0 Gardados para despois

Marcos Pérez Pena: "Na prensa galega da Transición hai titulares que hoxe serían impensables"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar aquí o libro e así axudar ao sostemento económico do xornal.

"Malia todos os defectos que se poidan detectar na actuación dos medios galegos na Transición e todas as críticas que se lles pode e se lles debe facer, cómpre realizar un acto de recoñecemento ao labor que naqueles anos realizaron tantos profesionais, redactores, fotógrafos, impresores e directivos dos medios de comunicación. Cómpre facer, en xeral, un recoñecemento da profesión xornalística e unha reivindicación da súa función social e da súa autonomía e capacidade de influencia, que tanto parece asustar as propias empresas informativas e os grandes poderes públicos e privados. Durante a Transición houbo un número moi importante de xornalistas galegos que exerceron a súa responsabilidade social, exercendo de voceiros da cidadanía e de defensores da democracia e da xustiza fronte ás forzas reaccionarias". O xornalista e investigador Marcos Pérez Pena remata con palabras coma estas o seu ensaio 'A prensa en Galicia na Transición', que vén de publicar en Xerais.

O libro é a túa tese, supoño que adaptada. Por que escolliches o tema da prensa en Galicia na Transición?

O libro é unha versión resumida da tese, si, con menos aparataxe teórica. Fíxenlle ademais algúns engadidos á tese, como algunhas entrevistas e unha introdución máis ampla sobre o contexto xeral. O punto de partida foi un TAD, -o que antes se chamaba Traballo Academicamente Dirixido-. Unha tesiña, que foi o inicio da tese. O meu director, Luís Álvarez Pousa, animoume a estudar esta parte da historia de Galiza e do xornalismo, que está pouco traballada. É un período que aos historiadores quédalles demasiado próximo e aos xornalistas quédalles demasiado afastado…

En España a Transición tampouco está ben estudada, pero si houbo un revival, nos 90, de libros, memorias persoais… Poden ser mellores ou peores, pero en Galicia é unha etapa moito menos estudada. Por iso tiven un dobre traballo: a análise da actuación da prensa neste período e en paralelo un labor que se cadra non me correspondía tanto, pero que había que facer para a tese, que é un relato da Transición en Galicia, da historia da Transición. O obxectivo era analizar a prensa e a súa estrutura, tan importante para explicar o presente. O dominio das grandes familias e empresas da comunicación españolas e galegas non se entende sen a Transición.

"O dominio das grandes familias e empresas da comunicación españolas e galegas non se entende sen a Transición"

Comezas analizando, precisamente, a estrutura da prensa. Por que en Galicia nun xurdiron neses anos novos xornais, como en Catalunya ou Madrid? Por que fracasaron proxectos como o xornal ‘Galicia’?

A galega era unha sociedade menos viva e dinámica que a catalá. Houbo algúns proxectos, como o xornal Galicia ou, con outra periodicidade, Teima e Man común, pero non se sostiveron, por erros propios, pola debilidade das propias iniciativas e por outras circunstancias. O Galicia tivo erros propios, pero tamén lle puxeron paos nas rodas. Mais, en xeral, non nacen medios porque se manteñen os que existían previamente, e ao mesmo tempo mantéñense os que xa existían porque non nacen novos medios.

La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Ideal Gallego, La Región, El Progreso... eran empresas fortes. Ben asentadas, en audiencia e comercialmente. Souberon adaptarse nun momento de inestabilidade. Modernizaron maquinaria e deseño, entrou unha nova xeración de propietarios e de xestores… Así, sendo os medios preexistentes fortes, tampouco quedou moito oco para medios novos. Os medios non é que fosen, entón, nin de esquerdas nin nacionalistas, pero si foron posibilistas: foron mudando cos tempos.

"Sendo os medios preexistentes fortes, tampouco quedou moito oco para medios novos"

La Voz de Galicia e El Ideal Gallego foron exemplo diso. Segundo contas, pasaron dunha posición autonomista e aberta á oposición franquista a unha moito máis conservadora. Na Voz, tras presións dos accionistas, substitúen a Francisco Pillado por representantes da liña máis conservadora e “involucionista” coma Fernando Ónega.

A miña análise comeza despois da morte de Franco. Antes, na Voz, coa dirección de Pillado, nos anos finais da ditadura, había un oco para a mobilización obreira, por exemplo. Pillado tivo, de feito, problemas na empresa, por motivos como vetar a entrada de Fraga na redacción. Os obreiros que facían folgas en Vigo ou Ferrol, -seino porque mo contaron nas entrevistas-, mercaban a Voz. E, -isto tamén sae nas entrevistas-, hai xente que segue mercando a Voz na actualidade, por moito que non lle guste a actual liña editorial, polo papel que este xornal xogou na Transición en defensa da democracia. Porque se identificaban con este xornal.

Algo semellante ao que pode estar pasando agora con El País. El Ideal Gallego tivo un director que deixaba facer aos xornalistas, Rafael González. E hai un factor importante: a presenza nas redaccións dos xornais de xornalistas novos, que foran á Facultade, que eran de esquerdas e galeguistas ou nacionalistas, e que son colocados en postos de responsabilidade: fan crónica política, sobre todo.

"Hai un factor importante: a presenza nas redaccións dos xornais de xornalistas novos"

Varios dos entrevistados, que eran desas xornalistas novos naquel momento, dinche que tiveron máis liberdade, máis autonomía como profesionais, entón, que agora. Como é iso?

O contexto era unha situación de incertidume. Podía pasar calquera cousa: que gañase o PC, ou o PSOE… E se cadra era necesario sobrevivir nesas circunstancias. Os redactores novos tiveron moito poder, así, para modular a liña editorial dos xornais. Na prensa galega da Transición podes ver titulares que hoxe serían impensables, como Hoy, jornada de defensa de la dignidad nacional de Galicia, a cinco columnas, na Voz. Pero iso só pasou ata o 79-80. Foi no momento previo ao golpe do 23-F, á LOAPA…

Cando xa non había esa inestabilidade, xa se sabía máis ou menos como quedaba configurado o poder, digamos que “mandaron parar”. Porque xa estaba claro que España, e Galicia, ían ser unha democracia occidental, que non ía haber unha revolución comunista nin nada así, que o poder económico, e o xudicial, ían manterse máis ou menos no seu sitio… Entón mudaron directores, xefes de sección, cronistas políticos… e comezaron a tomar as decisións de xeito moito máis vertical, seguramente tamén recibindo os directores ordes directas dos editores ou dos grupos económicos... Así, tórnase máis morna e institucional a posición en favor da autonomía.

Non é, dicías antes, que os xornais fosen partidarios da ruptura, nin de esquerdas, nin galeguistas. Pero fixeron o que se supón que ten que facer un xornal: contar o que pasaba. Informar do goberno e das críticas ao goberno. Dos movementos políticos de oposición ao franquismo.

Nos xornais “escoitábase o ruído da rúa”, como me dixeron nunha entrevista. Mais aquí tamén hai que matizar. A actividade política e social antifranquista non é aquí tan forte como noutros lugares. O que pasa é que os xornalistas ían por diante da maioría social, máis conservadora, pero por detrás dos sectores sociais máis politizados e comprometidos. O que si pasa é que, no relato hexemónico sobre a Transición, o que se nos conta é que foi un pacto de elites: o Pacto do Hostal, por exemplo, ou como moito fálase de feitos puntuais como a loita das Encrobas. Pero déixase de lado que había mobilización política, sindical, veciñal, cultural, labrega…

E todos eses movementos sociais están presentes nos xornais, dun xeito natural, e non burocratizado como agora, que a relación se establece a través de notas de prensa, roldas de prensa… Daquela contábase o que pasaba de xeito máis directo, porque os xornalistas traballaban na rúa. Estaban alí, nas folgas, nas manifestacións, nos actos… e eran os xornalistas máis novos os que mellor entendían o que pasaba na rúa, e os seus xefes deixábanlles facer. Non é que houbese unha posición dos medios a favor da ruptura. Pero si contribuíron moito a visibilizar, e así a normalizar, a oposición antifranquista.

"Os xornalistas ían por diante da maioría social, máis conservadora, pero por detrás dos sectores sociais máis politizados e comprometidos"

Comentabas antes que a apertura e a defensa tan activa da autonomía parou no 79-80, unha vez que comezou a clarificarse a situación política. Que máis mudou para que se producise esa mudanza de actitude nos medios, da que a súa posición actual é reflexo? Que as crónicas políticas de Fernando Ramos, Luís Álvarez Pousa e X.A. Gaciño fosen substituídas polas de Gerardo González Martín, Carlos Luís Rodríguez e Eloy García debe significar algo.

No ano 79 e no 80 hai, como dicía, substitucións de nomes nas redaccións e nas direccións. E ademais a toma de decisións tornouse máis vertical: do editor para o director, do director para os xefes de área, dos xefes de área para os xornalistas… Eu non digo que o funcionamento dun xornal teña que ser, necesariamente, asembleario. Ou si, é un tema que se podería debater. Pero o que si está claro é que os xornais comezaron a funcionar doutra maneira, perdendo autonomía os xornalistas.

Varios dos entrevistados comentaban que, na primeira etapa da Transición, sentían que tiñan máis liberdade, menos presións que agora. E iso que acababan de saír dunha ditadura, coa lei de prensa de Fraga, e que ata o 77 non houbo goberno democrático. Nun principio, non parece o mellor contexto para ter liberdade. Pero é que a presión vía publicidade, concesións, convenios, axudas… vén despois. Nesa primeira fase había menos e eran máis obxectivas: dependían da difusión. Despois pasaron a depender máis da proximidade ao poder político. A partir do 85, a medida que se constrúe a autonomía, hai moitas máis axudas aos medios, e máis nos 90, cos gobernos de Fraga.

"Varios dos entrevistados comentaban que, na primeira etapa da Transición, sentían que tiñan máis liberdade, menos presións"

Mais non é só que os xornais visen que podían beneficiarse da autonomía. A autonomía “crea autonomistas”, comentas. Nun proceso de retroalimentación.

Os medios vanse adaptando aos novos tempos e perciben que poden beneficiarse da autonomía. Pero non é só iso. Ao irse construíndo a autonomía, van entendendo que o que nun principio puidera identificarse co soberanismo ou o independentismo, o que é na práctica é administración, institucións. Retíraselle a carga política que tiña a termo. E hai outra cousa importante, que hoxe damos por suposta pero naquel momento non era así. Eu fixen unha análise cuantitativa e comprobei que Galicia como concepto unitario aparece nos xornais moito máis no 78, 79, 80 e 81 que no 75 e 76.

Porque, ao falar de Galicia, da economía galega, da política galega, da autonomía galega…, ao falar de Galicia como unidade, distinta de España, os medios tamén axudan á construción nacional de Galicia, á conciencia de ser galegos. No 75 ou 76 falan de cidades ou de provincias. Despois falan moito máis de Galicia. Hai estudos que detectaron isto mesmo en Catalunya e Euskadi. E é importante: o proceso de construción nacional, de creación da identidade, que foi máis alá do nacionalismo. Por suposto, as bases estaban postas xa de antes, coa historia do galeguismo: a Xeración Nós… Pero os medios tamén foron importantes nesa época nese aspecto.

"Ao falar de Galicia como unidade, distinta de España, os medios tamén axudan á construción nacional de Galicia"

Os medios vanse posicionando, entón. Nas eleccións do 77, El Ideal amosábase contrario ao comunismo, El Correo Gallego estaba máis ben con AP (Feliciano Barrera ía nas listas de AP), La Voz trataba de dar unha imaxe imparcial…

Non é tan fácil identificar liñas editoriais claras. Hai cambios moi rápidos. Pasan 6 meses e, ás veces, non parece o mesmo xornal. É unha situación contraditoria. El Ideal estaba máis próximo da UCD, pero en Galicia era moito máis aperturista. Dá espazo a todos, aínda que estea máis coa UCD, pero non dun xeito moi marcado. Na Voz, a filla do propietario, María Victoria Fernández, era de AP, pero o periódico amosouse crítico con AP. É todo un pouco caótico. El Correo non o estudei na tese pero, si, era máis próximo a AP seguramente.

"Non é tan fácil identificar liñas editoriais claras. Hai cambios moi rápidos. Pasan 6 meses e, ás veces, non parece o mesmo xornal"

Como mudou a liña nas eleccións do 79 e nas do 81? En que mudaron os enfoques, na práctica?

Depende, en xeral, por exemplo, das crónicas políticas, que naquel tempo eran moi importantes, líanse moito. Na Voz, como no Faro, non había editorial, ademais, e a crónica política facía de editorial. Igual que agora. A selección de opinadores foi un dos cambios. Pero hai máis. O espazo, a xerarquía -se o tema vai a portada ou acaba relegado a un faldón...-, o tratamento…

Unha das mudanzas foi dar menos espazo á esquerda e aos nacionalistas. Os xornais pasan de darlle unha páxina ou facer unha entrevista a grupos de esquerdas moi pequenos a, no 80, non falar deles. No 80 fálase menos da autonomía e do Estatuto, dáse menos voz aos seus partidarios e máis ás voces máis oficiais, parece que desaparece o sentimento de “aldraxe”... Un exemplo significativo é o tratamento do 25 de xullo. O golpe de Estado non triunfa pero ten efectos. Fai “encarreirar” o proceso, porque hai medo: os tanques volveran á rúa.

"Os xornais pasan de darlle unha páxina ou facer unha entrevista a grupos de esquerdas moi pequenos a, no 80, non falar deles"

Entón, pásase de celebrar o 25 de xullo con grandes titulares a mesmo criminalizalo, relacionando a AN-PG co terrorismo… Outro exemplo diso é a expulsión de Domingos Merino pola prensa coruñesa. Non vou identificalo coa presión dos medios a algúns gobernos municipais actuais, pero no caso de Domingos Merino é claro: no 79 non, pero no 80 e, sobre todo, no 81, o ataque ao concello é feroz. La Voz e El Ideal presionan e ao final hai moción de censura e Paco Vázquez acaba sendo alcalde.

Algúns dos entrevistados falan da banalización da autonomía. Da transmisión de ideas simplistas, de xeito que acaba case reducida a un “quero iso porque non quero ser menos ca Catalunya ou Euskadi”. Comezou aquí, e se cadra pode axudar a explicar o xeito de entender o “autonomismo” (rexionalismo) de boa parte da prensa actual.

Pode que o ambiente social en favor da autonomía non tivese unha base tan sólida, pero si que había autonomismo, e houbo presións, da UCD e do PSOE, para que se rebaixase o ton autonomista. Pode que se asumise a idea de que Galicia tiña que ter unha autonomía de primeiro nivel, -nunca menor que a de Catalunya ou Euskadi-, ás veces sen saber ben en que consistía. Non se explicou ben moitas veces e dixéronse cousas sen sentido como que coa autonomía ía acabar a emigración. Mais a reacción contra a aldraxe, a mobilización da rúa, foi algo real. Só que non se mantivo no tempo. Foi unha reacción que puido ter algo de epidérmico, de acto reflexo. Despois, a sociedade deixou de interesarse tanto polo tema. Funcionou moi ben o sentimento de agravio comparativo.

E da parte dos medios, como se explica esa reacción contra a “aldraxe”?

A reacción dos medios foi rápida e feroz. Pero é que os mesmos medios foran tamén sementando durante anos a idea de que Galicia tiña dereitos, de que era un suxeito político, de que a autonomía ía ser mellor para os galegos… Foi unha choiva fina de artigos, crónicas, entrevistas… Iso por unha banda. Pola outra, a acción de xornalistas moi implicados, que cargan as tintas nestes argumentos. E a acción de políticos coma Camilo Nogueira, Ceferino Díaz… Políticos que chamaban aos xornalistas cando se botaba abaixo algo do Estatuto. Tamén houbo reaccións á contra: El País púxose en contra do proceso autonomista. Por iso houbo mesmo queimas de exemplares de El País na praza do Toural. O sentimento de indignación era forte, polo menos entre a xente que saíu á rúa. Que non sería a maioría, pero si foi moi importante.

"Os mesmos medios foran tamén sementando durante anos a idea de que Galicia tiña dereitos, de que era un suxeito político"

Algo máis?

Se cadra o tema da Transición en Galicia. Hai varios debates abertos: a crise do réxime do 78, a segunda Transición, ou se como moito é unha renovación da primeira… Eu tento ser cauteloso. A sociedade era a que era. Eu non cargo tanto as tintas no que se fixo na Transición ou non. Porque é tan importante o que pasou despois. Creo que o resultado, aínda que os actores xogasen as súas cartas doutro xeito, non ía ser moi distinto. Non había base social para a ruptura. Unha vez realizada a primeira parte do proceso veu todo o demais. E hai que ter en conta todo: as reconversións, os sectores marxinalizados da sociedade, o cambio social dos 60 aos 80, o crecemento das cidades, a desgaleguización… O efecto de todo iso tamén está pouco estudado e eu animo a seguir por aí, porque é importante para entender Galicia hoxe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.