"Nunca recibíramos tantas queixas por recortes de medios e profesorado; ninguén agardaba isto nestes tempos e circunstancias". Anpas Galegas e a Confederación de ANPAs de Centros Públicos (Confapa-Galicia) coinciden ao confirmar que nunca tantas asociacións de nais e pais se puxeran en contacto para lanzar un SOS e denunciar a redución de docentes, aulas e mesmo centros educativos de cara ao vindeiro curso.
"Nunca recibíramos tantas queixas por recortes de medios e profesorado; ninguén agardaba isto nestes tempos e circunstancias", din as confederacións de ANPAs
As dúas principais confederacións de ANPAs de Galicia advirten dunha situación que, malia que áinda é difícil poñerlle cifras pola ausencia de datos oficiais desde a Xunta, é advertida pola comunidade educativa. Desde CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación, advírtese que os seus estudos confirmanxa un "recorte sen precedentes" xa confirmado para o vindeiro curso de máis de 430 docentes en Secundaria, así como a redución de 109 unidades e uns 150 mestres e mestras en Primaria.
A Consellería de Educación nega eses recortes --"non existen", di-- e asegura mesmo que "haberá máis" docentes que no curso 2019-20, o anterior á chegada do profesorado de reforzo por mor da pandemia. En todo caso, as posibles reducións nalgún centro, explican, xorde da caída demográfica. Pero as protestas das familias e consellos escolares de varios centros continúan: en Outes, en Fisterra, en Cangas, na Illa, en Chantada, en Sada... Ademais dos peches confirmados dos centros de Baamonde e Pino de Val, logo de meses de protestas.
"Ninguén esperaba que nunhas circunstancias sanitarias como as que temos se retirasen os apoios de profesorado do pasado curso e que mesmo se empeorasen as condicións; é dunha crueldade ou incompetencia excesiva", di Fernando Lacaci, presidente de Anpas Galegas, que insite en que na confederación están a recibir "moitas máis chamadas e peticións de axuda do normal" desde as familias.
Os reforzos do profesorado e o aumento das ratios "melloraron o rendemento" do alumnado o pasado curso: "Tememos que agora se estrague todo"
"Recibimos máis queixas e denuncias do habitual, así é", confirma Rogelio Carballo, presidente de Confapa, que relata non só as denuncias polos recortes, senón tamén casos nos que "faltan docentes nunhas áreas e sobran noutras" ou nos que profesorado acaba impartindo materias que non son da súa especialidade.
Os reforzos de profesorado que a pandemia impuxo para manter as distancias de seguridade e os grupos burbulla acabaron por "mellorar o rendemento" do alumnado. "Todos os factores estaban en contra, pero o desdobramento e a redución de ratios nas aulas beneficiou", di Carballo, que teme que "tendo esa experiencia" e o "convencemento" de que o incremento no número de docentes e de medios foi tan positivo, "agora se poida estragar todo". Pero a Xunta xa advertiu que aquilo fora algo "extraordinario".
No fondo, segundo engade Lacaci, está "o de sempre". "A motivación da Xunta é puramente económica: intentar recortar o gasto en profesorado en canto as cifras dan a posibilidade de eliminar aulas, grupos ou colexios enteiros", explica respecto a recortes que atribúe a "axustes en base a datos demográficos". "Isto non fai máis que revelar que temos un goberno que parece renunciar absolutamente á educación como factor de convivencia, de impulso, de vertebración do país", asegura.
"A motivación da Xunta é puramente económica: intentar recortar o gasto en profesorado en canto as cifras dan a posibilidade"
No fondo, a obviedade dun problema --"manter aulas con catro ou cinco alumnos acaba sendo contraproducente e prexudicial para o alumnado", reflexiona Carballo-- e o debate sobre como afrontar o despoboamento. Desde as ANPAs denúnciase o criterio exclusivo economicista da Xunta, centrada no aforro e nos fríos números das contas.
"Fixar todo no custo económico do sistema educativo, como adoita facerse, é un erro porque todos entendemos e sabemos que é un investimento. Mesmo sendo estritamente egoístas e priorizando ese criterio puramente mercantil, esta xente nova é a que vai pagar as nosas pensións, así que canto mellores formados saian, máis rendibles serán", relata Carballo.
"As mensaxes de apoio ao rural son falsas"
Para Lacaci, a clave de todo está no "modelo" do Goberno galego, nunha "estratexia" que, segundo denuncia, non olla ao futuro, nin a longo prazo nin á vertebración do país, nin ao interior e o rural. "Sempre que falamos de educación viramos a ollada á Consellería, pero deberíamos empezar a interpelar directamente o presidente da Xunta e preguntarlle que país quere, cara a onde vai e se isto é o que pretende para Galicia", advirte o presidente de Anpas Galegas.
"Cando suprimes un colexio, un centro de saúde e mesmo unha oficina bancaria, o que fas é matar unha zona... Se a idea deste Executivo é vertebrar o país arredor das cidades, que se diga; se ese é o seu obxectivo, que o digan claramente para que a cidadanía polo menos saiba o que agardar porque o que é claro é que todas esas mensaxes publicitarias de apoio ao rural son falsas", engade lembrando a cantidade de aulas pechadas, de escolas unitarias e de recorte de profesorado que afecta maioritariamente ao interior de Galicia.
"No momento que deterioras a calidade do ensino, co paso do tempo serán as familias as que decidan retirar os nenos do centro ou marchar de onde están, coas consecuencias que iso ten no despoboamento", insiste Lacaci, que lembra que facer unha política contraria á da Xunta "traería tamén resultados opostos".
"É incrible a cantidade de familias, non só de ANPAs, que nos preguntan que facer para evitar o peche dun colexio, os recortes ou a deterioración da calidade do ensino mentres o discurso público da Xunta é o da defensa do rural e do futuro. É todo mentira", remata.