O proceso de vacinación en Galicia segue a avanzar malia os sucesivos atrancos derivados dos atrasos nos envíos de AstraZeneca ou dos problemas puntuais de tromboses provocados por esta vacina e mais a producida por Janssen. O número de doses administradas achégase ás 900.000 (cifra que se superará nos primeiros días da semana que comeza) o que permite que a gran maioría das persoas de máis 80 anos estean xa protexidas e que esta protección chegue xa á metade das persoas entre 70 e 79 anos.
Este xoves a cifra oficial de doses administradas en Galicia era de 817.578, ás que este sábado e domingo se sumarán outras 45.000
Este xoves a cifra oficial de doses administradas en Galicia era de 817.578, ás que este sábado e domingo se sumarán outras 45.000, aplicadas en grandes instalacións nas que foron citadas 20.000 persoas de 60 a 69 anos (que recibirán as de AstraZeneca) e 25.000 maiores de 70, que recibirán as de Pfizer. Ademais, durante o venres avanzouse na protección de pacientes con enfermidades crónicas, que recibiron a vacina de Moderna. A Xunta indica que no caso da vacina de AstraZeneca, que está a xerar certa cautela entre algunhas persoas, o 70% das persoas citadas acudiron aos puntos de vacinación e recibiron a súa dose.
Ademais da poboación maior de 80 anos, os esforzos de protección están a centrarse na poboación entre 70 e 79 anos, na que o 45,4% xa ten cando menos unha dose. E no grupo de idade de 60 a 69, que o xoves chegara xa ao 26,1% de persoas vacinadas
As cifras do xoves (últimas publicadas polo Ministerio de Sanidade) amosaban que o 94,7% da poboación galega maior de 80 anos recibira xa a primeira dose da vacina e que o 53,1% tiña xa as dúas doses e, polo tanto, estaba xa inmunizada contra a a Covid-19. O Goberno galego espera completar a segunda dose para este grupo de idade entre a última semana de abril e a primeira de maio.
En paralelo, os esforzos de protección están a centrarse na poboación entre 70 e 79 anos, entre a que o 45,4% xa ten cando menos unha dose. E no grupo de idade de 60 a 69, que o xoves chegara xa ao 26,1% de persoas vacinadas. O obxectivo é que estes tres grupos de idade, que suman máis de 870.000 persoas (o 38%) da poboación galega, e que son o grupo máis vulnerable ante a enfermidade, estean completamente vacinados antes do inicio do verán.
O Goberno galego traballaba coa previsión de recibir de forma sostida máis de 150.000 doses cada semana a partir de agora, pero a paralización nos envíos de Janssen dificulta de momento este obxectivo
Ao avance das últimas semanas (conseguido grazas ao esforzo do persoal sanitario) contribuíu o incremento no ritmo de chegada de doses de Pfizer, que está a soster en maior medida o proceso de vacinación en toda Europa. Nas últimas dúas semanas Galicia recibiu máis de 100.000 doses desta vacina, unha cifra que a Xunta espera que se manteña e mesmo se incremente en maio e xuño.
Os envíos de Moderna e AstraZeneca, máis irregulares, axudaron tamén ao aumento do número de doses administradas. O Goberno galego traballaba coa previsión de recibir de forma sostida máis de 150.000 doses cada semana a partir de agora, pero a paralización nos envíos de Janssen dificulta de momento este obxectivo. Esta vacina, que só necesita da aplicación dunha dose, ía permitir a vacinación de persoas nos seus domicilios, principalmente de pacientes que non puideran achegar aos puntos convencionais de vacinación.
A distribución das vacinas entre os distintos territorios do Estado, a pesar das queixas dalgúns gobernos autonómicos (dende Madrid ao propio Goberno da Xunta), están a respectar un estrito criterio de proporcionalidade. As doses dispoñibles de cada vacina repártense de forma axustada ao número de persoas que deben ser vacinadas en cada grupo de idade ou colectivo.
Galicia está a recibir máis vacinas (de Pfizer ou Moderna) das que lle corresponden pola súa poboación total, debido a que ten máis poboación de idade avanzada, o grupo no que neste momento está centrando os esforzos de vacinación
É dicir, se a vacina de Pfizer adminístrase ás persoas maiores de 70, cada comunidade recibe a proporción de doses que ese grupo de idade representa no total do Estado Español. E o mesmo sucede coas vacinas de AstraZeneca (que esta semana estaban indicadas para as persoas entre 60 e 69 anos) ou coas vacinas que se indicaron no seu momento para o persoal de emerxencias, as persoas usuarias de residencias ou os e as doentes crónicas.
En base a estes criterios, Galicia está a recibir máis vacinas (de Pfizer ou Moderna) das que lle corresponden pola súa poboación total, debido a que ten máis poboación de idade avanzada, o grupo no que neste momento está centrando os esforzos de vacinación. E tamén por este motivo durante os meses de xaneiro e febreiro Galicia recibía unha proporción inferior de vacinas, ao contar con menos poboación en residencias ou cun menor ratio de persoal sanitario que outras comunidades.
A media diaria de doses administradas en Galicia mantense na última semana por riba das 20.000, un ritmo que permitiría superar os dous millóns de doses totais antes do inicio do verán
Así as cousas, a media diaria de doses administradas en Galicia mantense na última semana por riba das 20.000, un ritmo que permitiría superar os dous millóns de doses totais antes do inicio do verán, pero que aínda debe ser incrementado para acadar o obxectivo do 70% da poboación protexida en agosto.
Este xoves o 25,7% da poboación galega maior de 16 anos recibira cando menos unha dose, tres puntos por riba da media española (22,4%). Ademais, o 8,9% tiña xa as dúas doses, algo por riba dos datos xerais do Estado (8,3%).
Antes do anuncio da paralización dos envíos de Janssen o Goberno galego manexaba a previsión de chegar ao 29% de poboación vacinada esta fin de semana, unha porcentaxe que finalmente será lixeiramente inferior.