O atraso na distribución das doses de Janssen engade obstáculos á vacinación en Galicia, que xa chega ao 23,4% da poboación

Doses da vacina contra a Covid-19 desenvolvida por Janssen © J&J

O proceso de vacinación contra a Covid-19, que comezou de forma máis lenta do previsto e que nas últimas semanas comeza a incrementar o seu ritmo, non deixa de sumar obstáculos ao seu desenvolvemento. Primeiro foron os atrasos nos envíos de AstraZeneca, despois a suspensión temporal da aplicación desta mesma vacina e este martes a farmacéutica Janssen, filial de Johnson&Johnson, vén de anunciar un atraso no envío a Europa das primeiras doses da súa vacina, que ademais ten a particularidade de ser a única monodose de todas as aprobadas ata agora na UE.

O motivo é a aparición nos Estados Unidos de seis casos de tromboses pouco frecuentes entre os sete millóns de persoas que recibiron a vacina

O motivo é a aparición nos Estados Unidos de seis casos de tromboses pouco frecuentes (de senos cerebrais e acompañados de diminución de plaquetas) entre persoas que recibiron a vacina e que obrigou ao país a suspender temporalmente a súa aplicación mentres o Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades revisa os casos. A incidencia é moi reducida (nos EUA foron administradas ao redor de sete millóns de doses), pero superior á que se produce en condicións normais. Ademais, as persoas afectadas son novas (entre 18 e 48 anos) e en todos os casos trátase de mulleres. A empresa xustifica a paralización dos envíos na "precaución" ante a aparición destes casos, sinalando que "a seguridade e o benestar das persoas que empregan os nosos produtos é a nosa prioridade número un”.

Comparencencia no Parlamento do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña © Xunta

Este mércores estaba prevista a chegada a España de 300.000 doses da vacina de Janssen, un envío que de momento queda paralizado

O problema é moi semellante ao que se rexistrou coa vacina de AstraZeneca (agora chamada Vaxzevria) e que motivou igualmente a súa suspensión temporal e, posteriormente, limitou a súa aplicación a persoas de máis de 60 anos, que en principio non se ven tan afectadas por este efecto negativo asociado á vacina. Con todo, tanto a Axencia Europea do Medicamento como os Colexios Médicos avalaron a seguridade desta vacina. Barállase que no caso de AstraZeneca, os trombos sexan provocados por unha resposta autoinmune do organismo, que xeraría anticorpos que atacan a proteínas que regulan a coagulación. Isto explicaría, ademais, que sexan as mulleres as máis afectadas, pois elas sofren moitas máis enfermidades autoinmunes que os homes.

Este mércores estaba prevista a chegada a España de 300.000 doses da vacina de Janssen, un envío que de momento queda paralizado. Esperábase que o inicio da distribución desta nova vacina, a cuarta das aprobadas na Unión Europea, axudara a incrementar o ritmo de inmunización da poboación, aínda moi por detrás dos obxectivos inicialmente previstos, pero que nas últimas dúas semanas si que comezaba a acelerarse.

O Goberno central confirmou esta tarde a suspensión da distribución das doses de Janssen que debían ser remitidas este mércores ás distintas comunidades autónomas. A previsión era que a Galicia chegaran algo máis de 8.000 doses, que ían ser empregadas para a vacinación nos domicilios (aproveitando as súas características de vacina monodose), tanto de persoas dependentes como de maiores de 80 anos que nas últimas semanas comunicaron que non podían desprazarse aos espazos de vacinación.

A Xunta prevé que ao longo desta semana se administren 138.500 doses, chegando ao 29% do total da poboación a vacinar

Fora un dos anuncios realizados este martes pola mañá polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia no Parlamento galego que realizou a petición propia para explicar o desenvolvemento do proceso de vacinación en Galicia e feita antes de coñecerse a paralización anunciada por Janssen. García Comesaña destacou a mellora no ritmo de vacinación nas últimas semanas, que eleva ao 23,38% a porcentaxe da poboación galega maior de 16 anos que recibiu cando menos unha dose. O conselleiro adiantou que a previsión é que ao longo desta semana se administren 138.500 doses máis, chegando ao 29% do total da poboación a vacinar, unha previsión realizada antes do anuncio de Janssen.

Este ritmo sostido de vacinación aséntase na distribución das doses de Pfizer, ata agora as máis numerosas, e tamén na administración esta semana de 35.000 doses de Moderna, destinadas á vacinación de persoas con moi alto risco (por exemplo persoas que reciben diálise) e que se está a realizar en paralelo co grupo de 70 a 79 anos. Ademais da vacina de Janssen, está prevista a chegada de 7.500 doses da de AstraZeneca, que permitirá levar a cabo unha vacinación masiva de 15.000 persoas do grupo de 60 a 65 anos a vindeira fin de semana.

 

PCR en farmacias en toda Galicia

A través das farmacias poderase acceder a unha proba PCR nas catro provincias galegas

Ademais, García Comesaña anunciou que nas vindeiras semanas Sanidade tentará "poñer unha proba PCR a disposición da cidadanía sempre que o precisen” a través da súa distribución en farmacias de todo o país. Para isto, o Sergas renovará o convenio co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e continuará co desenvolvemento do asinado co da Coruña, xa iniciado; ademais a Xunta continuaría este proceso con convenios semellantes cos Colexio de Lugo e Ourense. Dende a posta en marcha destes convenios, realizáronse 41.332 probas, das que 79 resultaron positivas.

Posta en marcha das unidades postcovid

A todas as persoas que superaron xa a enfermidade en Galicia (algo máis de 114.000) váiselles remitir un cuestionario sobre as posibles secuelas que sofren

O conselleiro de Sanidade destacou tamén a posta en marcha das unidades PostCovid nos hospitais das sete áreas sanitarias. O obxectivo é ofrecerlle "unha atención específica" aos pacientes que superaron a enfermidade e que poden estar sufrindo distintos tipos de secuelas (ata agora detectáronse máis de medio cento), que foron estudadas por investigadores de todo o planeta, entre eles a galega Sonia Villapol. Villapol destacaba nesta entrevista que "xestionar a Covid persistente será un desafío significativo para a saúde pública durante os seguintes meses e probablemente anos".

Estas unidades teñen xa aprobado o seu plan funcional, están constituídas e contan con coordinadores designados nas sete áreas galegas. Esta semana levarase a cabo unha formación telemática dos profesionais de primaria, dado que este nivel asistencial será unha das portas de entrada destes pacientes. O seguinte paso será poñelas en contacto coas persoas que se contaxiaron coa Covid-19, pero que non chegaron a estar hospitalizados, polo que non se lles fixo un seguimento dos seus síntomas e efectos. 

A última semana supuxo un importante empurrón para o proceso de vacinación en Galicia. Foron administradas 191.963 doses

A todas as persoas que superaron xa a enfermidade en Galicia (algo máis de 114.000) váiselles remitir un cuestionario sobre as posibles secuelas que sofren. Así mesmo, García Comesaña adiantou que antes de que remate este mes o Consello da Xunta autorizará a convocatoria da cobertura de 120 prazas do Plan de Saúde Mental, para reforzar a atención das consecuencias desta pandemia na poboación.

 

O 23,38% da poboación galega foi xa vacinada

A última semana supuxo un importante empurrón para o proceso de vacinación en Galicia. En sete días, de luns a domingo, foron administradas 191.963 doses, que unidas ás 10.858 deste luns elevan a cifra total a 743.544 doses. A media diaria na última semana (26.343 doses) é algo superior ás previsións da Xunta para esta semana (19.786).

552.449 galegos e galegas recibiron cando menos unha dose, o que representa o 23,38% da poboación obxectivo (no conxunto do Estado a media é algo inferior: o 19,8%)

Un total de 191.095 persoas recibiron dúas doses das vacinas contra a Covid-19 e polo tanto xa están completamente inmunizadas, o que representa o 8,09% da poboación maior de 16 anos (no conxunto de España a media é moi semellante: 7,8%). Outras 361.354 recibiron unha soa dose. En total, 552.449 galegos e galegas recibiron cando menos unha dose, o que representa o 23,38% da poboación obxectivo (no conxunto do Estado a media é algo inferior: o 19,8%). Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe da súa poboación vacinada, só por detrás de Estremadura e cos mesmos datos que Asturias.

Por grupos de idade, o 92,6% da poboación galega maior de 80 anos recibiu cando menos unha dose (95,6% na media estatal) e o 45,4% dúas doses (52,5% no conxunto de España). Nos últimos días aumentou moito a porcentaxe de poboación vacinada entre 70 e 79 anos, que chega ao 29,7% e entre os 60 e os 69 anos, situada no 25,2%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.