O 16 de maio de 1978 celebrouse no Hotel Samil de Vigo a cea de entrega dos primeiros Premios da Crítica Galicia. Este outono entregaranse os galardóns por cuadraxésima vez, pero este sábado, na sede de Afundación de Vigo, na cidade que sempre acolleu as cerimonias, celebrouse o acto de aniversario.
Vigo, onde sempre se entregaron, acolleu este sábado o acto de aniversario
No acto deste sábado estreouse un documental elaborado pola TVG no que se fai repaso á evolución da cultura nestes 40 anos e houbo cunha actuación de Carlos Núñez, tamén Premio da Crítica. A organización, co seu presidente Bieito Ledo á fronte, salientou “a permanencia e os resultados de catro décadas de presencia ininterrompida no panorama cultural galego” desde que os premios naceron por iniciativa do Círculo Ourensán-Vigués “anticipándose ao inicio da Autonomía, como unha plataforma plural, independente e interxeracional, para tomar o pulso do latexo da creación cultural en Galicia”. “Neste tempo, preto de trescentas persoas, organismos ou institucións foron distinguidos polo labor desenvolvido en galego, desde Galicia e para o mundo”, resumiu. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salientou o papel dos Premios da Crítica “como alicerce para facer país”.
As modalidades actuais dos Premios da Crítica son as de creación literaria, investigación, música, iniciativas culturais e científicas, artes plásticas, artes escénicas, cine e artes audiovisuais e cultura gastronómica.