Berrogüetto e Lois Patiño, Premios da Crítica de Galicia

Lois Patiño © zeitunfilms

O grupo folk Berrogüeto, o pintor Antón Pulido ou o director vigués Lois Patiño foron algúns dos artistas galardoados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica de Galicia, cuxa entrega de premios se celebrou este sábado en Vigo. Unhas 350 persoas representativas dos diversos ámbitos da política, a sociedade e da actividade cultural do país; entre eles o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, ou o presidente da RAG, Xesús Alonso, asistiron  entrega dos galardóns.

O Premio de Creación Literaria caeu este ano nas mans de José María Lema coa súa obra Costa do Solpor, mentres que Xosé Ramón Freixeiro foi galardoado co Premio de Investigación polo xurado de expertos.

Berrogüeto foi premiado pola "súa excelete traxectoria artística como referencia imprescindible da músida de raíz galega"

Dentro do ámbito das Iniciativas Culturais, o Ciclo de Poetas D(in)versos, do Centro Ágora da Coruña, alzouse gañador pola súa capacidade para "ofrecer os recitais da mellor poesía de Galicia" e ser "fonte de alimentación do gusto poético". Ademais, o grupo folk galego Berrogüetto recibiu por maioría o Premio de Música pola "súa excelente traxectoria artística de case vinte anos como referencia imprescindible na música de raíz galega".

No grupo das Artes Plásticas e Visuais, foi o pintor Antón Pulido o encargado de recoller o premio, mentres que Lois Patiño fíxose co galardón de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado premiou a súa película Costa da Morte, pola súa "capacidade para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cinema galego e na revisión do diálogo entre cinema e paisaxe".

O xurado considera 'Costa da Morte' capaz de "abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cinema galego"

Por primeira vez, os Premios da Crítica inclúen a modalidade de Cultura Gastronómica, campo no cal a empresa Grupo Cuevas alzouse como gañadora por ser unha "empresa familiar de longa e consolidada traxectoria" e ser "pioneira en converter un produto autóctono (a castaña) nun elemento de calidade".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou a "excelencia e vitalidade" da creación cultural do país e felicitou as persoas e colectivos que "de forma decidido" exploran novas facetas da creatividade nos diferentes ámbitos da cultura. Subliñou que esa "vitalidade cultural" está estimulada, "en boa medida", polo papel da crítica especializada, que, segundo o presidente, "realiza un traballo de selección nada fácil nas manifestacións culturais de Galicia".

Feijóo, na entrega dos Premios da Crítica © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.