As residencias galegas quedan sen casos COVID de usuarios noutro día con estabilidade nos datos xerais

Unha muller maior de 80 anos é vacinada contra a COVID nun centro de saúde da área de Santiago CC-BY-SA Sergas

As residencias de persoas anciás ou con discapacidade foron un dos principais puntos de preocupación dende o comezo da pandemia do coronavirus. A entrada da COVID-19 nestes centros, especialmente na primeira vaga, adoitaba ser sinónimo de gromos con decenas de casos, moitos deles derivando en enfermidade grave por mor da avanzada idade e outros problemas de saúde previos das persoas usuarias. Naqueles meses, máis do 40% das persoas co coronavirus que morrían en Galicia viviran nunha destas residencias.

As mortes coa COVID de persoas que vivían en residencias pasaron de ser o 40% do total a apenas o 6% tras a vacinación

Aínda que tanto a segunda como a terceira vaga foron nestes centros máis virulentas que a primeira -a incidencia acumulada en residencias chegou a quintuplicar a da poboación xeral o pasado xaneiro, por exemplo-, a situación comezou a mudar co inicio da vacinación. O groso da inmunización nas residencias concluíu a mediados de febreiro e, a partir dunhas dúas semanas despois, a incidencia do virus entre persoas usuarias destes centros e o persoal que as atende pasou a ser moi semellante á da poboación xeral para, a continuación, mesmo pasar a estar por baixo.

Nas semanas seguintes volveu haber positivos en residencias, pero moito máis localizados e con só dous gromos relevantes: un na residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia e o máis relevante, o da residencia Coviastec de Silleda, este último con máis de 60 casos. No entanto, a tónica dominante nestes gromos foi que as persoas que deron positivo se mantivesen asintomáticas e pasasen a dar negativo. Así sucedeu na maior parte dos casos ata chegar aos datos difundidos pola Xunta este 1 de abril, segundo os cales xa non hai positivos entre persoas usuarias de residencias. Aínda existen dous positivos de persoal destes centros, un en Oleiros e outro, en Silleda.

Como amosan os gráfico sobre estas liñas, dende a conclusión da vacinación, o descenso no número de novos casos da COVID-19 en residencias foi significativo, pero foino tanto ou máis a variación das cifras de mortalidade. En apenas tres meses, as persoas residentes nestes centros pasaron de representar un 40% das novas mortes de poboación co coronavirus a supoñer o 6%. Segundo as notificacións do propio Sergas, o pasado marzo morreron en Galicia 110 persoas que contraeran a doenza e delas, 7 viviran en residencias. No último mes sen impacto real ningún da vacinación -as primeiras doses administráronse o día 27 dese mes-, decembro, foran notificados 121 mortes de persoas coa COVID-19 e delas, 67 viviran en residencias. 

A última actualización de datos do Sergas suma 138 novos casos do coronavirus e non rexistra mortes nas vinte e catro horas previas

Alén das residencias, as cifras de mortalidade ligadas á pandemia tamén continúan a acougar aos poucos. Á espera da consolidación definitiva dos datos, na última xornada destaca o feito de que entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, 31 de marzo, non se notificaron novas mortes. Non obstante, no balance completo do día 31 si figurarán 2 mortes, notificadas este 1 de abril. Dende o pasado 3 de outubro non se rexistra un día completo sen mortes de persoas infectadas polo coronavirus. O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia é agora de 2.344, sumando estas dúas. [As mortes coa COVID nas residencias pasan de ser o 40% do total de Galicia a apenas o 6% tras a vacinación]

Segue a estabilidade dos principais indicadores da pandemia en Galicia

A ausencia de positivos entre as persoas que viven en residencias de maiores ou persoas con discapacidade é o dato máis destacado nunha xornada na que os principais indicadores epidemiolóxicos para o conxunto de Galicia continúan marcados pola estabilidade. Este 1 de abril, Sanidade suma 138 novos casos (120, diagnósticos mediante PCR), os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Isto permite que a media a sete días de diagnósticos por PCR continúe a trazar unha liña practicamente horizontal, arredor dos 120.

Esta estabilidade reflíctese tamén no número de novos casos (contando todos os test de infección activa) notificados polo Sergas nos últimos sete días con datos completos -ata o martes, día 30- en comparación cos sete anteriores. Neses últimos sete días notificáronse 934 novos casos, unha media de 133 ao día. Nos sete anteriores foran 957, cunha media de 136 diarios.

Máis de 180 concellos sen casos na última semana

A incidencia a 7 días para o conxunto de Galicia sitúase en 34 casos novos por cada cen mil habitantes, algo menos da metade do indicador a 14 días

Malia aos incrementos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) nalgunhas áreas do país, os datos xerais seguen no seu menor nivel dende o pasado verán malia experimentar lixeirísimos ascensos ou descensos nos últimos días. Polo momento, a incidencia acumulada a 14 días sitúase en 70 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días é de menos da metade, cuns 34 casos novos.

Neses últimos sete días non se rexistraron novos positivos en ata 185 concellos galegos, seis máis que un día antes. Os que non tiveron ningún caso en 14 días son tamén un número relevante, 141 (-1). A maior parte destes concellos libres da COVID-19 sitúanse en zonas pouco poboadas das provincias de Lugo e Ourense, así como no interior da de Pontevedra. As maiores indidencias acumuladas seguen en Vigo e a súa área de influencia, puntos do sur de Lugo e na cidade da Coruña e a súa contorna.

No que atinxe ás sete principais cidades, a estabilidade continúa a ser tamén a tónica dominante agás no caso de Vigo que, non obstante, tras dúas semanas de tendencia ascendente semella estabilizar o seu indicador de incidencia acumulada tanto a 14 como a 7 días. Mentres, a cidade con maior incidencia, A Coruña (algo menos de 130 casos novos por cada cen mil habitantes) mantén a súa leve tendencia descendente e, na banda contraria, Lugo e Ourense seguen por baixo dos dos 40 e dos 30 casos novos por cada cen mil habitantes en catorce días, respectivamente.

Por baixo das 200 hospitalizacións por segundo día consecutivo

Mentres todo isto sucede, as cifras de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus seguen co seu lento alivio. Nas últimas vinte e catro horas notificadas (ata as seis da tarde do mércores) aumentou en catro o número de pacientes en unidades ordinarias de hospitalización afectadas pola COVID (ata as 171), pero descendeu o total de pacientes en UCI coa doenza, que quedan en 28 (-2). Isto permite que, pola mínima, o total de pacientes hospitalizados con test positivo do coronavirus continúe por baixo dos 200, o caso non sucedía dende o pasado setembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.