Os Premios da Crítica de Galicia deron a coñecer este sábado os gañadores e gañadoras da súa edición número 43, que tivo que celebrarse atendendo ás medidas de prevención e restricións obrigadas pola pandemia de coronavirus. Así, non puido celebrarse cerimonia de entrega e o xurado tivo de deliberar de forma virtual para decidir os galardóns nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema "a Nosa Fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir", de Ricardo Carvalho Calero, a asociación Premios da Crítica de Galicia mantivo a tradición de anunciar en outono uns premios, que ven outorgando dende 1978, e que todos os anos dende hai máis de catro décadas buscan recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia durante o ano 2019.
Premio de Creación Literaria: Olga Novo, por Feliz Idade (Kalandraka). Finalistas: Atlas de Alba Cid (Galaxia), Memoria do silencio de Eva Mejuto (Xerais) e O último barco de Domingo Villar (Galaxia). O xurado salientou na obra gañadora "a forza lírica coa que converte as vivencias persoais nun feito poético universal, enraizado no máis fondo da nosa propia identidade cultural. É un canto á vida no que conflúen pasado, presente e futuro. Ao tempo que o eu lírico expresa a súa felicidade polo nacer da filla, compón unha elexía polo pai falecido".
Premio de Investigación: Bieito Alonso, por Anarquistas Galegos en América (Galaxia). Finalistas: Unha historia da música en Galicia.1952-2018, de Fernando Fernández Rego; Variación e cambio nos dominios galego e portugués no século XX, dirixido por Xulio Sousa Fernández; e Castelao. Construtor da Nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas. O xurado salientou "a investigación rigorosa, propia e sintética coa que se profundiza e anova, con lucidez historiográfica, a historia do anarquismo en América; a visión transnacional e inclusiva da loita pola xustiza social desde perspectivas ideolóxicas e organizativas do anarquismo; o entrelazado do tema da emigración a través de historias conectadas de homes e mulleres desde diversos puntos de América e Galicia e a súa presentación accesible para un amplo público lector".
Premio de Iniciativas Culturais e Científicas: GCiencia. Portal da Ciencia Galega. Finalistas: Fundación Vicente Risco e Polo correo do vento. O xurado salientou "a aposta do portal web GCiencia polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega e dirixidos a un público xeralista" e valora "a relevante achega que supón este portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede, alén de promocionar os valores humanistas da propia ciencia".
Premio de Música: Margarita Viso. Finalistas: Colección Chave mestra e Xaime Estévez. O xurado salientou a "longa e fecunda traxectoria como compositora, pianista acompañante, musicóloga e editora de música" da premiada, "decana das compositoras galegas, unha pioneira que nos achegou cos seus estudos os mellores músicos da nosa contemporaneidade". "Os seus traballos sobre Marcial de Adalid ou José Baldomir son rigorosos e exhaustivos, imprescindibles para poder coñecer a estes dous músicos", engadiu.
Premio de Artes Plásticas: Alfonso Costa. Finalistas: Menchu Lamas e Alfonso Penela. O xurado salientou de Alfonso Costa "o seu extraordinario traballo creativo durante cincuenta anos a través da pintura e o gravado así como o seu gran maxisterio no dominio das técnicas artísticas onde predominan un depurado debuxo e un rico colorido"
Premio de Artes Escénicas: Os Monicreques de Kukas. Finalistas: Grupo Chévere (Curva España) e Teatro Ensalle. O xurado destacou "a súa faceta artística, xeradora dun universo propio, e artesán, que implica a construción das marionetas e o seu mundo". "A compañía resistiu o paso do tempo e soubo evolucionar incorporando novas xeracións de «titiriteiros» nos seus espectáculos", engadiu.
Premio de Cine e Artes Audiovisuais: Óliver Laxe, por 'O que arde'. Finalistas: Arime (filme de Jaione Camborda), Ghaleb Martínez e Jorge Coira. O xurado salientou a súa "contribución global, baixo múltiples perspectivas, que van do artístico, lingüístico, cultural, etnográfico ou sociolóxico ao económico, é emblema dun momento histórico plural e frutífero para o ámbito audiovisual galego".
Premio de Cultura Gastronómica: Festa do marisco do Grove. Finalistas: Asociación Cociña Ourense e Xabier Castro Pérez. O xurado salientou que "se celebra dende 1963 como un evento de exaltación do marisco, no que sempre participaron as mariscadoras e os mariscadores".