Durante o mes de abril producíronse en Galicia 46 mortes de persoas que contraeran a COVID-19. Estes datos, mesmo sendo provisionais durante uns días -é relativamente habitual que algúns falecementos sexan notificados con días de demora- xa permiten afirmar que o mes que vén de rematar foi o que rexistrou menos vítimas mortais oficialmente ligadas á pandemia no país dende agosto de 2020, cando foran 26.
Abril finalizou con 46 mortes de persoas infectadas polo coronavirus
Esta significativa redución prodúcese tras un mes de marzo no que a cifra de mortes fora o dobre, 92. Pero, así e todo, foran moitas menos que en xaneiro e febreiro, meses que superaron en ambos casos as catrocentas mortes entre ecos da explosión de contaxios das semanas do Nadal e Aninovo. Dende o comezo da pandemia, o total de mortes en Galicia é xa de 2.390 persoas.
Esta significativa diminución de falecementos de persoas co coronavirus produciuse tras un pronunciado descenso da incidencia no conxunto do país, pero veu sendo parella ao avance da vacinación. Mostra disto é a proporción de mortes de persoas coa COVID-19 que viviran en residencias de persoas anciás ou con discapacidade.
Antes da vacinación, en torno ao 40% das persoas falecidas coa COVID-19 en Galicia vivían en residencias. En marzo foron o 6% e en abril, ningunha
No último mes sen influencia ningunha da vacinación, decembro -as primeiras doses foran administradas o día 27 daquel mes-, case o 40% das mortes ligadas á pandemia notificadas en Galicia foran de persoas que vivían nestes centros. En marzo, primeiro mes co conxunto de residentes xa vacinados, foron apenas o 6%. No mes que vén de rematar, o 100% das mortes ligadas á pandemia foron alleas ás residencias.
Para ler con precisión os gráficos sobre estas liñas cómpre ter en conta unha diferenza entre ambos. O primeiro reflicte os falecementos pola data en que se produciron, unha serie temporal que é consolidada durante os días ou mesmo semanas seguintes a cada pasamento. O segundo recolle as mortes no mes en que son notificadas pola Xunta, xa que o Goberno galego non ofrece unha serie temporal completa de datos relativos ás residencias, polo que é deste xeito como é posible comparar entre meses.
174 casos novos e sinais de acougo nos datos globais de Galicia
O significativo freo nas cifras de mortalidade ligadas á pandemia prodúcese nun contexto no que os principais indicadores epidemiolóxicos seguen tendendo á estabilidade e mesmo dando sinais dun posible -polo momento, lixeiro- descenso. Este domingo, o Sergas engade ao seu cómputo 174 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado. Deles, 146 son diagnósticos mediante PCR, o que deixa a media dos últimos sete días con datos completos nuns 162 diagnósticos diarios a través destes test.
A tendencia á estabilidade das cifras de novos casos provoca que, en función das lixeiras variacións no número diario de altas epidemiolóxicas, o número de "positivos activos" que a Xunta indica cada xornada poida subir ou baixar levemente. O total sitúase agora en 3.106. Hai unha semana eran 3.058. [Consulta nesta ligazón a serie de positivos activos por áreas sanitarias]
Neste contexto, tamén se mantén sen excesivas alteracións o número de concellos que non rexistran casos novos nos últimos 14 días, que agora son 141 (+4). En 174 (+4) non houbo novos positivos rexistrados na última semana. Ás portas da entrada en vigor do novo mapa de restricións, dende as 00:00 deste luns, día 3, puntos do Salnés e da área de Vigo, de concellos do sur da provincia de Ourense e tamén, máis recentemente, concellos do Deza, da área de Ordes e de Bergantiños concentran as incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas. A maior parte delas, en calquera caso, moi lonxe dos niveis acadados en anteriores vagas.
No que atinxe á Galicia urbana, considerada pola Xunta habitualmente como un bo termómetro para o conxunto do país, a estabilidade é tamén a tónica dominante. A incidencia acumulada a 14 días máis elevada segue sendo a de Vigo, única cidade que aínda supera os 150 casos novos por cada cen mil habitantes, se ben os datos a sete días permiten albiscar un lixeiro acougo. Entre as cidades con incidencias máis moderadas, a peor tendencia dos últimos días é a de Lugo, que cruza o limiar dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes por primeira vez dende principios de marzo, aínda que os datos a 7 días tamén apuntan a un certo freo.
Con todos estes datos sobre a mesa, o reflexo da pandemia nos hospitais tamén fala de estabilidade. A cifra de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 leva dende mediados de abril en torno ás 200, cunha certa tendencia ao estancamento nas últimas xornadas. Os datos deste domingo (pechados ás seis da tarde do sábado) reflicten 210 ingresos, 21 máis que unha semana antes. Deles, 50 son en unidades de coidados intensivos, cinco máis que sete días antes.