"Ningún temor e ningunha dúbida con ningunha das tres vacinas". O Consello Galego de Colexios Médicos, que agrupa as catro entidades colexiais da medicina en Galicia, sae ao paso das "erráticas decisións, baseadas nun mal entendido principio de prudencia" sobre a vacinación contra a COVID-19 por parte "dos responsables europeos, estatais e autonómicos". E faino para avalar a seguridade de todas as vacinas autorizadas.
O Consello Galego de Colexios Médicos non ve "razón para restrinxir" o uso de ningunha das vacinas autorizadas en "ningún grupo poboacional" e piden evitar "cerimonias da confusión"
Nun comunicado oficial, o Consello Galego de Colexios Médicos sinala que ve "necesario afirmar publicamente" que as vacinas actualmente dispoñibles -ata agora as de Pfizer-BioNTech, Moderna e Oxford-AstraZeneca- "son eficientes e seguras en todos os tramos de idade e grupos de poboación convocados a vacinarse". "As tres demostraron que o balance risco/beneficio é enormemente favorable á vacinación con calquera delas" e por iso, consideran, "non hai razón para restrinxir o seu uso en ningún grupo poboacional".
No caso concreto da vacina de AstraZeneca, as entidades que representan a profesión médica en Galicia tampouco ven motivos para "non administrar a segunda dose a quen xa recibiron a primeira". As devanditas tres vacinas teñen efectos secundarios "e as que se aproben no futuro tamén os terán", evidencian. Estes son "consubstanciais co uso de calquera fármaco", pero tamén "moi infrecuentes" e "non xustifican a alarma xerada nin as decisións" das últimas semanas, cren.
Sinalan os colexios médicos que "o risco individual e colectivo está precisamente no contrario", nun eventual ritmo máis lento da campaña de vacinación, que "debe ser todo o rápida e masiva que sexa posible". A "experiencia en países que están moi avanzados no proceso" e "a diminución da enfermidade grave nas residencias de maiores da nosa contorna" son a mellor mostra de que as vacinas "están salvando vidas e evitando secuelas" da COVID-19.
Os colexios médicos instan a centrarse en "acadar canto antes a inmunidade non só en Galicia, España ou Europa", senón tamén "nos países pobres, onde seguro que esta polémica resulta pouco menos ca ridícula"
Neste contexto, coidan que as autoridades sanitarias deberan "evitar cerimonias da confusión" e centrárense en "acelerar" a vacinación todo o que poidan. Trátase de "acadar canto antes a inmunidade poboacional non só en Galicia, España ou Europa", senón "tamén nos países pobres, onde seguro que esta polémica resulta pouco menos ca ridícula". Os colexios médicos "aproveitan" tamén para "desmentir algúns bulos", tales como "o uso de aspirina ou outros fármacos antiagregantes ou anticoagulantes", xa que "non están indicados como prevención de nada no contexto da vacinación". Tampouco, agregan, "o paracetamol preventivo", xa que "é dabondo con tomalo se aparecen febre ou dor" tras poñer a vacina, o cal "non sempre ocorre".
75.000 doses máis e case a cuarta parte da poboación con cando menos unha
Os colexios médicos lanzan estas reflexións mentres os datos de vacinación seguen reflectindo o efecto do incremento na chegada de doses nas últimas semanas. Dende o pasado xoves -último dato dispoñible- e ata o domingo (inclusive), o Sergas administrou case 75.000 vacinas e o total chega xa ás 732.686. É o 93,2% das recibidas ata o momento, segundo o informe divulgado este luns polo Ministerio de Sanidade. A porcentaxe galega sitúase algo máis de dous puntos por riba da media estatal.
A poboación galega de 70 a 79 anos que recibiu unha dose da vacina pasa dun 11% a un 30%
Con estas cifras e mentres continúan as citas para a súa administración en grandes recintos, case unha cuarta parte da poboación galega maior de 16 anos (algo máis do 23%), a considerada como diana da campaña de vacinación, recibiu xa cando menos unha dose de vacina contra a COVID-19 e o 7,8% ten xa a pauta completa, que ata agora implica dúas doses (de Pfizer, Moderna ou AstraZeneca). No caso da vacina de Janssen, que comezará a chegar esta semana comezando pola poboación de 70 a 79 anos, segundo confirma o Ministerio, a pauta completa será dunha única dose.
Por tramos de idade, entre a poboación galega maior de 80 anos xa son o 92,5% os que recibiron cando menos unha dose de vacina, dous puntos menos que na media estatal. Dende a actualización de datos do pasado xoves destaca o avance no grupo de 70 a 79 anos, que pasa dun 11% a un 29,6% con, cando menos, unha dose xa posta. Este grupo de idade foi protagonista das vacinacións masivas organizadas polo Sergas durante a fin de semana.