Os casos en centros de maiores e discapacidade volven aumentar tras o val que rexistraron xusto antes do Nadal
Arredor da metade das persoas usuarias e traballadoras de residencias de maiores e discapacidade de Galicia recibiron xa a primeira dose da vacina fronte á COVID-19. Porén, non quedarán inmunizadas ata que reciban a segunda dose, para o que teñen que pasar 21 días desde a primeira administración e outra semana máis despois para que o organismo estea preparado para defenderse.
Un mes entre todo o proceso, con prazos similares tanto na vacina de Pfizer Biontech como noutras que se están a ultimar, durante o que as persoas poden igualmente resultar contaxiadas e dar positivo ou desenvolver a enfermidade, como se vén de rexistrar con casos en residencias de Burela ou Ribeira nos que xa se administrara a primeira dose.
Á espera da segunda dose e da agardada inmunización, a terceira onda da pandemia atopa as residencias rexistrando este xoves novos brotes significativos en varias delas, con 78 novos casos na última xornada comunicada pola Xunta en só catro centros (33 en Tui, 18 en Ribeira, 15 en Vimianzo e 12 en Xove). Uns brotes que aparecen despois de varios días de progresivo incremento no número de casos activos tras o val ao que se chegou xusto antes do Nadal, cando o 23 de decembro a Xunta comunicou que había un total de 99 persoas afectadas en 15 centros de toda Galicia.
Esa foi a cifra máis baixa á que se logrou reducir a incidencia da enfermidade nos centros de maiores e discapacidade mes e medio despois do novo sistema de restricións establecido pola Xunta a comezos de novembro e que entrou en vigor o día 7 dese mes para, segundo o presidente Feijóo, “resetear o sistema” sanitario e “salvar a campaña de Nadal”.
Máis de 300 persoas residentes en centros de maiores ou dependencia morreron desde agosto, máis da metade dos 584 falecementos rexistrados nesas instalacións desde o comezo da pandemia
O anuncio das medidas o día 4 e a entrada en vigor de todas elas (peches perimetrais, peche da hostalaría ou novas restricións nos transportes e nas residencias) o día 7 coincidiu co pico de incidencia da segunda onda no global da poboación galega, con 340 casos por 100.000 habitantes nos anteriores 14 días. Nas residencias, o efecto sentiuse xusto dúas semanas despois, cando o 22 de novembro se chegou ao pico de 560 persoas contaxiadas, tras os grandes brotes rexistrados nas residencias de Doral en Mos e o Asilo de Vilalba. Desde aquela a curva de casos activos foi baixando ata o mínimo de 99 do 23 de decembro.
Porén, nas dúas últimas semanas a curva volveu tender lixeiramente ao ascenso, ata os 204 casos activos nun total de 15 residencias que a Xunta comunicou este xoves. Ademais, neste tempo seguiron a rexistrarse falecementos tanto nas propias residencias como de persoas que vivían nelas e que foron trasladadas a hospitais ou residencias integradas. Máis de trescentas mortes desde agosto (máis da metade das 584 rexistradas neses centros desde o comezo da pandemia e máis dunha quinta parte das 1.431 do cómputo global), durante unha segunda onda cuxo ritmo de mortandade nas residencias se reduciu no último mes, con apenas unha trintena nese período.
Se dende marzo as mortes nas residencias viñan supoñendo o 40% dos falecementos totais, no último mes reducíronse a unha cuarta parte, aproximadamente.
Entre o persoal dos centros de maiores, e á espera do efecto das festas do Nadal, a incidencia foi reducíndose dos 288 casos que había a comezos de novembro aos 91 actuais
Fronte a esa situación entre as persoas residentes, e á espera do efecto das festas do Nadal, os datos veñen amosando mellores resultados das medidas de restrición entre o persoal dos centros. Dos 288 casos activos que había a comezos de novembro, con varias xornadas seguidas superando os dez novos casos diarios detectados, e máis alá de brotes puntuais como os que a finais de decembro afectaron a varios traballadores das residencias de Vimianzo e Burela, a evolución da curva de casos activos caeu ata os 91 casos comunicados este xoves.