Pouco a pouco, o empeoramento da situación epidemiolóxica comeza a percibirse en varios dos indicadores máis utilizados para medir os efectos da pandemia. A taxa de positividade continúa a aumentar, situada por riba do 7,5%, o dobre que hai unha semana. E, igualmente, medra de forma paseniña a incidencia no conxunto de Galicia (atópase xa por riba de 183 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días e por riba dos 100 casos a 7 días).
A pesar das poucas probas PCR realizadas, medra de forma paseniña a incidencia no conxunto de Galicia (atópase xa por riba de 183 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días e por riba dos 100 casos a 7 días)
Faino a pesar de que o número de probas PCR realizadas este luns foi aínda moi baixo (unicamente 4.209) e polo tanto semella que aínda haberá que agardar uns días para contar con datos que non estean influídos pola sucesión de días festivos.
Aumenta igualmente a ocupación de camas nos hospitais galegos por parte de pacientes infectados de Covid-19. Ademais, continúa a medrar a cifra de mortes, con sete novos falecementos (6 deles na área sanitaria da Coruña-Cee) que elevan o número total ata os 1.421 dende o mes de marzo.
O empeoramento é máis claro nas cidades e en todas elas (agás Vigo) o número de casos activos está a medrar dende hai días. Faino con moita forza na Coruña (pasou dunha incidencia acumulada de 119 a 208 nos últimos oito días) e tamén en Ferrol (de 135 a 197 na última semana), pero tamén en Santiago, Pontevedra e Ourense. En Lugo a situación está máis estabilizada (aínda que cun leve aumento) e en Vigo os datos apenas variaron dende o día de Nadal.
Santiago e A Coruña son as dúas urbes con peores datos e Sanidade anuncia que este venres endurecerá as restricións
Santiago e A Coruña son as dúas urbes con peores datos. Este venres o Comité Clínico volverá reunirse para actualizar as restricións vixentes en toda Galicia. A Consellaría de Sanidade sinala que se quere agardar ata esa data para analizar nese momento a situación epidemiolóxica existente e o efecto das festas de Nadal. Sanidade advirte especialmente do empeoramento da situación nas cidades da Coruña e Santiago, sinalando que este venres de seguir a actual "tendencia á alza" nas dúas urbes, o Comité Clínico "proporá medidas restritivas", propoñéndose "medidas concretas máis duras".
Os concellos con incidencias acumuladas máis altas son Lobeira e Xove (ambos os dous por riba dos 2.000 casos por cada 100.000 habitantes), A Illa de Arousa e Vimianzo (cunha IA por riba dos 1.000 casos)
No resto do país a situación mantén as mesmas tendencias de onte, con incidencia elevadas nas comarcas da Costa da Morte, Barbanza, Verín ou A Mariña e un número moi alto de casos en vilas como Bueu, Tomiño, Barro ou Valga.
Os concellos con incidencias acumuladas máis altas son Lobeira e Xove (ambos os dous por riba dos 2.000 casos por cada 100.000 habitantes), A Illa de Arousa e Vimianzo (cunha IA por riba dos 1.000 casos). Destaca tamén a situación de Tomiño, Verín ou Viveiro, vilas de importancia que están a empeorar a súa situación epidemiolóxica e que presentan tamén incidencias moi elevadas.
No outro extremo hai, iso si, 71 concellos nos que non se detectou ningún positivo de coronavirus nos últimos 14 días.
Nas últimas 24 horas detectáronse en Galicia 298 novos casos de Covid-19 diagnosticados cunha proba PCR
Nas últimas 24 horas detectáronse en Galicia 298 novos casos de Covid-19 diagnosticados cunha proba PCR, unha cifra semellante á notificada o martes da pasada semana (305) e superior á dos martes anteriores (190 e 234).
A incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase por riba de 183 casos por cada 100.000 habtiantes leva en ascenso dende o 11 de decembro (155). E a incidencia acumulada nos últimos 7 días medrou especialmente dende o pasado 26 de decembro, pasando de 78 a 100 casos en pouco máis dunha semana.
Por áreas sanitarias, Santiago (234) é a que presenta unha incidencia máis elevada, seguida de Pontevedra (188). A Coruña e Vigo roldan a media galega, mentres que Ferrol, Ourense e Lugo sitúanse claramente por debaixo.
Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade hai un total de 240 casos activos (143 entre os usuarios e usuarias e 97 entre o persoal). A cifra é semellante á de onte (239) aínda que nas últimas 24 horas se incorporaron 21 novos positivos, 10 deles na Residencia da Pastoriza,
A taxa de positividade é especialmente alta na área sanitaria da Coruña
A taxa de positividade continúa o seu ascenso, situada claramente por riba do 7,5%. É especialmente alta na área sanitaria da Coruña (cunha media superior ao 10% na última semana), Ferrol, Ourense e Santiago, ao redor do 8%. Vigo é a única zona na que baixa do 6%.
O número de probas PCR realizadas segue en niveis baixos, 4.209 este luns e cunha media diaria na última semana de 5.289
O número de probas PCR realizadas segue en niveis baixos, 4.209 este luns e cunha media diaria na última semana de 5.289, moi lonxe dos máis de oito mil tests diarios que se levaban a cabo nos días previos á Noiteboa.
Nas UCI non aumenta o número de camas ocupadas, pero no resto de unidades hospitalarias a cifra pasou de 291 a 342 dende o luns da pasada semana
O número de camas ocupadas por pacientes Covid-19 nos hospitais galegos segue á alza. Nas UCI este incremento aínda non se percibe, con 56 camas ocupadas, a mesma cifra que hai sete días. Porén, no resto de unidades hospitalarias o número pasou de 291 a 342 dende o luns da pasada semana.
Na última semana a ocupación hospitalaria medrou especialmente nas áreas sanitarias da Coruña e Ferrol, pero tamén sobe en Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.