Educación calcula que en Infantil e Primaria haberá 4.000 matrículas menos o vindeiro curso
Uns 4.000 alumnos e alumnas menos en Educación Infantil e Primaria debido á caída da natalidade. Son as previsións que manexa a Consellería de Cultura e Educación para o vindeiro curso escolar, nun dato contundente máis que volve pór o foco sobre a grave crise demográfica en Galicia.
Os cálculos da Xunta, sobre o alumnado de entre 3 e 12 anos, reflicten o resultado de anos de descenso da natalidade, xusto tras se confirmar que 2020 foi o ano coa menor cifra de nacementos en Galicia desde que hai datos.
Os datos demográficos actualizados polo IGE reflicten que en Galicia morreron 17.561 persoas máis das que naceron durante o pasado ano
Segundo os datos do movemento natural da poboación, actualizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este pasado venres tras os datos provisionais que o INE facilitara en xuño, no ano marcado pola COVID dende o seu terceiro mes, en Galicia morreron 32.822 persoas, 1.554 máis que en 2019 e apenas 403 máis que en 2018. No mesmo exercicio rexistráronse 15.261 nacementos, 457 menos que un ano antes.
As series de datos comparables dispoñibles no INE, que comezan en 1941 para os nacementos, amosan que os pouco máis de 15.000 nenos e nenas que naceron en Galicia durante 2020 son a cifra máis baixa de toda a serie. O mesmo sucede na serie de datos de mortalidade, co número máis alto, e que principia en 1960.
Deste xeito, a correlación entre mortes e nacementos é a máis negativa dende que hai datos comparables (dende 1960), con 2,15 persoas falecidas por cada persoa que naceu en Galicia. Esta correlación empeora ano tras ano dende o estourido da anterior crise económica, en 2008, cando no país se rexistrara 1,27 mortes por cada nacemento.
Estes datos provocan que o saldo vexetativo (diferenza absoluta entre nacementos e mortes) sexa tamén o peor dende que hai datos comparables, con 17.561 máis mortes que nacementos, fronte ás 15.550 de 2019. Todas estas cifras afondan nunha tendencia que xa se reflectía nos datos do padrón municipal a 1 de xaneiro de 2021, cando nin sequera a chegada de poboación nacida fóra logrou conter a regresión demográfica en Galicia.
Así, Galicia supera xa os 30 anos sen presentar un saldo vexetativo positivo, unhas cifras que se deixarán sentir agora nas matriculacións nos centros escolares de Infantil e Primaria de Galicia, onde a Consellería de Educación, en resposta a unha consulta deste diario, calcula que estudarán uns 4.000 cativos e cativas menos que o curso pasado.
Xa que logo, e segundo estas previsións, o número de alumnado matriculado en Infantil e Primaria situarase nunhas cifras que non eran tan baixas desde 2009 e con arredor de 4.000 pequenos e pequenas menos que hai unha década.
A caída demográfica afecta especialmente ao interior e ás provincias de Lugo e Ourense xa que, segundo os datos do IGE, case o 80% dos nacementos no ano 2020 en Galicia corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e de Pontevedra.
Só cinco concellos en Galicia presentaron un saldo vexetativo positivo en 2020: Arteixo, Oroso, Ames, O Porriño e Salceda de Caselas
Porque en Galicia, tan só cinco dos 313 concellos presentan un saldo vexetativo positivo: Arteixo, Oroso, Ames, O Porriño e Salceda de Caselas. Mesmo en todas as sete grandes cidades galegas o saldo é negativo.
Ademais, os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso á hora de ter descendencia. Así, en 2020 o 77,6% dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade, mentres que os nacementos nese grupo de idade representaban hai dez anos o 72,1%. No ano 2020 os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 13,6% do total de nacementos, fronte ao 5,8% de hai unha década.
Por outra banda, en canto ás defuncións, máis da metade das que se produciron en Galicia en 2020 (o 51,8%) corresponderon a persoas de 85 e máis anos.
Segundo debulla o IGE, nas mulleres as defuncións prodúcense a idades máis avanzadas aínda que no caso dos homes. Non obstante, a meirande parte das defuncións prodúcense en idades cada vez máis tardías: o 55,1%dos homes que faleceron tiñan 80 e máis anos e no caso das mulleres a porcentaxe que pertencía a ese grupo de idade era o 77,2%.