Galicia volve caer por baixo dos 2,7 millóns de habitantes malia ao incremento da poboación nacida fóra

Nenos nunha escola infantil da Xunta, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Foron varios dos últimos anos nos que o continuo descenso no número de nacementos en Galicia era amortecido nas cifras xerais de poboación pola chegada de persoas nacidas fóra, xa fose noutros lugares do Estado ou, sobre todo, no estranxeiro. Esta tendencia tamén está a mudar. Ou, cando menos, así o reflicten os datos provisionais do Padrón de habitantes que vén de facer públicos o INE.

O pasado 2020 Galicia perdeu algo máis de 7.500 habitantes, segundo as cifras provisionais do Padrón municipal

Estas cifras, datadas no 1 de xaneiro deste 2021, indican que durante o pasado 2020 Galicia perdeu algo máis de 7.500 habitantes e volveu caer por baixo do nivel dos 2,7 millóns. Atendendo a estas cifras, no primeiro ano marcado pola pandemia a chegada de poboación nada fóra xa non deu compensado o saldo vexetativo negativo de Galicia. 

No inicio deste ano, as persoas nacidas en Galicia e residentes no país eran case 14.000 menos que doce meses antes. Mentres, a poboación galega nacida no estranxeiro aumentou en case 4.000 persoas e son case 2.500 máis as mulleres que naceron noutra comunidade autónoma pero están empadroaados nalgún concello galego.

Visto en perspectiva dende o comezo desta serie estatística do INE (en 1998), a poboación galega ascendeu levemente ata roldar os 2,8 millóns de habitantes en 2010 para, acto seguido, regresar á senda descendente. Na última década, a poboación nacida e residente en Galicia pasou de 2,4 millóns de persoas en 2011 a algo menos de 2,3 millóns no inicio de 2021. Mentres, a poboación galega nacida no estranxeiro pasou de algo menos de 220.000 mulleres e homes a algo máis de 253.000.

Neste tempo tamén se incrementou a poboación de Galicia que naceu noutros puntos do Estado. En 2011era unhas 143.000 persoas as empadroadas en Galicia que naceran noutra comunidade autónoma. Este ano son xa 152.000, segundo os datos feitos públicos este 20 de abril de 2021.

Os datos actualizados do Padrón municipal chegan nun contexto no que o movemento natural da poboación en Galicia segue marcado polo descenso no número de nacementos e, por extensión, por un saldo vexetativo negativo, ao morrer máis persoas das que nacen. Esta situación provoca tamén que continúe o envellecemento da poboación e, nos datos demográficos definitivos de 2019, o número de persoas maiores de 65 anos duplicou o de menores de 15 por primeira vez dende que hai datos comparables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.