Os números vólvenlle dar as costas á Xunta. Durante a última media década o Goberno galego presentou diversas medias encamiñadas a que Galicia fose "dos primeiros" territorios en saír da crise, grazas a unha "anticipación" na aplicación de medidas de "austeridade" que permitiría acadar a "velocidade de cruceiro" na "recuperación" antes que outras autonomías do Estado. No entanto, diversos indicadores oficiais non só foron na dirección contraria ao augurado dende San Caetano, senón que acreditan que a fenda socioeconómica entre o país e a contorna europea aumentou durante a crise ata o punto de que, en eidos como o mercado laboral, Galicia é sinalada como un dos exemplos de destrución de emprego no continente.
Cadrando coa celebración da décimo terceira edición da semana europea das rexións e as cidades, os coñecidos como Open Days, a oficina estatística da Comisión Europea, Eurostat, vén de facer público o seu anuario de "estatísticas rexionais", que traza unha radiografía dos diversos territorios da UE chegando, no caso do Estado español, ao nivel autonómico e, nalgúns casos, ao provincial. Un dos apartados deste estudo céntrase no "impacto da crise económica e financeira no mercado de traballo" e acredita non só que o desemprego afecta máis aos Estados do sur, senón tamén as diferenzas entre territorios no que atinxe aos postos de traballo perdidos durante a crise.
Unha ollada ao anuario permite coñecer, por exemplo, que a ratio de persoas de entre 20 e 64 anos que teñen traballo é maior en toda Portugal que en Galicia, e meirande en Galicia que en comunidades autónomas como Andalucía ou Extremadura, ubicadas en niveis semellantes aos do sur de Italia ou a da práctica totalidade do territorio de Grecia. Así e todo, cando o dato observado é a variación deste indicador, a destrución de emprego, o mercado laboral galego pasa a formar parte dos territorios europeos que saíron peor parados deste período de crise.
Referencia a Galicia no informe
Así, Eurostat explica que entre 2009 e 2014 a maioría das rexións europeas sufriron importantes movementos no seu mercado laboral, xa fose para incrementar a poboación ocupada, caso por exemplo de todo o territorio de Alemaña e Suecia e a "maioría" do Reino Unido, ou para sufrir unha "contracción no emprego" que foi "particularmente evidente" no Estados do sur, en cuxos territorios se destruíu emprego a "ritmo rápido" durante a pasada media década. Neste contexto, a oficina estatística da UE destaca que en "todas as rexións" de Grecia o emprego caeu por riba dos 5 puntos durante estes anos, e que "tamén se rexistraron reducións desta magnitude en catro rexións españolas", a saber: Ceuta, Castilla-La Mancha, Galicia e Andalucía.
A ratio de poboación galega con traballo reduciuse en máis de 6 puntos entre 2009 e 2014
No caso galego, nomeadamente, esta contración da porcentaxe de poboación de entre 20 e 64 anos cun posto de traballo foi de 6,2 puntos. Sempre segundo as cifras de Eurostat, a destrución de emprego en Galicia foi superior á de Andalucía (-5,7), comunidade recorrentemente aludida pola Xunta como modelo a evitar. Nesta banda de destrución de emprego, aínda que por riba de Galicia en termos porcentuais, están tamén outros territorios do continente como Açores e Madeira.
Estas cifras deixan o mercado laboral galego lonxe da media europea, que no período analizado avanzou un 0,3%, pero tamén o afastan de territorios do Estado onde houbo destrución de emprego, pero menor. Este é o caso, por exemplo, de Balears, onde o emprego retrocedeu 1,2 puntos, ou de Euskadi e Catalunya, onde segundo Eurostat o mercado laboral sufriu unha contracción de 2 puntos nos últimos cinco anos.