400 persoas morreron en Galicia no mes de xaneiro despois de ter enfermado de Covid-19. Trátase do segundo mes con máis defuncións dende o inicio da pandemia, só por detrás de abril (428)
400 persoas morreron en Galicia no mes de xaneiro despois de ter enfermado de Covid-19. Trátase do segundo mes con máis defuncións dende o inicio da pandemia, só por detrás do mes de abril (428). A cifra total de defuncións provocadas pola enfermidade elévase xa ata as 1.815, despois de que o Sergas notificase este martes 40 novas vítimas mortais, aínda que só 9 correspondían ao luns.
A última semana do mes -cuxos datos seguen revisándose, polo que aínda poden aumentar- foi a máis dura, con 154 falecementos, unha media de 22 por día, que practicamente iguala a peor media semanal, que corresponde aos primeiros días de abril.
A terceira onda da pandemia provocada pola relaxación das restricións decidida polo Goberno galego e o Goberno central e pola diminución das precaucións por parte da poboación está a deixar un balance moi negro, que aínda provocará unha gran cantidade de defuncións antes de que a actual cifra de contaxios sexa controlada. O custo de "salvar o Nadal" pódese medir na perda de vidas humanas.
52 das persoas que faleceron en xaneiro pola COVID tiñan 69 anos ou menos, un 13% do total, un perfil de idade algo máis novo que en meses anteriores
Entre as persoas que perderon a vida en Galicia dende o inicio da pandemia, o 72% tiñan máis de 80 anos, sendo o grupo de idade entre 80 e 89 anos o maioritario (45% do total). É por este motivo que a principal prioridade das autoridades sanitarias nestes momentos é a protección das persoas de 80 anos ou máis, polo que a vacinación deste grupo comezará a mediados de febreiro. Con todo, ata agora tamén faleceron 322 persoas entre 70 e 79 anos (o 17,7%) e 123 entre 60 e 69 anos (o 6,78%). Ademais, entre os e as menores de 60 anos rexistráronse xa 55 falecementos por causa da COVID.
As cifras do mes de xaneiro, foron moi semellantes, pero amosan entre as persoas falecidas un perfil de idade lixeiramente máis novo, cunha proporción de mortes por debaixo dos 70 anos de case o 13%, fronte ao 9% que se rexistraba ata decembro. 52 das persoas que faleceron en xaneiro pola COVID tiñan 69 anos ou menos.
En xaneiro as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron o 26,5% do total, fronte ao 40% de meses anteriores
Durante o mes de xaneiro observouse, ademais, un cambio de tendencia na situación das residencias de maiores, que dende o inicio da pandemia foron o espazo que rexistrou máis falecementos, superando o 40% das mortes totais durante moitos meses. De feito, durante a primeira onda, entre marzo e o verán, as residencias de maiores sumaron o 45,4% de todas as defuncións pola COVID, 281 das 619 rexistradas en Galicia ata o mes de xullo.
Esta porcentaxe mantívose entre agosto e decembro en porcentaxes ao redor do 40%, coa única excepción de outubro (33%). Porén, durante o mes de xaneiro as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron unha proporción moi inferior, o 26,5%. A cifra de mortes seguiu a ser moi elevada (106 defuncións), pero en termos relativos a situación experimentou unha mellora.
Entre as persoas que viven fóra das residencias producíronse moitos contaxios provocados polas reunións familiares que tiveron lugar no Nadal
Entre os factores que puideron levar a esta menor mortalidade nas residencias de maiores están as restricións impostas polo Goberno galego ás visitas de familiares nestes centros. En cambio, entre as persoas que viven fóra das residencias producíronse moitos contaxios provocados polas reunións familiares que tiveron lugar no Nadal.
Outro factor que pode estar comezando a influír nestes datos é o proceso de vacinación, que comezou polas persoas que residen nestes centros. Con todo, cómpre lembrar que a vacina de Pfizer que se está a administrar só acada a súa máxima eficacia (un 95%) uns días despois da administración da segunda dose, que é aplicada 21 días despois da primeira. Aínda que o número de persoas que xa recibiron a segunda dose é cada vez maior, semella que os efectos positivos da inmunización provocada pola vacina só se comezarán a ver ao longo deste mes de febreiro.
A área sanitaria da Coruña sumou máis do 30% das mortes en xaneiro, un total de 121
En xaneiro as mortes incrementáronse en todas as áreas sanitarias, aínda que a da Coruña-Cee sumou case un terzo do total (121), por por riba das 73 de Santiago e as 61 de Vigo. Ourense, que é a segunda área sanitaria con máis defuncións dende o inicio da pandemia tivo 47, case as mesmas que Ferrol (44). Pontevedra (33) e Lugo (27) foron as zonas con menos vítimas mortais.
O seguinte gráfico amosa a aceleración na cifra de falecementos que Galicia está a sufrir nas últimas semanas, ata acadar a actual cifra de 1.815 mortes.
No gráfico pode verse tamén as sucesivas fases de empeoramento que Galicia experimentou na primeira, na segunda e na terceira onda, en ocasións con períodos nos que algunha área sanitaria sufriu escaladas específicas, como a que afectou a Lugo en setembro ou a Ourense en outubro ou a actual que está a vivir a área da Coruña.
Ourense presenta unha taxa de mortalidade de case 116 falecementos por cada 100.000 habitantes, moi por riba da existente en toda Galicia (66,8)
Aínda que a área sanitaria da Coruña é a que acumula un maior numero de mortes dende o inicio da pandemia (435), por diante de Ourense (357) e Vigo (333), no que atinxe á taxa de mortalidade (que mide o número de defuncións de persoas con covid-19 por cada 100.000 habitantes) a área ourensá é a primeira con gran diferenza. Ourense, con moita menos poboación, presenta unha taxa de mortalidade de 116 falecementos por cada 100.000 habitantes, moi por riba da existente en toda Galicia (66,8). Do resto, tan só A Coruña e Ferrol teñen unhas taxas superiores á media galega (79 e 74), estando o resto moi por debaixo, especialmente a área de Pontevedra.
Aínda que poida parecer o contrario, o mes de xaneiro continuou a descender a taxa de letalidade, que empezou o mes do 2,19% e rematouno no 1,82%. Houbo moitas mortes, pero tamén un número récord de casos de COVID diagnosticados.
Finalmente, a taxa de letalidade mide a relación entre o número de mortes de persoas enfermas de covid-19 e o número de total de persoal infectadas por esta enfermidade, o que amosa a maior ou menor perigosidade da doenza. Na actualidade, este indicador sitúase en Galicia no 1,82%. É dicir, menos do dous por cento das persoas ás que se lles detectou nunha proba PCR a presenza do coronavirus morreron nos últimos meses. A taxa de letalidade foi baixando dende a primavera e, de feito, roldaba o 6% en Galicia no mes de abril.
Aínda que poida parecer o contrario, o mes de xaneiro continuou a descender esta taxa de letalidade, que empezou o mes do 2,19%. Houbo moitas mortes, pero tamén un número récord de casos de COVID diagnosticados.
A taxa de letalidade sitúase no conxunto do Estado español no 2,1%, algo por riba do dato galego. Outros países, como Italia (3,5%), Reino Unido (2,8%) ou Bélxica (3%) presentan taxas de letalidade superiores, pero que tamén descenderon nos últimos meses.