Este luns ábrese unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, o tradicional Salón Internacional do Cómic da Coruña dirixido por Miguelanxo Prado. Isabel Greenberg, David Sala, Albert Monteys, Tony Sandoval, Antonio Navarro, Jorge Coelho ou o ferrolán Abel Alves destacan entre os e as artistas convidadas desta 22ª edición do evento.
Isabel Greenberg, David Sala, Albert Monteys, Tony Sandoval, Antonio Navarro, Jorge Coelho ou o ferrolán Abel Alves destacan entre os e as artistas convidadas desta 22ª edición do evento
Na programación destaca a presenza da creadora británica Isabel Greenberg, quen sorprendeu ao mundo editorial tanto coa súa primeira novela gráfica, a saga The Encyclopedia of Early Earth, coma coa súa fábula feminista The one hundred nights of Hero.
Tamén a do autor mexicano afincado en Europa Tony Sandoval, a quen lle chegou o éxito coa súa personaxe Blacky, un gato con inquedanzas románticas e mesmo morriñento. Porén, sería tras saír do prelo El cadáver y el sofá (2007) cando Sandoval acadaría sona; unha obra á que seguiron Epidemia de melancolía(2011) e La serpiente de agua (2014), inspirada en Edgar Allan Poe.
Cómpre salientar igualmente a presenta do francés David Sala, un creador que estudou na prestixiosa escola Emile Cohl e que confesa influencias tan diverxentes coma Alberto Breccia ou Stanley Kubric. Ao longo da súa carreira traballou cos máis importantes guionistas, coma Jorge Zentner (Replay e a serie Nicolás Eymerich, inquisidor). Sala triunfou no ámbito europeo da banda deseñada coa súa adaptación de El jugador de Ajedrez, a novela de Stefan Zweig.
Estará tamén na Coruña o portugués Jorge Coelho, debuxante da extravagante serie policíaca John Flood, con guión de Justin Jordan. Tamén é o creador de Polarity, Sleepy Hollow e Forgetless. Debuxante de Marvel, é un dos responsables, xunto con Brian Wood, da serie Robocop: Citizens Arrest (Boom! Studios).
Outro dos protagonistas será o catalán Albert Monteys, unha das sinaturas indispensable da revista El Jueves nos últimos anos. Autor da serie Tato, ou de Para ti, que eres joven, con Manel Fontdevila, traballou posteriormente noutros proxectos, como a serie dixital ¡Universo! coa que gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra de autor nacional publicada no 2018.
Viñetas botará a andar o luns ás sete da tarde e chegará ata o domingo 11
Para rematar, o o debuxante e guionista ferrolán Abel Alves gañou o dereito a un espazo preferente no Salón. É autor da novela gráfica Sangre y sol editada en Uruguai e gañadora do Fondo Concursable para a Cultura de Uruguai 2014. No 2016 sae do prelo a novela gráfica Aram o Armenio, dedicada ao xenocidio armenio de 1915. O pasado ano publica Segunda Venida e, coa colaboración do Concello da Coruña, lanza ao mercado A tumba de Breogán, unha ficción histórica con personaxes como Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Murguía. Na actualidade prepara varios proxectos para o mercado español e estranxeiro.
Por último, a poeta compostelá Yolanda Castaño trae a Viñetas os seus poemas ilustrados pola man de boa parte dos máis célebres debuxantes galegos: Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio e Fernando Iglesias Kohell.
Viñetas botará a andar o luns ás sete da tarde e chegará ata o domingo 11. Sete días de presentacións, sinaturas, exposicións nas que a cidade se converte nun escenario de banda deseñada. Este ano, de feito, ademais das habitual figuras do cómic que como todos os veráns tomarán as rúas da Coruña e algún dos seus monumentos máis importantes, unha exposición convida aos transeúntes a camiñar entre viñetas pola Dársena (ao redor da sede da Autoridade Portuaria).
Unha exposición convida aos transeúntes a camiñar entre viñetas pola Dársena
Entre as restantes mostras programadas para este ano destaca a que acollerá o Pazo Municipal de María Pita, dedicada a Tintín. Ademais, a Sala Salvador de Madariaga acollerá a exposición dos orixinais da obra galardoada no 2018 co XIII Premio Castelao de Banda Deseñada, editado pola Deputación da Coruña: Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón Lema.
Ademais das exposicións e os encontros cos autores convidados, a oferta do Festival inclúe obradoiros e presentacións editoriais na carpa instalada nos Xardíns de Méndez Núñez, así como a tradicional Feira da Historieta. Aínda que Viñetas 2019 permanecerá aberto só entre o 5 e mais o 11 de agosto, as exposicións de orixinais continuarán abertas ao público ata o 8 de setembro.