Máis de dúas mortes por cada nacemento. Galicia levaba unha década achegándose a esa mala correlación e o primeiro ano marcado pola pandemia do coronavirus acelerou o empeoramento ata superala amplamente. Así o certifica o Instituto Nacional de Estadística (INE), que publicou este 17 de xuño os datos de movemento natural da poboación correspondentes ao 2020.
Os datos demográficos actualizados polo INE reflicten que en Galicia morreron 17.610 persoas máis das que naceron durante o pasado ano
Son indicadores aínda provisionais pero, con independencia das variacións que poidan sufrir cando sexan definitivos, estas non serán tan significativas como para mover as grandes tendencias. No ano marcado pola COVID dende o seu terceiro mes, en Galicia morreron algo máis de 32.800 persoas, 1.554 máis que en 2019 e apenas catrocentas máis que en 2019. No mesmo exercicio rexistráronse 15.212 nacementos, 571 menos que un ano antes.
En comparación co resto de comunidades autónomas, o aumento dun 5% das mortes en Galicia a respecto do ano anterior é o segundo máis baixo do Estado. O menor é o de Canarias (+4,2%) e o total estatal supera o 17%.
As series de datos comparables dispoñibles no INE, que comezan en 1941 para os nacementos, amosan que os pouco máis de 15.000 nenos e nenas que naceron en Galicia durante 2020 son a cifra máis baixa de toda a serie. O mesmo sucede na serie de datos de mortalidade, que principia en 1960.
Deste xeito, a correlación entre mortes e nacementos é a máis negativa dende que hai datos comparables (dende 1960), con 2,15 persoas falecidas por cada persoa que naceu en Galicia. Esta correlación empeora ano tras ano dende o estourido da anterior crise económica, en 2008, cando no país se rexistrara 1,27 mortes por cada nacemento.
Estes datos provocan que o saldo vexetativo (diferenza absoluta entre nacementos e mortes) sexa tamén o peor dende que hai datos comparables, con 17.610 máis mortes que nacementos. Todas estas cifras afondan nunha tendencia que xa se reflectía nos datos do padrón municipal a 1 de xaneiro de 2021, cando nin sequera a chegada de poboación nacida fóra logrou conter a regresión demográfica en Galicia.
Algo máis de 1.400 mortes coa COVID nese ano, segundo o Sergas
As mortes de persoas coa COVID notificadas polo Sergas durante 2020 equivalen ao 3,6% do total de falecementos en Galicia rexistrados polo INE
Os datos de mortalidade de 2020 son observados con especial atención pola relación que poidan gardar coa pandemia. Mentres os traballos especializados aínda pescudan para achar o número de mortes atribuíbles á COVID-19 tanto directamente como de maneira indirecta (incluíndo as patoloxías non atendidas convenientemente a causa da crise sanitaria), o certo é que no ano 2020 o Servizo Galego de Saúde notificou 1.411 mortes de persoas con test positivo do coronavirus, o que equivalería a un 3,6% do total de falecementos rexistrados.
Por meses, o que máis mortes rexistrou durante o ano pasado en Galicia foi xaneiro, cando aínda non se detectara o primeiro caso da COVID-19 no país, con 3.354. Tamén se superaron as 3.000 mortes en marzo e abril, cando Sanidade notificara 136 e 429 mortes de persoas co coronavirus, respectivamente. Cómpre ter en conta, non obstante, que a maior virulencia da pandemia en canto a o total de casos rexistrados se produciu en Galicia xa en 2021, cando tamén chegaron o segundo e terceiro mes con máis falecementos de persoas infectadas (febreiro e xaneiro deste ano).