A porcentaxe galega de nacementos con nais maiores de 40 anos é a maior da Unión Europea

A idade media das mulleres que son nais en Galicia increméntase dende hai anos man bebé mapa Europa CC-BY-SA Foto: bady abbas/ Unsplash | Montaxe: Praza Pública

No ano 2019, Galicia tivo o seu menor número de nacementos dende que hai rexistros comparables. En apenas cinco concellos nacen xa máis persoas das que morren e unicamente a chegada de persoas inmigrantes consegue equilibrar a sostida perda de poboación. Esta crise demográfica non é exclusiva de Galicia, pero son varios indicadores os que o país destaca negativamente polo seu devalo xa non só no contexto estatal, senón tamén no europeo. 

O anuario de Eurostat sinala Galicia por ter a "maior proporción de nacementos de nais de 40 anos ou máis", o que supón multiplicar por 2,5 a media da Unión Europea

A oficina estatística da Comisión Europea, Eurostat, vén de publicar a edición de 2020 do seu Anuario Estatístico Rexional. Con datos de 2019 e 2018, este traballo sinala a Galicia como territorio destacado polo seu envellecemento, polo baixo número de nacementos e por outros indicadores intimamente ligados con estes fenómenos. Entre eles, a cada vez máis elevada idade das mulleres que deciden ser nais, indicador no que Galicia é sinalado por Eurostat por ser o territorio con maior porcentaxe de mulleres que dan a luz cando teñen máis de 40 anos.

Explica Eurostat que no ano 2018 a idade media das nais na Unión Europea situábase en 30,8 anos nun contexto de incremento xeral deste indicador. A "maior participación feminina na educación superior", pero tamén unha "menor seguridade no traballo" ou "o crecente custo da crianza e a vivenda" son algúns dos factores sinalados por este traballo como causas da "crecente proporción de mulleres que quedan embarazadas máis tarde".

O anuario de estatísticas rexionais de Eurostat para 2020 destaca Galicia como territorio con maio porcentaxe de nais maiores de 40 anos CC-BY-SA Praza Pública

Fronte ao 12% galego, a media da UE sitúase na contorna do 5%

Neste punto, Eurostat resalta que "aproximadamente, un de cada vinte nacementos na Unión Europea" son xa de fillos e fillas de mulleres maiores de 40 anos, arredor do 5,2%. No entanto, esta proporción non é homoxénea e nalgunhas rexións do continente este indicador xa supera o 7%. O dato medio de España, pero tamén os de Irlanda ou Italia, están por riba dun indicador que é notablememente máis elevado no caso galego.

Así, resalta explicitamente o anuario, no ano 2018 "Galicia tiña a maior proporción de nacementos de nais de 40 anos ou máis". Concretamente, a porcentaxe galega estaba daquela no 12,9%, "aproximadamente 2,5 veces a media da Unión Europea". "Na outra beira do espectro" está a rexión eslovaca de Východné Slovensko, con apenas un 2,2% de nais maiores de 40 anos.

O anuario de Eurostat tamén sinala Galicia como exemplo de baixa natalidade

Eurostat achega este rechamante dato nun contexto no que tamén sinala Galicia como exemplo de baixa taxa de natalidade, isto é, como un dos territorios do continente con menor número de nacementos por cada mil habitantes. "As taxas máis baixas rexístranse en rexións italianas e españolas" entre as que destaca Asturias, coa taxa de natalidade bruta máis baixa da UE en 2018 (5,6 nacementos por 1.000 habitantes), pero seguida de preto por Sardeña, Liguria e Galicia.

No conxunto do continente -excluídos os territorios "ultraperiféricos" franceses das illas de Mayotte, Guyane ou La Réunion-, a rexión europea con maior taxa de natalidade foi Melilla. A continuación, situaríase a rexión de Bruxelas, con algo máis de 14 nacementos por cada 1.000 habitantes.

A taxa bruta de natalidade de Galicia destaca entre as menores da UE, segundo Eurostat CC-BY-SA Gráficos: Eurostat | Montaxe: Praza Pública

Reflexións sobre a elevada idade das nais galegas

Cuestións como o incremento da idade da maternidade foron nos últimos tempos por colectivos como o grupo de Maternidades Feministas en Compostela no inicio dos traballos Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan á maternidade e ás súas crianzas. "Ás mulleres fáisenos responsables da baixa natalidade, pero despois non se escoitan as nosas demandas", destacaban as súas impulsoras nunha entrevista con Praza.gal.

Sobre este asunto pronunciábase tamén neste xornal o catedrático de Historia da USC Isidro Dubert, coordinador da obra A morte de Galicia . "Non se fala da emigración, prefírese poñer o foco en que as mulleres non teñen fillos e en culpar os vellos", destacaba, nun contexto no que subliñaba que "agardar que unha muller teña fillos cando a maternidade compromete a súa carreira e a súa permanencia no mercado laboral é un contrasenso".

Estas reflexións producíanse nun contexto no que tamén o Instituto Galego de Estatística evidenciaba o incremento sostido da media de idade das mulleres que son nais en Galicia. Así, mentres que hai apenas unha década a franxa de idade máis habitual para ter fillos e fillas en Galicia era de entre 30 e 34 anos, agora xa se desprazou ao intervalo de entre os 35 e os 39. Os datos do IGE tamén amosan como a franxa de idade de 25 a 29 anos perde cada vez máis peso entre as mulleres galegas que teñen fillas e fillos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.