o miro dende hoxe, a min funcionoume como autor; fun quen de facelo, uns días con maior e outros con peor fortuna, como en calquera partido de baloncesto. Pero desde o punto de vista de romper a dinámica autor/lector fracasou. A figura do autor vai acompañada dunha autoridade que moitos non queren romper para nada. Agora atopei un soporte que permite unha relación directa entre quen escribe e quen le, sen intermediarios. A relación vaise ir definindo co tempo, e os lectores terán que ir participando un pouco máis. E unha parte fundamental da conversa que se vai producir, ten que comezar coas redes.
Pero si que buscas esa relación coas lectoras e lectores.
Claro, pero o que busco é que non funcione como agora. Non quero que a xente pense que un autor ten algún tipo de autoridade, máis alá da que ten sobre os seus propios textos, e nin sequera esa. En ′Por conto alleo′ o inicio da autoridade daquel texto eran as palabras que mandaba a xente. A miña idea é que hai que deixar de pensar que os escritores teñen algún tipo de importancia máis alá da que pode ter calquera outra persoa que interactúa na sociedade.
Por que apostas por publicar os textos en galego, portugués, castelán e inglés?
Porque non teño cartos para máis. A miña intención é ver como se consolida cada unha e ir tomando decisións. Isto é unha construción semanal, e teño unha vantaxe moi grande fronte a outros soportes porque a app permite moita axilidade na toma de decisións, tanto literarias como relacionadas coa vida económica da literatura. Hai quen se pon estupendo e di que isto non importa, pero cando o editor non paga os dereitos de autor asina os manifestos. Neste caso, creo que non convén esquecer esa parte. Os autores tamén pensan economicamente, e non só os do Premio Planeta. E escondelo non é mellorar a literatura.
Polo tanto, aquí o soporte si que importa moito.
Si, e importará moito ata que se normalice. Internet era noticia cando empezou, agora é importantísimo e non é noticia. Salvo para os xornais que se suicidan con iso. Pero claro que é importante o soporte porque, manteñamos ou non a idea romántica da literatura decimonónica, o soporte sempre importou na literatura. Cambiou moito cando naceu o formato libro, ou cando se puideron facer centos ou milleiros de copias, ou cando apareceu o folletín... e coa chegada das pantallas cambia ou cambiará. Así é como funciona sempre, con independencia de que nós digamos que a literatura cambia movida por estilos diferentes. Pero cando un escritor publica nunha revista con 70.000 exemplares de tirada non escribe igual que cando publicaba con outro tipo de soporte. Iso pesa e é feo para a Historia que o intentemos ignorar en favor de cousas que nos parecen máis altas. E eu, en realidade, non creo moito nas alturas.
"Hoxe os temas son a economía e a política, en parte porque a política é a continuación da guerra por outros medios e a economía é a guerra mesma"
Por que fixeches Piso Franco?
Quixen facer Piso Franco porque me parecía que se adaptaba ben ao que eu quero facer literariamente. Sempre tiven querenza polo breve, rápido, conciso e contundente (cando chego a iso). Creo que alguén ten que facer estas cousas porque estamos perdendo un espazo. Lonxe de que o teléfono acabe coa literatura, que non funciona así; se a literatura renuncia a ese sitio, outra literatura o ocupará. Non invento nada, xa se pode ler nos móbiles hai tempo, o que non vin ata agora é que un autor se adapte ao soporte ata case condicionar a maneira de facelo de principio a fin. Incluso condicionando a relación económica cos lectores, ou a non económica, porque a app permite ler determinadas cousas sen pagar por elas.
Que contidos se vai atopar a xente máis alá da política e a economía, o amor e as moscas?
Efectivamente. É que o amor e as moscas son a economía e a política.
Había unha idea de que o importante para os clásicos era a morte e a traxedia que a rodeaba, pero a morte carece de importancia. A morte violenta é algo común, habitual. De maneira que non parece relevante a morte, aínda que case parece unha obriga. Hoxe a literatura ten a obriga de ter morte, é algo que xa está incorporado. Pero a morte deixou de importarlle á xente –isto mo dixo unha vez nunha entrevista o guionista de The Wire, David Simon–, xa non é algo que conmova, pode conmover a dor dos que rodean ao morto. Entón, creo que a morte deixou de ser ′o tema′, a pesar de que segue aí e é o alimento habitual dos titulares. Penso que hoxe os temas son a economía e a política, en parte porque a política é a continuación da guerra por outros medios e a economía é a guerra mesma. Con todo, nin eu podo definir agora mesmo o que vai ler a xente. O que si vai encontrar é ironía e un exercicio case diario de baixar santos. Aparte, teño unha idea para unha especie de folletín político, pero con referencias da realidade.