'Queda sitio na vasoira?' é o libro infantil que traduciron ao galego 11 rapazas e rapaces de 3º da ESO de Vigo coa axuda da súa profesora de inglés, Laura Sáez, editora no selo Patas de peixe
A última hora de clase dos venres é, para calquera que lembre o paso polo instituto, a derradeira barreira a derrubar para centrarse no lecer. Con 14 ou 15 anos unha semana é un mundo, e máis se tes clase cos protocolos de protección no medio dunha pandemia. A tradutora Laura Sáez chegou ao instituto Santa Irene de Vigo para dar a materia de Inglés o curso pasado, por mor da COVID houbo que dividir o alumnado polos diferentes espazos do centro –que ademais estaba en obras– e xusto lle tocou un 3º da ESO con 11 alumnas, nove rapazas e dous rapaces.
Din que hai que converter os problemas en oportunidades. E iso fixo Laura Sáez con esas 11 alumnas ás que non quería cargar con máis materia que ao resto, e ás que precisaba manter atentas e entretidas máis alá do currículo obrigatorio da súa materia. Por iso, decidiu probar a introducilas no seu outro traballo, a tradución editorial de libros infantís no selo independente Patas de peixe, que fundou no ano 2008.
O libro Room on the Broom, escrito por Julia Donaldson e ilustrado por Axel Scheffler é agora tamén en galego Queda sitio na vasoira?, editado por Patas de Peixe e traducido por Antía Blanco Álvarez, Eva Bobillo Fernández, Candela Faílde López, Olalla García Rey, Claudia González González, Clara Jimenez Arjones, Sofía Teresa Lorenzo Alfageme, Marian Orosa Aldrey, Valeria Torres Medin, Brais Vázquez González, Pedro Vázquez Herrera e as profesoras Laura Sáez e mais Uxía Gómez Dacal e Sabela Lista Rodríguez, que estaban a facer as súas prácticas no Santa Irene.
O difícil desta tradución, conta Laura Sáez, era que Julia Donaldson sempre emprega o recurso da rima nos seus textos. Ela sábeo ben porque non era a primeira vez que se metía en fariña cun libro desta autora, pero ao ir todo medido e rimado o reto era enorme. ″Pensaba facelo eu no meu tempo de lecer, pero pensei en levalo á aula a ver o que pasaba. O bonito foi que máis que pelexarse co inglés, creo que descubriron o galego, que é o que máis ilusión me fixo″, explica.
"A maioría das palabras que me propoñían ao principio eran en castelán, non teñen interiorizado o galego", di a profesora e tradutora
″A maioría das palabras que me propoñían ao principio eran en castelán, non teñen interiorizado o galego. En Vigo case non existe o galego e temos que reivindicalo –comenta a profesora–. Nos institutos das cidades teño visto unha actitude moi mala cara ao galego, e elas descubriron un montón de recursos para facer a tradución″. Foron case seis meses de debates na aula para chegaren a un texto final, e por momentos chegou a facerse algo pesado.
″Creo que estamos acostumados a basearnos en resultados moi inmediatos e a tradución é un proceso que pode acabar resultando pesado. Fóronse decatando de que a min non me valía todo. Ao principio facían rimas moi sinxelas e eu dicíalles que non. Eu ía guiando e facíalles propostas, pero sorprendeume moito a achega delas, que ás veces tiñan ideas que a min non se me terían ocorrido na vida. Ademais, moitas cousas as decidimos por votación″, debulla Sáez.
"O ensino pode ser frustrante porque non ves o resultado, pero aquí comezamos facer unha tradución e acabamos cun libro nas mans", salienta Sáez
″A cantidade de alumnado que temos normalmente na aula diminúe a calidade do ensino moitísimo″, afirma Laura Sáez, que se viu cun grupo de 25 alumnos fronte a outro de 11, co que avanzaba a moita máis velocidade cos contidos. ″O ensino, moitas veces, é un pouco frustrante porque ti nunca ves o resultado do teu traballo realmente. Os nenos sacan mellores ou peores notas, pero nunca chegas a ver os froitos porque iso tarda moito. Pero aquí si, porque comezamos facer unha tradución e acabamos cun libro nas mans″, celebra.
O resultado foi tamén moi positivo para o grupo de tradutoras novas, pois na presentación do libro que fixeron diante dos seus compañeiros e compañeiras no paraninfo do IES Santa Irene, comentaron o divertido do proceso e como agardaban con ganas a que chegase a clase de inglés dos venres. Ademais, destacaron o que lles achegou estar nunha aula máis reducida no curso pasado, na que tiñan a posibilidade de seren menos anónimas.
″Profe, pero esta tradución é moi básica!", criticaban as alumnas ao ler o mesmo texto en castelán
A sorpresa para as rapazas chegou cando puideron ler a tradución do libro infantil ao castelán, que ata que tiveran rematada o texto en galego tiñan prohibido consultar. ″Profe, pero esta tradución é moi básica! Mira que rimas! A verdade é que interiorizaron un montón de cousas sen decatarse e aprenderon realmente a valorar a calidade dun texto″, aplaude a profesora.
Pero é que a aprendizaxe transcendeu a parte literaria, pois as 11 alumnas asinaron un contrato como tradutoras –e non hai tantas experiencias de tradución en equipo en Galicia, está a do Ulises de Joyce ou os libros de Harry Potter de J. K. Rowling–. ″Indignáronse moitísimo cando lles dixen o que cobra un tradutor, así que penso que aprenderon tamén a valorar o traballo intelectual″, asegura a responsable de Patas de peixe.
"Foi un traballo complexo pero penso que o resultado é marabilloso. Creo que a tradución é boísima, e non é porque sexa nosa, pero é infinitamente mellor ca do castelán, sen dúbida. Pero tamén é certo que no castelán moitas editoras, ao ser literatura infantil, non lle prestan a atención ao texto que deberían", conclúe Laura Sáez.