A terceira onda da pandemia xa afecta de cheo a Galicia. Este xoves o Sergas notifica 639 novos positivos diagnosticados a través dunha proba PCR, a cifra máis elevada dende o pasado 19 de novembro. Estamos nas primeiras xornadas dunha serie de varias semanas de ascensos no número de casos, pois cómpre ter en conta que os actuais datos aínda non recollen (ou só o fan nunha pequena parte) o efecto das reunións familiares e do incremento da mobilidade que tivo lugar durante as celebracións do Nadal, Noitevella e Reis.
Este xoves o Sergas notifica 639 novos positivos diagnosticados a través dunha proba PCR, a cifra máis elevada dende o pasado 19 de novembro
O Comité Clínico da Consellería de Sanidade reunirase este venres para decidir o endurecemento das restricións en moitos concellos galegos, comezando polas comarcas da Coruña e Compostela, que rexistran unha preocupante escalada no seu número de infeccións.
A Incidencia Acumulada en 14 días supera os 200 casos por cada 100.000 habitantes e xa está no seu valor máis elevado dende o pasado 2 de decembro. A Incidencia Acumulada en 7 días rolda os 116 casos e sitúase nos niveis do 25 de novembro. Con todo, as verdadeiras consecuencias do relaxamento das medidas de prevención durante as dúas últimas semanas comezarán a verse nos vindeiros días; un pouco máis adiante o aumento no número de contaxios levará a un incremento nas hospitalizacións e nas mortes.
Este mércores, a pesar de ser Día de Reis, leváronse a cabo 7.944 probas PCR, a cifra máis elevada dende Noiteboa
Os 639 novos positivos notificados pola Consellaría de Sanidade este xoves continúan a tendencia amosada nos últimos días. Este mércores, a pesar de ser Día de Reis, leváronse a cabo 7.944 probas PCR, a cifra máis elevada dende Noiteboa. Con todo, o nivel de realización de tests de detección aínda está lonxe dos indicadores previos ás festas. As 40.000 probas PCR realizadas na última semana en Galicia contrastan coas 60.000 que se levaran a cabo na semana previa á Noiteboa.
A cifra de mortes continúa a medrar e sitúase xa en 1.431
A cifra de mortes continúa a medrar e sitúase xa en 1.431, 72 nas últimas dúas semanas. Os novos falecementos corresponderon ás áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Ferrol e A Coruña-Cee, que é a área galega cun maior número de defuncións ligadas á Covid-19
A taxa de positividade segue a medrar e rolda xa o 8% en Galicia
A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) segue a medrar e rolda xa o 8% en Galicia, na media dos datos da última semana. Este indicador pasou do 3,58% que se rexistraba no día 24 de decembro ao actual 8,02%, preto do máximo acadado na segunda onda da pandemia o pasado mes de novembro.
A Coruña é a área sanitaria que presenta unha peor situación dende hai varios días, cunha taxa de positividade claramente por riba do 11%
Por áreas, a que presenta unha peor situación dende hai varios días é a da Coruña, cunha taxa de positividade claramente por riba do 11%. Ferrol achégase ao 10% e Pontevedra ao 9%, mentres que Ourense, Vigo e Santiago roldan a media galega e Lugo é a única área claramente por debaixo, ao redor do 6%. O pasado 24 de decembro todas as áreas roldaban o 3% ou 4%, agás Pontevedra, que superaba o 5%.
Nos últimos catro días a IA subiu dende 174 a 204 casos por cada 100.000 habitantes
A Incidencia Acumulada (número de casos por habitante) leva medrando en Galicia dende mediados de decembro. Durante todo o mes de novembro e metade de decembro conseguírase 'dobrar a curva', reducindo o número de infeccións da segunda onda da pandemia. Porén, nese momento volveron aumentar os contaxios.
O indicador da Incidencia Acumulada a 14 días adoita tardar varias xornadas en reflectir de forma completa os cambios de tendencia. Así e todo, nos últimos catro días subiu dende 174 a 204 casos por cada 100.000 habitantes. O indicador da IA a 7 días, que si revela máis rapidamente os cambios na situación, pasou de 96,6 a 115,8 casos por cada 100.000 habitantes dende o sábado.
A situación das residencias comeza a empeorar de novo. Este xoves Sanidade informa de catro gromos en Vimianzo, Xove, Tui e Ribeira, que suman un total de 82 novos positivos
A situación das residencias comeza a empeorar de novo, despois de varias semanas nas que o número de casos activos viña descendendo, cun número reducido de novos casos e case sen gromos de importancia. Este xoves a Consellaría de Sanidade informa de catro brotes, que suman un total de 82 novos positivos entre os usuarios e usuarias das residencias e o persoal.
Trátase da Residencia DomusVi Vimianzo (15 usuarios/as e 2 traballadoras), da Residencia de Ribeira (18 usuarios/as e 1 traballador/a), da Residencia San Bartolomeu de Xove (12 usuarios/as) e da Residencia Paz y Bien de Tui (33 usuarios/as e 1 traballador/a).
A Residencia DomusVi Vimianzo, con 87 casos activos, é o centro que presenta neste momento unha peor situación.
Preocupa a situación en vilas de importancia como Tomiño, Verín ou Viveiro, ao redor dos 600 casos por cada 100.000 habitantes. E tamén en Boiro, Tui, Ribeira, Rianxo e Bueu
A situación no conxunto de Galicia está a empeorar. Xove e Lobeira son os concellos que presentan un maior número de casos por habitante, con incidencias acumuladas ao redor dos 3.000 casos por cada 100.000 habtiantes. Por riba dos 1000 casos están San Xoán de Río, Calvos de Randín, A Illa de Arousa, Vimianzo e Muíños e achéganse a ese indicador Monterrei, Laxe e Vilamarín.
Preocupa igualmente a situación en vilas de importancia como Tomiño, Verín ou Viveiro, ao redor dos 600 casos por cada 100.000 habitantes. E tamén en Boiro, Tui, Ribeira, Rianxo e Bueu, ao igual que en varios concellos da Mariña
A Coruña é xa a cidade galega con máis casos por habitante
Nas cidades, A Coruña continúa a súa escalada e sitúase xa como a urbe galega con maior incidencia acumulada, ao redor dos 250 casos por cada 100.000 habitantes. Santiago ten unha cifra semellante, e Ferrol e Ourense roldan os 200. En cambio, Vigo, Pontevedra e Lugo mantéñense estables.
Dende o pasado 1 de decembro non había tantos pacientes Covid-19 ingresados nos hospitais galegos
A situación nos hospitais continúa a empeorar, pero espérase que os peores efectos da propagación da Covid-19 durante o Nadal comecen a notarse nas vindeiras semanas. Neste momento hai 57 pacientes Covid-19 ingresados nas UCI (o mesmo número ca onte) e 362 no resto de unidades de hospitalización (viinte máis ca onte). A cifra total (419) é o valor máis elevado dende o pasado 1 de decembro.