O libro do xornalista de Praza Pública editado por Xerais vén de obter o recoñecemento na categoría de Investigación
O Premio da Crítica de Galicia 2017 na categoría de Investigación vén de recaer no libro A prensa en Galicia na Transición, ensaio publicado por Xerais e escrito por Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza Pública. A obra, unha versión da súa tese doutoral, analiza o sistema galego de medios de comunicación e o traballo dos xornalistas durante a Transición. “Durante a Transición houbo un número moi importante de xornalistas galegos que exerceron a súa responsabilidade social, exercendo de voceiros da cidadanía e de defensores da democracia e da xustiza fronte ás forzas reaccionarias", dicía o autor hai un ano sobre a súa obra.
A XL edición dos Premios da Crítica fixo públicos os seus premiados nun acto na tarde deste sábado en Vigo. Xunto co libro de Pérez Pena na categoría de Investigación, os premiados nas outras sete modalidades foron: Querido H.P.Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, na categoría de Creación Literaria; o programa ConCiencia da USC, na de Iniciativas Culturais e Científicas; Luis Emilio Batallán, na de Música; María Luisa Sobrino, en Artes Plásticas; Flor Maceiras, en Artes Escénicas; o Festival S8 de cine periférico da Coruña, en Artes Audiovisuais; e o Grupo Nove, na categoría de Cultura Gastronómica.