Acordo entre o Goberno do Estado e as autonomías para manter as medidas pactadas no pasado mes de maio de cara ao vindeiro curso escolar, a poucas semanas do seu comezo. Iniciarase coa máxima presencialidade posible, co uso da máscara a partir dos seis anos e coa posibilidade de reducir de 1,5 metros a 1,2 a distancia entre estudantes de manterse unha incidencia baixa da COVID.
O curso manterá as medidas anti-COVID pactadas: máxima presencialidade, máscara desde os 6 anos e posible redución de 1,5 metros a 1,2 a distancia
Manteranse, do mesmo xeito, os grupos de convivencia estable, ademais dunha serie de medidas sanitarias como a desinfección das instalacións ou a ventilación das aulas. Son, no entanto, medidas todas elas que se poderán "ir flexibilizando" no caso de que os efectos da COVID se reduzan e as autoridades sanitarias así o determinen, tal e como aclarou a ministra de Educación, Pilar Alegría, que advertiu de que a vacinación será unha "ferramenta fundamental" para que o curso se inicie don máis garantías e coa esperanza de menores restricións.
Na Conferencia Sectorial de Educación, cos conselleiros de Educación de cada comunidade, o de Galicia, Román Rodríguez, volveu criticar o Goberno central por non achegar fondos económicos complemetarios para facer fronte aos sobrecustos pola pandemia. A ministra, pola saúba banda, agardou que as autonomías "prioricen" o ensino no repartimento dos case 13.500 millóns de euros que o Estado vai transferir no ámbito dos servizos sociais fronte á COVID, o 70% deles previstos xa para o vindeiro mes.
Ademais, desde a Xunta reclamouse que o ritmo de vacinación fose tido en conta para poder ir flexibilizando as restricións a medida que vai aumentando a inmunización. O conselleiro Román Rodríguez, volveu insistir en que o vindeiro curso será aínda de transición, recalcando a intención de Educación de reducir a distancia interpersoal ao mínimo. Xa este xoves, dixo que a o Goberno galego agardará a coñecer os datos definitivos da matriculación para decidir sobre os reforzos docentes, que non só non asegura senón que case descarta.
"Contrataremos todos os profesores necesarios para dar cumprimento aos mandatos sanitarios", insiste o conselleiro, que insiste en que Galicia ten "os mellores ratios profesor alumno" no Estado. Con todo, Rodríguez xa asegurou que "non haberá cambios", agás "algún caso", en Primaria e debido á caída demográfica, con 4.000 alumnos menos este curso. En Secundaria, xa advertiu de que a redución da distancia interpersoal de 1,5 a 1,2 metros tería a súa "translación ao cadro docente". En definitiva, menos profesorado que o curso pasado.
Román Rodríguez di que aínda non se decidiu sobre reforzos docentes pero advirte de que a redución da distancia interpersoal terá "translación" ao persoal
Ante estas intencións, ANPAs e sindicatos levan meses advertindo de que a Xunta aproveitará a situación para reducir ratio e profesorado. De feito, a comunidade educativa xa alerta do "drástico" recorte no número de docentes, algo que nega a Consellería, aínda que recoñece que os reforzos do pasado ano foron circunstanciais e que se reducirá o persoal con respecto a ese curso malia aumentar en comparación co anterior á pandemia.
Desde CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, advirten de que a reunión no Ministerio só "veu confirmar" o anunciado e insisten na "clarísima crítica" á posibilidade redución da distancia interpersoal aos 1,2 metros, que aplicará a Xunta.
CIG-Ensino e CCOO alertan de que a redución da distancia interpersoal permitirá á Xunta reducir ratios e profesorado: "O Goberno central dálle cobertura"
"O Goberno galego aplaude coas orellas porque as medidas do Executivo central danlle cobertura para levar a cabo un recorte de profesorado sen precedentes", explica Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, que cre que o Estado tiña fácil "facer cumprir o seu desexo de que se manteña o persoal docente do curso pasado". "Abonda con que mantivesen a obrigatoriedade do metro e medio de distancia", engadiu.
Respecto das queixas da Xunta pola falta de fondos específicos para a COVID, Bermello advirte de que é "unha escusa" do Goberno galego. "Outras comunidades fan un esforzo económico por manter ou aumentar profesorado pero Feijóo sempre se apuntou á vangarda dos recortes e leva desde 2009 reducindo profesorado e aumentando as achegas á concertada; a decisión é política e ideolóxica", insiste quen acusa o Gobenro central de "darlle cobertura" a eses "recortes" da Administración autonómica.
Ademais, a Federación do Ensino de CCOO de Galicia xa rexeitou tamén o relaxamento das medidas COVID propostas pola Consellaría de Educación nun borrador que incluía esa diminución da distancia de seguridade a 1,2 metros. "Opoñémonos para non pór en perigo a saída da pandemia, para non aumentar as ratios e para manter o emprego", explica o sindicato, que cre que o obxectivo da Xunta é "introducir máis alumnado por aula, anular moitos desdobramentos de unidades e recortar profesorado" baixo un "criterio economicista e non sanitario".
Por outra banda, as principais confederacións de ANPAs de Galicia (Anpas Galegas e Confapa-Galicia) tamén amosaron o seu rexeitamento ás intencións da Xunta de non consolidar o reforzo de profesorado implantado por mor da COVID e advirten de que están recibindo máis queixas ca nunca polos recortes no número de docentes.