O Sergas administrou xa a primeira dose da vacina contra a COVID ao 40% do conxunto de persoal e residentes dos centros sociosanitarios de Galicia, obxectivo da primeira campaña de vacinación iniciada o pasado 27 de decembro.
O Sergas administrara o luns o 65% das vacinas da primeira remesa de enviada polo Goberno central unha semana antes
Segundo os datos feitos públicos pola Xunta, Sanidade vacinara xa ata o pasado luns 4 de xaneiro a algo máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios, "cumprindo así o plan elaborado pola Consellería segundo o cal cada semana vacinaranse arredor de 12.200 persoas". Xa que logo, o Sergas tería administrado nesa altura o 65% das vacinas da primeira remesa de 18.500 enviada polo Goberno central hai unha semana.
Recibidas en total 37.500, tras as enviadas polo Estado este pasado luns, o Sergas aclara que tiña previsto vacinar este martes 4.715 persoas máis logo de agardar o tempo necesario para adecuar a temperatura das doses desde a súa chegada.
Así, serían algo máis de 16.700 as vacinas administradas en primeira dose nas residencias de Galicia dun total dunhas 42.500 persoas (entre os arredor de 25.000 residentes e os 17.500 traballadores destes centros que calcula o Plan Galego de Vacinación) que son o obxectivo inicial da campaña.
O Sergas decidiu non vacinar no día de Reis ao "estar cumprindo o cronograma do plan que prevé 12.200 vacinacións por semana"
Representan sobre o 40% do conxunto do persoal e dos usuarios das residencias galegas, aos que xa se ten administrado esa primeira dose, nunha campaña inicial que se detén neste día de Reis ao "estarse cumprindo o cronograma do plan, que prevé 12.200 vacinacións por semana", segundo apuntan desde a Consellería de Sanidade. Unha previsión que podería aumentarse e aumentar o ritmo "se se garante a chegada comprometida polo Ministerio de Sanidade".
A previsión da Xunta é que a vacinación desta primeira dose remate nas residencias a mediados deste mes de xaneiro, polo que sería entre inicios e mediados de febreiro, de cumprírense os prazos, cando a poboacion residente e traballadora destes centros quedase inmunizada contra o coronavirus.
A Xunta mantén unha reserva dun terzo das vacinas por se se produce "unha rotura do stock" e para "garantir a administración da segunda dose"
O Sergas, tal e como aclara nun comunicado, mantén polo de agora unha reserva dun terzo das vacinas por se se produce "unha rotura do stock" e co obxectivo de "garantir a administración da segunda dose". A estratexia da Xunta difire da de, por exemplo, o Principado de Asturias, que anunciou este martes que xa administrara o 100% das doses da primeira remesa recibida, arredor de 12.000.
Desde Sanidade agradecen o "excelente traballo" dos equipos de vacinación, que están conformados por máis de 200 profesionais de enfermaría que coordinan a campaña e na que participan tamén 2.000 efectivos de Atención Primaria e preto de 40 de enfermaría preventiva e prevención de riscos laborais.
Por cada residencia hai un equipo formado por dúas enfermeiras que administran arredor de 45 vacinas por profesional e día. Estes traballadores recibien unha extra mensua de 500 euros ao mes. "O persoal de enfermaría está a traballar cunha gran profesionalidade e cunha actitude impecable", asegura o Sergas.
Cantabria e Madrid, as comunidades que menos vacinan
No conxunto do Estado administráronse a data deste pasado martes un total de 139.339 primeiras doses das vacinas, 56.505 máis que o luns, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade. En total, entregáronse ás autonomías 743.925 doses, das que se puxeron xa, globalmente, un 18,7%.
Cantabria e Madrid son os territorios con menor porcentaxe de administración das vacinas entregadas, por baixo do 6%. Galicia sitúase nos primeiros postos, só superada por Asturias.
Por outra banda, o director da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, instou os países a vacinar "o máis axiña posible" ás súas poboacións e ás compañías farmacéuticas a que aumenten o subministro das vacinas e que este sexa "asequible e coherente".