Comezan as clases nos institutos coa mocidade vacinada e cifras baixas de incidencia, pero menos profesorado que o curso pasado

Aula nun instituto de educación secundaria en Galicia CC-BY-SA Xunta

Este mércores comezan as clases en ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Será o terceiro curso no que a pandemia de COVID será protagonista, aínda que se espera que este supoña un regreso a unha maior normalidade. Hai unha razón para o optimismo: o proceso de vacinación, que ao longo desta semana se completará para a maioría da mocidade entre 12 e 19 anos, que chegará ao 90% de persoas coa pauta completa nuns días. 

O curso comezará entre críticas dos sindicatos pola redución do número de mestres e mestras con respecto ao curso pasado, ao redor de 500 prazas menos

Ademais, nas últimas semanas o número de contaxios detectados neste grupo de idade veu reducíndose considerablemente e de feito a incidencia acumulada nos últimos 14 días rolda xa os 150 casos por cada 100.000 habitantes, pouco por riba da media do conxunto da poboación galega.

O curso comezará, iso si, entre críticas dos sindicatos pola redución do número de mestres e mestras con respecto ao curso pasado, ao redor de 500 prazas menos. A razón principal é a relaxación na principal das medidas anti-COVID: a separación entre o estudantado nas aulas de 1,5 a 1,2 metros, que no curso pasado obrigou a desdobrar clases, incrementando a seguridade.

Por parte do Goberno galego, este martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez defendeu o curso escolar comeza en Galicia con dous mil mestres e mestras máis con respecto ao ano previo á pandemia. Porén, o propio conselleiro recoñeceu que neste curso se produce unha importante redución con respecto ao ano pasado.

Os sindicatos piden manter os desdobres de clases e os rateos reducidos que, ademais, posibilitaron que a pandemia non dificultase a aprendizaxe do alumnado, senón que mesmo se incrementase a calidade educativa

Os sindicatos denuncian que na redución de 1,5 a 1,2 metros da distancia entre o alumnado nas aulas (en vigor só nalgunhas comunidades autónomas, mentres que outras optaron por mantes a mesma separación) primaron "os criterios economicistas fronte aos sanitarios", como sinalou a Federación do Ensino de CCOO, que cifra en máis de 500 a redución de prazas de profesorado, un número semellante ao detallado pola CIG, que sinala que probablemente "a redución de profesorado é aínda maior tendo en conta as xubilacións e as prazas non cubertas, xa que hai, sen dúbida, prazas de xubilacións que se amortizaron e non se adxudicaron”.

Ambos os dous sindicatos reclaman o mantemento da distancia mínima de 1,5 metros, que o curso pasado permitiu incrementar a seguridade ante posibles contaxios. E, en consecuencia, piden manter os desdobres de clases e os rateos reducidos que, ademais, posibilitaron que a pandemia non dificultase a aprendizaxe do alumnado, senón que mesmo se incrementase a calidade educativa. "Os recortes dificultan o proceso de aprendizaxe, empeoran o traballo do profesorado e reducen a oferta dos centros", denunciou a CIG este martes nunha concentración convocada ante a sede da Consellaría. 

O novo protocolo: distancia de 1,2 metros nas aulas e máis espazos e actividades

O principal cambio nas normas de prevención ante a COVID é a redución de 1,5 a 1,2 metros dentro das aulas, unha medida que tamén se aplica en comunidades como Madrid, Baleares ou Murcia. Pola contra, Cantabria, Canarias, Catalunya ou Castela-León, entre outros territorios, seguirán mantendo a distancia mínima de 1,2 metros.

O principal cambio nas normas de prevención ante a COVID é a redución de 1,5 a 1,2 metros dentro das aulas. Este cambio leva a un aumento no número de alumnos e alumnas en cada clase, eliminándose a maior parte dos desdobres introducidos no curso pasado

Este cambio leva a un aumento no número de alumnos e alumnas en cada clase, eliminándose a maior parte dos desdobres introducidos no curso pasado. Sindicatos, anpas e outros colectivos da comunidade educativa chaman a atención sobre o feito de que esta relaxación das medidas chegan nun momento no que é predominante a variante Delta, moito máis contaxiosa das anteriores e a pesar dos estudos científicos que demostran unha maior posibilidade de contaxio en distancias reducidas. 

Neste senso, lembran que a distancia mínima de 1,5 metros segue sendo a referencia de seguridade empregada fóra das aulas (por exemplo nos recreos ou nos corredores) e que mesmo se considera contacto estreito a calquera persoa que estivera a menos de dous metros. De aí que se incrementen as críticas sobre o criterio "economicista" empregado para reducir a distancia a 1,2 metros, aumentando así os rateos de alumnado por aula.

Concentración convocada este martes pola CIG e Anpas galegas © CIG

Outro dos cambios é que nos recreos si se poderán mesturar grupos distintos, sempre que se manteña esa distancia de 1,5 metros, que tamén será a norma en bibliotecas e outros espazos comúns. Así mesmo, poderanse compartir obxectos, como balóns, ou elementos empregados en laboratorios, obradoiros e as propias bibliotecas, dada a escasa probabilidade de contaxio a través das superficies.

Outro dos cambios é que nos recreos si se poderán mesturar grupos distintos, sempre que se manteña esa distancia de 1,5 metros

O que non cambia é o uso da máscara, que seguirá sendo obrigatoria en todo momento, agás á hora de comer. Ademais, o alumnado debe levar sempre unha de reposto. De igual xeito, a entrada aos centros realizarase de xeito distinto en función das diferentes etapas educativas, ben por portas distintas, ben a través de quendas sucesivas, de xeito graduado. 

Tamén se manterán as fórmulas de ventilación, que teñen demostrado ser a ferramenta fundamental para loitar contra a propagación do virus. As portas deben permanecer abertas, ventilando cando menos durante 15 minutos ao comezo e ao remate da mañá e da tarde e, ademais, durante cinco minutos entre as clases.

Incidencia á baixa e vacinación case completada

O 96% do profesorado e do persoal administrativo está xa completamente vacinado e a porcentaxe entre o alumnado dos institutos non fica moi por debaixo. De momento, este martes o 51,6% da poboación entre 12 e 19 anos conta xa coa pauta completa, unha porcentaxe que esta fin de semana se debería achegar ao 90,5% que recibiu a primeira dose da vacina nas últimas semanas.

A vacina demostrou ser moi efectiva para evitar infeccións graves, reducindo ao mínimo as mortes e hospitalizacións por COVID. Ademais, diversos estudos están a amosar que tamén contribúe a reducir a capacidade de transmisión do virus e os contaxios

A vacina demostrou ser moi efectiva para evitar infeccións graves e os peores efectos da enfermidade, reducindo ao mínimo as mortes e hospitalizacións por COVID. Porén, diversos estudos están a amosar que tamén contribúe a reducir a capacidade de transmisión do virus e os contaxios. A pesar de que a comezos de agosto un informe destacou que as persoas vacinadas tiñan a mesma carga viral nas súas vías respiratorias altas que os non vacinados, varios estudos recentes apuntan que as persoas vacinadas teñen entre un 50% e un 90% menos posibilidades de infectarse. Ademais, as persas vacinadas eliminarían do seu organismo o virus de forma moito máis rápida que as non vacinadas, mesmo no caso da variante Delta.

A incidencia acumulada no grupo de idade de 12 a 19 anos está no seu nivel máis baixo dende finais de xuño (153 casos por cada 100.000 persoas) e supera por pouco a media do conxunto da poboación (97)

Debería ser, pois, un outono máis tranquilo nos institutos, aínda que se deben manter as precaucións, como lembraba hai uns días Francisco Caamaño nesta entrevista. De momento, os contaxios entre a mocidade están a reducirse con gran rapidez. A incidencia acumulada no grupo de idade de 12 a 19 anos está no seu nivel máis baixo dende finais de xuño (153 casos por cada 100.000 persoas) e supera por pouco a media do conxunto da poboación (97), despois de ter superado valores de incidencia acumulada de dous mil casos por cada 100.000 habitantes. De feito, a incidencia nas persoas de 12 a 19 anos xa se sitúa por debaixo da que presentan os rapaces e rapazas de 11 anos ou menos, o único grupo que agora fica pendente de protexer cunha vacina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.