O Sergas engadiu este 30 de abril ao seu cómputo 211 novos casos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Deles, 194 son diagnósticos mediante probas PCR. Son niveis moi semellantes aos da última semana.
O Sergas suma 211 novos casos da COVID e a incidencia acumulada a 14 días mantense un chisco por baixo dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes
Esa relativa estabilidade reflíctese nas incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como a 14 días. Cos datos do último día completo dispoñible (o mércores, 28 de abril), o indicador das últimas dúas semanas segue un chisco por baixo dos 100 e a incidencia acumulada a 7 días marca un pouco máis de 50 casos novos por cada cen mil habitantes.
O feito de que a incidencia a 7 días sexa un chisco máis da metade que a incidencia a 14 días indica un lixeiro ritmo ascendente. Non obstante, a comparación das incidencias acumuladas dos últimos días en comparación coas dos mesmos días da pasada semana apunta a un descenso do ritmo de incremento.
Tras dúas semanas sen ningún caso en residencias, o Sergas confirma un gromo de 8 positivos no centro DomusVi Chantada. O feito de que as 6 persoas residentes que deron positivo estean vacinadas favorece que permanezan asintomáticas
Os indicadores xerais falan de estabilidade aínda que agroman algúns novos focos locais que, dende o vindeiro luns, 3 de maio, propician novas restricións por parte da Xunta nalgúns concellos. Como amosa o mapa sobre estas liñas, ás incidencias máis elevadas nas Rías Baixas e no Baixo Miño, na Baixa Limia, Verín, Valdeorras ou A Mariña engadíronse nos últimos días puntos do Deza ou da comarca de Ordes.
Tamén destaca no mapa de incidencia o Concello de Chantada, con 245 casos novos a 100.000 habitantes produto dos 20 novos casos detectados neste período, dez deles nos últimos sete días. Entre eses dez casos están seis persoas usuarias e dúas traballadoras da residencia DomusVi Chantada. Tras dúas semanas sen caso ningún nestes centros, Sanidade confirmaba este venres a detección deste gromo.
Segundo adiantou El Progreso e confirma a Xunta, o primeiro positivo detectado neste gromo foi o dunha traballadora que aínda non recibira a segunda dose da vacinación. O feito de que o resto de persoas que deron positivo -outra traballadora e seis residentes- xa completasen a pauta de vacinación (coas dúas doses) favorece que permanezan sen síntoma ningún da enfermidade. Nas últimas semanas, a vacinación reduciu a porcentaxe de persoas de máis de 80 anos hospitalizadas por COVID ata o 10% do total e favoreceu unha pronunciadísima caída das mortes de residentes co virus.
O novo mapa de restricións
En consonancia coas devanditas variacións na situación epidemiolóxica, este venres a Xunta confirmaba cambios no nivel de restricións pola COVID-19 en máis dunha vintena de concellos dende o vindeiro luns, 3 de maio. Dende ese día Laza incorpórase ao máximo nivel de restricións, no que continúan o seu concello veciño de Cualedro e mais Vilanova de Arousa. Mentres, abandona este máximo nivel -que implica peche perimetral- o concello de Carballeda de Valdeorras, que pasa ao medio.
No novo mapa de restricións, un bo número de concellos nos niveis alto e medio séguense situando na contorna das Rías Baixas e da área de influencia da cidade de Vigo. A eles incorpóranse outros como Silleda, Lalín; Melide ou Ordes.
As hospitalización seguen en torno ás 200
Á hora de determinar o nivel de restricións, a Xunta vén reiterando que non ten só en conta factores ligados á incidencia acumulada da COVID-19 no conxunto da poboación e por grupos de idade, senón tamén a situación nos hospitais. O número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus segue situándose en torno ás 200 cunha lixeira tendencia ascendente. Os datos deste venres -pechados o xoves ás seis da tarde- reflicten 214 ingresos, 15 máis que o mesmo día da semana anterior.
Do total de persoas hospitalizadas, un total de 49 precisan atención nas unidades de coidados intensivos. Son sete máis que unha semana antes. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, na liña do comportamento da incidencia, os incrementos na presión hospitalaria tamén están a ser nesta vaga moito máis moderados que nas anteriores.
A combinación de todos estes factores séguese reflectindo tamén nos indicadores da mortalidade ligada á pandemia. Nos últimos sete días, a media de persoas falecidas que contraeran a enfermidade é inferior a 2 ao día. Nesta liña, a extensión da vacinación semella estar a ter xa unha importancia crucial. Dende o comezo da pandemia, o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia é xa de 2.388.