Aínda que o empeoramento da situación epidemiolóxica en Galicia froito das festas de Nadal só incrementou un chisco o número de casos detectados e a incidencia acumulada, unha parte do país está a xa a rexistrar un número de contaxios moi importante, que nos máis dos casos teñen a súa orixe en gromos e infeccións producidas nos días previos á Noiteboa.
Xove, Lobeira, A Illa de Arousa e Vimianzo, unha localidade de cada provincia, son os concellos galegos con máis casos por habitante
O concello lucense de Xove, na Mariña, é o que nestes momentos presenta unha situación máis preocupante, cunha incidencia de 2.322 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. O ourensán Lobeira (2.256), o pontevedrés da Illa de Arousa (1.807) e o coruñés de Vimianzo (1.360). Unha localidade de cada unha das catro provincias galegas, mostra de que a pandemia está estendida por todo o pais, tanto zonas urbanas como rurais, costeiras ou de interior.
Con todo, o mapa si amosa que determinadas comarcas (Costa da Morte, Verín, Barbanza...) concentran un gran número de localidades con incidencias por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. En concreto, son 32 os concellos que superan ese nivel, moi elevado, e que se sitúa máis de dúas veces por riba da incidencia media no conxunto de Galicia (181,12).
Preocupa máis a situación en vilas como Verín, Boiro, Bueu, Tomiño ou Rianxo e tamén nas cidades da Coruña e Santiago
Aínda que entre eses 32 concellos non se atopa ningunha das sete cidades galegas, si atopamos a vilas de grande importancia e moi poboadas ou que se constitúen en cabezas de comarca. Santa Comba, con case 10.000 habitantes, ten nestes momentos unha incidencia acumulada de 658 casos por cada 100.000 habitantes. E por riba dos 10.000 habitantes presentan incidencias moi elevadas Verín (605), Boiro (499), Bueu (475), Tomiño (474), Rianxo (471), Viveiro (414), Ribeira (372) ou Noia (358)
No outro extremo, iso si, segue a haber un gran número de localidades que escapan dos contaxios de Covid-19, un total de 69 nas que non se rexistrou ningún contaxio nos últimos 14 días. Estes concellos localízanse maioritariamente nas provincias de Lugo e Ourense e corresponden a zonas pouco poboadas. Entre eles, Outeiro de Rei e Cerceda son os únicos que superan os 5.000 habitantes
A Consellaría de Sanidade decidirá este venres se endurece as restricións
Na seguinte táboa pódese observar a evolución dende a Noiteboa da incidencia acumulada nos 40 concellos máis poboados de Galicia. Entre os indicadores destaca o rápido empeoramento da situación na Coruña (pasou de 118 a 192 casos por cada 100.000 habitantes), Compostela (de 218 a 240) ou Ferrol (de 138 a 174).
Empeoran tamén rapidamente Ames, Oleiros, Arteixo, Culleredo ou Teo. Este luns o Comité Clínico da Consellaría de Sanidade acordou engadir ao listado de "vixilancia especial" a todos os concellos das comarcas da Coruña e Santiago: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.
Entre os concellos que tamén incrementaron notablemente nos últimos días as súas cifras de contaxios están A Estrada (pasou de 59 a 239), Tui (de 150 a 228) ou Mos (de 199 a 312).
Este venres o Comité Clínico volverá reunirse para actualizar as restricións vixentes en toda Galicia. A Consellaría de Sanidade sinala que se quere agardar ata esa data para analizar nese momento a situación epidemiolóxica existente e o efecto das festas de Nadal. Sanidade advirte especialmente do empeoramento da situación nas cidades da Coruña e Santiago, sinalando que este venres de seguir a actual "tendencia á alza" nas dúas urbes, o Comité Clínico "proporá medidas restritivas", propoñéndose "medidas concretas máis duras".
A taxa de positividade duplicouse dende o 3,58% do pasado 24 de decembro ata o actual 7,68%, incremento moi preocupante
Nos vindeiros días poderían comezar a percibirse os efectos dos posibles contaxios da Covid-19 que se produciron durante os encontros sociais deste Nadal, unhas infeccións que tardan entre 5 e 6 días revelar os primeiros síntomas e algún máis ata que son detectados por unha proba PCR. Pasaron xa 10 días dende o 25 de Nadal e ata agora o número de novos casos non experimentou un gran crecemento en Galicia (en boa medida debido á redución do número de PCR realizadas), pero si o fixo a porcentaxe de probas cun resultado positivo.
Este adoita ser un dos primeiros indicadores que amosa de forma máis temperá un aumento na propagación da enfermidade. A taxa de positividade duplicouse dende o 3,58% do pasado 24 de decembro ata o actual 7,68%, incremento moi preocupante.
A porcentaxe de probas positivas medrou en todas as áreas e supera xa o 9% na Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-Salnés. Lugo e Vigo son as áreas que presentan mellores datos, pero superando xa o 6% e medrando dende o 2,7% e o 3,3% de hai unha semana.
No seguinte gráfico amósanse as tendencias de seis indicadores (IA en 7 e 14 días, número de camas de UCI ocupadas, número de camas ocupadas noutras unidades hospitalarias, número de mortes e taxa de positividade), coa súa variación porcentual con respecto ao mesmo día da semana anterior. A táboa, algo complexa, permite comparar conxuntamente as tendencias de varios indicadores.
Tamén está a medrar a incidencia acumulada nos sete últimos días
Así, obsérvase como os datos de positividade (porcentaxe de probas PCR con resultado positivo), que adoitan ser o primeiro indicador dunha suba no número de casos, disparáronse nos últimos días. Tamén está a medrar a incidencia acumulada nos sete últimos días e faino máis que a incidencia dos 14 días anteriores. Os indicadores e hospitalización adoitan ser os seguintes en medrar e aínda non o fan. De feito, seguen en descenso, o mesmo que o número de mortes ligadas á Covid-19.