A terceira onda do coronavirus impacta de cheo en Galicia con case 600 novos positivos

Toma de mostra nun dos cribados xeralizados de coronavirus na Coruña © Concello da Coruña

O avance da terceira onda en Galicia parece definitivo, cun impacto cada vez máis claro, especialmente nas áreas da Coruña e Santiago, sobre as que o venres o comité clínico decidirá novas e máis duras restricións para intentar parar a curva ascendente nos casos, na positividade ou nas hospitalizacións. 

Galicia alcanza os 6.404 casos activos logo dunha xornada con case 600 novos positivos

Os efectos das celebracións de Nadal, da apertura e relaxación das restricións e do aumento da interacción social comezan a plasmarse de cheo nuns datos que neste Día de Reis --no que a Xunta permitiu a mobilidade para visitas familiares-- volven ser malos, continuando coa tendencia dos últimos días. Galicia alcanza os 6.404 casos activos logo dunha xornada con case 600 novos positivos (590) logo dos 298 da xornada anterior. A metade concéntranse nas áreas da Coruña e Santiago. 

En só 24 horas, tendo en conta os datos recollidos das 18 horas do luns ás 18 do martes, hai máis de 400 enfermos máis de coronavirus en Galicia, unha suba que lembra aos peores datos da segunda onda. 

A media diaria de casos novos na última semana rolda xa os 450 en Galicia

Afloraron nesta xornada moitos positivos de días anteriores, pero desde mediados de novembro non se notificaban tantos casos novos por PCR nun só día. Así, a media diaria de casos novos na última semana rolda xa os 450 en Galicia, cando na metade de decembro sitúabase nos 300.

Este aumento chega nunha xornada na que tamén se aumentou o número de probas realizadas, alcanzando as 7.752, a cifra máis alta desde o pasado 24 de decembro. 

Foi a acumulación de festivos nas últimas dúas semanas a que levou a ese descenso de PCR, o que provocou tamén que se invisibilizase un empeoramento da situación que estaba latente e que agora comeza a percibirse de vez. E non será o peor de ter en conta a tendencia. 

A taxa de positividade media a sete días en Galicia achégase ao 7,8% cando en Noiteboa estaba no 3,6%

Os efectos do Nadal, dos que aínda queda moito por ver, nótanse xa na tendencia ascendente de casos nos últimos días, que eleva tamén a taxa de positividade media a sete días en Galicia, que continúa a subir. Achégase xa ao 7,8% --case tres puntos por riba do 5% que a OMS considera como limiar para controlar a pandemia-- cando en Noiteboa estaba no 3,6%. 

O aumento é xeneralizado pero moito maior nalgunhas áreas. A Coruña e Ferrol superan xa o 10%, mentres que Ourense pasa do 8%, unha cifra que case alcanza Santiago. Destaca, por negativo, o incremento da positividade na área coruñesa, que pasou do 3,6% do dia de Nadal ao 11,2%

Xa que logo, a incidencia acumulada a 14 días segue a subir en Galicia, alcanzando xa os 190 casos por 100.000 habitantes no país, mantendo o ascenso que a curva iniciou a mediados de decembro, cando estaba en 150. Na área de Santiago, o dato da incidencia pasa de 244, mentres que na da Coruña supera os 200. 

A incidencia acumulada preocupa en Santiago e A Coruña, cunha curva ascendente que segue á alza

Por cidades, a situación de Santiago e da Coruña segue a preocupar, con incidencias de máis de 230 en ambos casos e unha curva ascendente que, pola contra, é moito máis estable noutras urbes. 

Respecto do resto dos concellos, os que teñen unha maior incidencia acumulada son Xove, Lobeira, Calvos de Randín, San Xoán de Río, A Illa de Arousa e Vimianzo, todos por riba de 1.000 casos por 100.000 habitantes, aínda que a vila mariñá chega case aos 3.000. Ademais, vilas como Verín, Tomiño, Viveiro ou Boiro pasan de 500. 

En canto á presión hospitalaria, os cambios non son aínda tan visibles como noutros ámbitos, aínda que se mantén a tendencia en ascenso dos últimos días en Galicia, onde do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 342 en unidades de hospitalización e 6.005 no domicilio.

Así, o número de falecidos en Galicia polo coronavirus chega xa ás 1.427 persoas logo de comunicarse seis mortes máis, catro deste pasado martes e dúas de días anteriores. 

O número de falecidos en Galicia pola COVID chega a 1.427 logo de comunicarse seis mortes máis

Os pasamentos correspóndense a unha muller de 85 anos falecida no CHUAC, unha muller de 76 anos falecida no CHUO, un home de 82 anos que faleceu no CHUS, un home de 82 anos que faleceu no CHUF e un home de 64 anos falecido no CHUVI e procedía da residencia de Moledo, en Vigo. Así mesmo, na xornada de onte produciuse o falecemento dun home de 88 anos no seu domicilio de Ourense.

Ademais, dos 6.404 positivos en Galicia, 1.377 son da área da Coruña, 575 da de Lugo, 734 da de Ourense, 743 da de Pontevedra, 1.146 da área de Vigo, 1.442 da de Santiago, e 387 da de Ferrol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.