A conselleira delegada de DomusVi vacinouse contra a COVID nunha das súas residencias

Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, na súa comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Josefina Fernández, a conselleira delegada do Grupo DomusVi, a maior rede de residencias privadas de Galicia, vacinouse contra a COVID-19 de forma irregular nun dos seus centros. Segundo vén de publicar eldiario.es, o pasado 8 de xaneiro foille administrada a vacina na residencia DomusVi Vigo e tres semanas despois a empresaria recibiu a segunda dose, o que lle permite estar inmunizada contra o coronavirus. Canda a ela vacinouse tamén o seu irmán, que forma parte da directiva da empresa.

eldiario.es desvelou que a empresaria e o seu irmán foron vacinados en Vigo o pasado 8 de xaneiro e recibiron a segunda dose tres semanas despois

Estas vacinacións foron realizadas, aparentemente, de xeito irregular e sen coñecemento da Xunta, pois Josefina Fernández e o seu irmán non figuraban na lista inicial de traballadores e traballadoras que debían recibir a vacina e que a compañía remitiu ao Goberno galego e foron engadidos posteriormente. Así o asegura a propia Consellería de Sanidade, que sinala que "entendemos que DomusVi interpreta que ambos forman parte do equipo desta residencia e que deberían ser vacinados. De todos os xeitos, esperamos que a residencia dea explicacións pertinentes", afirmou en resposta a eldiario.es

Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, recibe o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía © Xunta

Josefina Fernández e o seu irmán non figuraban na lista inicial de traballadores e traballadoras que debían recibir a vacina e que a compañía remitiu ao Goberno galego, afirma a Xunta

Ambos os dous uniríanse, polo tanto, á lista de vacinacións iregulares, de persoas que non formaban parte dos colectivos inicialmente decididos polas autoridades sanitarias para obter esta protección. A pasada semana coñeceuse que a alcaldesa de Boimorto (PP) se vacinou na residencia de maiores da localidade. O PPdeG abriulle un expediente disciplinario á alcaldesa, á que suspendeu cautelarmente de militancia á espera de "explicacións claras". Porén, a rexedora continúa no cargo

Pola súa banda, DomusVi xustifica a vacinación dos seus dous directivos, afirmando que Josefina Fernández visita "de maneira continuada" as residencias que xestiona e está en "constante contacto" cos usuarios e usuarias. A empresa afirma que a súa conselleira delegada vacinouse "seguindo a recomendación dos médicos de DomusVi" co obxectivo de "preservar a saúde" do cadro de persoal e das persoas residentes nestes centros. Así mesmo, xustificouse a vacinación do seu irmán con argumentos semellantes.  

DomusVi xustifica a vacinación dos seus dous directivos, afirmando que Josefina Fernández visita "de maneira continuada" as residencias que xestiona e está en "constante contacto" cos usuarios e usuarias

A nova da vacinación irregular da conselleira delegada de Domus Vi e do seu irmán provocou xa reaccións políticas e o BNG esixiu da Xunta "explicacións inmediatas" e “a depuración de todas as responsabilidades”. A deputada Olalla Rodil afirmou que o Goberno galego “non pode tirar balóns fóra e facer coma que isto é un problema da empresa e que non vai co goberno”. "É responsabilidade da Xunta garantir que as vacinas chegan seguindo escrupulosamente os plans de vacinación. E neses plans ningunha empresaria nin o seu irmán son colectivo prioritario”, engadiu Rodil.

De igual xeito, o PSdeG considerou "inadmisible e inaceptable" a vacinación de Josefina Fernández e anuncia que pedirá explicacións á Xunta no próximo Pleno do Parlamento, afirmando que o feito constitúe un “insulto á cidadanía, aos traballadores e ás vítimas desta enfermidade”. Os socialistas subliñan que Fernández “non é persoal asistencial que deba ter contacto cos residentes nin cos traballadores e traballadoras” das residencias.

 

Récord de contaxios nos seus centros e acusacións de relación privilexiada coa Xunta

As residencias galegas de DomusVi foron algunhas das instalacións que rexistraron máis gromos, sumaron máis contaxios e acumularon un maior número de mortes

Domus Vi xestiona en Galicia 18 residencias privadas e outras 12 de titularidade pública pero con xestión privatizada. En total, son máis de 200 centros en toda España, o que a converte nun dos principais grupos do sector en todo o Estado. Parte da estrutura de DomusVi procede da rede de centros Geriatros, propiedade das antigas caixas de aforros, e que acabou en mans de multinacionais e fondos de investimento.

Dende o inicio da pandemia, as residencias galegas de DomusVi foron algunhas das instalacións que rexistraron máis gromos, sumaron máis contaxios e acumularon un maior número de mortes. Entre elas destacan os centros de Cangas, Vigo, Santiago, Vimianzo, Carballo, Outeiro de Rei e Ribadumia, que suman centos de contaxios e unha moi elevada cifra de falecementos.

A xestión realizada polas residencias de DomusVi durante a pandemia foi moi criticada por asociacións de traballadoras e de usuarios e familiares

A xestión realizada polas residencias de DomusVi durante a pandemia foi moi criticada por asociacións de traballadoras como Trega e de usuarios e familiares, como REDE ou Vellez Digna, que acusan á compañía de arrastrar eivas estruturais, nomeadamente falta de persoal e de doutros recursos, que levaron a este aumento de casos e defuncións. Estas críticas inciden nos problemas que presenta o actual modelo de xestión privatizada de residencias, maioritaria en Galicia, e tamén na connivencia da Xunta cos prexuntos incumprimentos de DomusVi.

Dende hai anos son evidentes as boas relacións entre a empresa e o Goberno galego, que comparten un gran número de contratos de colaboración público-privada. En decembro do ano 2019 Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibiu de mans de Francisco Conde, conselleiro de Economía, o Premio Galicia Global 2019 pola "internacionalización" da súa compañía. 

Josefina Fernández interveu no Parlamento, onde parabenizou á Xunta pola xestión realizada nas residencias, onde morreron xa case 700 persoas usuarias

O pasado mes de novembro a propia Josefina Fernández interveu na Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19 que tivo lugar no Parlamento. Alí non só negou calquera responsabilidade na extensión do virus e nas mortes nos seus centros, senón que cargou contra o Goberno central e en cambio parabenizou á Xunta pola súa xestión, ademais de rexeitar calquera mudanza no sistema de residencias para incrementar o número de centros públicos. "Non teño vergoña en dicir que a Xunta o fixo ben, porque ademais actuou en colaboración con nós, e os datos así o demostran; quen se avergoñe, é o seu problema", afirmou na cámara.

Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi, nun acto da empresa en 2017 nun hotel compostelán © DomusVi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.