"Non hai idioma abondo para recoñecérmonos". A palabra de Xela Arias serviu de lema este 13 de novembro para a concesión e entrega dos Premios da Crítica 2021 e tamén para a entrega dos correspondentes a 2020, adiada por mor da pandemia.
Co pano de fondo dos 40 anos da autonomía, simbolizado mediante a entrega ao presidente do Parlamento dun deseño de Antón Pulido, o acto de entrega recoñeceu traballos que van da historia ao cinema ou ao bo traballo en gastronomía. Nesta cuadraxésimo cuarta edición, o ditame dos premios repartiu galardóns de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
O galardón de Creación Literaria foi para Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga. A novela, recente gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021 do Ministerio de Cultura, destaca para o xurado pola "perspectiva novidosa da emigración e centros cosmopolitas europeos; a construción dunha época que visibiliza e dignifica as mulleres emigrantes galegas" e tamén pola "creación dun universo autoficcional sen condescendencias nin mistificación".
No eido da Investigación, os Premios da Crítica destacaron o segundo tomo da biografía de Castelao elaborado por Miguel Anxo Seixas, que abrangue dos anos 1931 a 1939, o xurado salienta que a obra "é resultado dunha investigación profunda e rigorosa". "Máis alá da construción mítica, profundar na personalidade de Castelao, poliédrica e complexa, iluminando a súa dimensión política, humana e artística", din.
Os premios deste 2021 distinguiron o traballo de Xesús Fraga, Miguel Anxo Seixas, Viñetas desde o Atlántico, Alejo Amoedo, Manuel Ayaso, Erregueté, Margarita Ledo e ás Queixaría Airas Moniz
Viñetas desde o Atlántico, na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas, o traballo de "dinamizador e posta en valor do patrimonio musical galego" de Alejo Amoedo, na categoría de Música, ou a pintura de Manuel Ayaso, en Artes Plásticas, foron outros dos recoñecementos dunha edición dos premios que tamén se volveron deter nas artes escénicas e no audiovisual. En Artes Escénicas, o premio foi para Erregueté. Revista Galega de Teatro, e en Cine e Artes Audiovisuais, para Margarita Ledo.
O galardón a Ledo distingue o seu traballo na produción, dirección e guión da película Nación. Para o xurado, cómpre destacar da realizadora e profesora "o seu irrenunciable compromiso por intentar transformar a sociedade cunha longa traxectoria que arranca nos alicerces do audiovisual galego. O seu filme Nación, que narra a loita das traballadoras de Pontesa, é unha historia necesaria, que homenaxea o traballo destas mulleres que axudaron a construír unha sociedade máis xusta dende o compromiso e a invisibilidade".
O palmarés dos Premios da Crítica 2021 péchao a Queixaría Airas Moniz na categoría de Cultura Gastronómica. Neste caso, o premio unánime salienta "que se trata dun proxecto portador de valores de sustentabilidade, excelencia, humildade e proximidade, apostando por un modelo de vida e desenvolvemento económico dende o rural galego, fomentando o respecto á tradición, máis apostando tamén pola vangarda, e situando, dende a mesma elección do seu nome, Chantada e á Ribeira Sacra no mapa dos mellores queixos a nivel estatal".