Ao longo do proceso de vacinación contra a COVID, as autoridades sanitarias están a modificar determinados aspectos da súa administración, cambios en ocasións motivados pola aparición de efectos secundarios non previstos ou polo lento ritmo de distribución dalgunhas vacinas. Estes cambios están a afectar aos grupos de idade que reciben unha ou outra vacina e tamén poderían afectar ao intervalo de tempo que se está a deixar entre a aplicación da primeira e da segunda dose.
Galicia, ao igual que a Axencia Europea do Medicamento, defende o mantemento dos intervalos entre doses fixados polos fabricantes da vacina
A duración deste intervalo (sobre todo no caso das vacinas de Pfizer e Moderna) está a xerar un gran debate no Estado español nos últimos días. En principio o período que debe pasar entre a primeira e a segunda dose destas vacinas é de 21 e 28 días, respectivamente. Esa é a recomendación dos laboratorios que deseñaron as vacinas, os ensaios clínicos atoparon que eses prazos aseguraban a maior efectividade e, ademais, a Axencia Europea do Medicamento tamén se pronunciou neste senso, advertindo aos distintos países para que non experimenten con intervalos maiores, pois non existen estudos clínicos que avalen intervalos maiores. Algúns expertos sinalan que os prazos poden incrementarse un chisco (ata un máximo de 42 días no caso da vacina de Pfizer) pero nunca máis alá.
Porén, o lento ritmo de distribución das vacinas na UE (cun ritmo de vacinación que está moi por detrás do dos Estados Unidos ou o Reino Unido) está incrementando as voces que avogan por adiar a administración das segundas doses, para así poder aplicar unha primeira dose a máis poboación, ofrecendo unha protección importante, pero non completa, e contribuíndo así a frear os contaxios e a posibilidade dunha nova vaga da pandemia.
A Comisión de Saúde Pública decidiu este martes non adiar a administración da segunda dose, como reclaman algunhas comunidades
O debate reprodúcese tamén no Estado español, onde algunhas comunidades autónomas (Madrid, Andalucía ou Catalunya) defenden tamén esta maior separación entre as dúas doses. En resposta a esas demandas, o Ministerio de Sanidade levou este martes á Comisión de Saúde Pública varias propostas; unha delas elevaría a 42 días o prazo de separación entre as dúas doses de Pfizer e Moderna para as persoas menores de 80 anos, outra faríao para as persoas de menos de 70 anos e outra deixaba os intervalos como están na actualidade.
Finalmente, a Comisión optou por esta última, de xeito que os prazos entre doses se manteñen de momento nos 21 e nos 28 días, como fixan os fabricantes e recomenda a EMA
Os resultados do estudo do Sergas indican que nas persoas cunha única dose o descenso da taxa de positividade foi do 47,2%, pero este descenso foi moito máis importante nas persoas que recibiron unha pauta completa, cun descenso do 88,4%
Esta decisión é defendida por varias comunidades autónomas, como Galicia, que avogan polo mantemento dos prazos fixados polos fabricantes da vacina. En apoio da súa posición, a Xunta fixo públicos este martes os resultados dun estudo sobre a efectividade e o impacto da vacina, que analiza os datos existentes ata o día 17 de marzo, cando 250.226 persoas recibiran cando menos a primeira dose e 99.622 persoas a pauta completa.
Os resultados do estudo do Sergas indican que nas persoas cunha única dose o descenso da taxa de positividade resulta do 47,2%. Pero sinalan que este descenso é moito máis importante nas persoas que recibiron unha pauta vacinal completa, cun descenso global do 88,4%. O estudo analiza unicamente a posibilidade dun contaxio, non o desenvolvemento de síntomas de importancia ou de enfermidade grave, circunstancias para as que a efectividade das distintas vacinas é maior.
A EMA avala o uso de Janssen
O debate sobre o período de separación entre as dúas doses das vacinas de Pfizer e Moderna chega no día en que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) vén de pronunciarse sobre a vacina de Janssen, cuxa distribución foi paralizada a pasada semana, despois de que Estados Unidos frease os envíos a Europa trala aparición dalgúns casos graves de tromboses entre persoas que foran vacinadas con este produto.
A EMA avala a seguridade da vacina producida por Janssen, subliñando que aínda que existe unha mínima probabilidade de que provoque episodios trombóticos, os beneficios da súa aplicación superan os seus riscos
A EMA, ao igual que fixo anteriormente coa vacina de AstraZeneca, que presentaba problemas semellantes nuns poucos casos, avala a seguridade da administración da vacina producida por Janssen, subliñando que aínda que existe unha mínima probabilidade de que provoque episodios trombóticos nalgúns pacientes (cunha incidencia de 1 entre 1 millón, sobre todo mulleres e por debaixo dos 60 anos) os beneficios da súa aplicación superan os seus riscos. A Axencia recomenda a súa aplicación en todas as idades, aínda que suxire engadir unha advertencia sobre posibles "coágulos sanguíneos pouco frecuentes con plaquetas baixas", que figurarían no apartado de efectos secundarios "moi raros", ao igual que se fixo no caso de AstraZeneca.
O pronunciamento da EMA podería levar de inmediato ao inicio da aplicación desta vacina no Estado e en Galicia
De momento, a distribución da vacina no Estado español está aínda suspendida, pero o pronunciamento da EMA podería levar de inmediato ao inicio da aplicación desta vacina, que a diferenza das aprobadas ata agora é monodose (só necesita da administración dunha dose). Está previsto que neste trimestre cheguen a España 5,5 millóns de doses da vacina de Janssen, 300.000 nesta semana. A súa distribución podería axudar a incrementar o ritmo de vacinación e nun comezo podería administrarse ás persoas entre 70 e 79 anos.
A pasada semana, cando estaba prevista a chegada a Galicia de 8.500 doses, a Consellaría de Sanidade planificara o seu uso domicilario en pacientes (maiores ou con problemas de mobilidade) que por un ou outro motivo non puideran desprazarse aos puntos de vacinación, aproveitando así o seu carácter monodose.
Estabilidade na incidencia da COVID en Galicia
Mentres, a situación da pandemia en Galicia mantense estable, cun progresivo (aínda que lento) incremento da incidencia da enfermidade. No que levamos de mes de abril, a incidencia acumulada a 14 días pasou de 67 a 88 casos por cada 100.000 habitantes, un aumento significativo, pero moi afastado das cifras nas anteriores vagas e lonxe tamén da situación doutras comunidades autónomas.
A situación da pandemia en Galicia mantense estable, cun progresivo (aínda que lento) incremento da incidencia da enfermidade, máis importante na área sanitaria de Pontevedra
O cativo empeoramento dos datos galegos débese principalmente ao incremento no número de positivos detectado nalgúns concellos e comarcas, especialmente na área sanitaria de Pontevedra, a que presenta nestes momentos unha peor situación (unha IA a 14 días de 134 casos por cada 100.000 habitantes), especialmente polo aumento de casos na comarca do Salnés. Con todo, as áreas de Vigo (polo aumento de contaxios na propia cidade olívica) e A Coruña (con incidencias elevadas en Cambre ou Carral) tamén están a agravar a súa situación.
Carballeda de Valdeorras, Lobeira, Cortegada, Cualedro, Meira, Trabada e O Grove son os concellos con máis incidencia
Por concellos, os que presentan unha maiores cifras de incidencia son Carballeda de Valdeorras, Lobeira, Cortegada, Cualedro, Meira, Trabada e O Grove, todos eles por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes. A Pobra do Caramiñal, Barreiros, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Cambre, Marín e Carral presentan tamén incidencias elevadas, por riba dos 250 casos por cada 100.000 persoas.
Entre as cidades, Vigo segue a ser a urbe con peores datos, moi próximos aos 150 casos por cada 100.000 habitantes. A Coruña supera os 100 casos por cada 100.000 persoas e está tamén a aumentar o seu número de positivos
Nos hospitais a situación está tamén estable, aínda que nos últimos días se vén rexistrando un continuado incremento do número de pacientes COVID nas UCI. Neste momento son 37, a cifra máis elevada dende o pasado 24 de marzo.