"Resetear o sistema" sanitario e "salvar a campaña de Nadal". É a intención que manifesta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para o xiro de guión nas restricións polo coronavirus que, en apenas doce horas, vén de decidir aplicar o Goberno galego.
Ao contrario do afirmado pola Consellería de Sanidade, o comité clínico que segue a evolución da pandemia en Galicia non finalizou a súa deliberación na media noite do martes. Continuou na mañá do mércores ata rematar, contra o mediodía, para anunciar o maior paquete de restricións dende a fin do confinamento: peche de toda a actividade "non esencial" -que non define alén da hostalería- en 60 concellos que estarán, ademais, atinxidos por confinamentos perimetrais en solitario ou, no caso das cidades e as súas contornas, en conxunto coa súa área de influencia. Todo, dende as tres da tarde do vindeiro venres, día 6.
Os concellos sinalados no mapa como os atinxidos por medidas reforzadas divídense en dous grupos. O primeiro, o formado polas sete cidades e as súas contornas. O segundo, municipios nos que segundo a Xunta a incidencia acumulada (novos casos da COVID-19 por cada 100.000 habitantes) a dúas semanas é superior a 200 positivos e a súa tendencia, ascendente. As contorna das cidades nas que a Xunta imporá o novo confinamento perimetral están formados por estes municipios. Como nos actuais peches perimetrais, estará permitida a circulación entre todos os concellos dun mesmo ámbito. [Os hospitais galegos reséntense polo empeoramento da pandemia e as probas positivas seguen arredor do 8%]
- A Coruña: Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros
- Lugo: en solitario
- Ourense: Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén
- Pontevedra: Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior
- Santiago: Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra
- Vigo: Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.
- Ferrol: Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos
Nos concellos afectados polas medidas reforzadas terán que pechar todos os locais de hostalería agás para servizo a domicilio. A Xunta non detalla que outras actividades "non esenciais" están afectadas
O segundo grupo de concellos con restricións reforzadas por elevada incidencia -a Xunta segue sen publicar os datos do coronavirus por concellos- está formado por 17 municipios. Son Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía. Neles, segundo avanza o Goberno galego, rexerán "as mesmas restricións" que nas sete cidades e as súas áreas, o que implica confinamento perimetral.
Desta listaxe saen, daquela, municipios que ata agora estaban afectados por medidas reforzadas, caso de Oímbra, Vilardevós, O Barco de Valdeorras ou O Irixo e Boborás, estes dous últimos confinados perimetralmente nas últimas semanas xunto ao Carballiño. O modelo de restricións impostas nestes tres concellos ourensáns é, segundo Feijóo, o imitado agora para toda Galicia porque, resalta, estas medidas conseguiron alí "reducir a incidencia a máis da metade".
Hostalería, comercio, transporte
A Xunta non especifica, polo momento, as restricións concretas de tránsito para os concellos lindeiros con outros sobre os que os que tamén rexe o confinamento perimetral, pero que non forman un único ámbito como as cidades. É o caso, por exemplo de Lalín, Silleda e A Estrada e destes, á súa vez, con Compostela e a súa contorna, ou de varios municipios do Salnés. Si avanza, no entanto, que "estarán permitidos o 100% dos movementos", como ata agora, para actividades laborais e escolares ou coidado de menores maiores e dependentes, entre outras.
Nos municipios con medidas reforzadas as reunións sociais estarán permitidas só a convivintes; no resto do país poderán xuntarse ata seis persoas
Segundo o avanzado por Feijóo, en todos estes 60 municipios con restricións reforzadas, que suman arredor do 60% da poboación do país, quedarán ademais prohibidas as reunións sociais entre persoas que non convivan. No resto de Galicia, no entanto, a Xunta aumenta de cinco a seis o máximo de persoas non convivintes que poidan reunirse, o máximo permitido polo estado de alarma.
Entre os efectos máis destacados das restricións inclúese o peche de todos os locais de hostalería agás para servizo a domicilio. Para este sector, segundo o presidente da Xunta, o Goberno galego disponse a abordar no Consello destes xoves "posibles novas medidas" de axuda para paliar os efectos do peche obrigado. [A hostalaría estoupa en Galicia e reclama axudas xa para evitar unha "ruína inmediata" pola pandemia]
As medidas, especifica Feijóo, serán máis laxas para outras actividades, como as culturais. Cinemas, teatros, auditorios e outros recintos semellantes "poderán seguir funcionando", pero cun máximo da metade dos asentos ocupados e sempre que non se xunten máis de 30 persoas en interiores nin máis de 75 en espectáculos ao aire libre.
Restricións no transporte público en toda Galicia
A limitación do 50% de capacidade en autobuses non atinxe ao transporte escolar
Alén dos concellos con medidas reforzadas, a Xunta avanza que, para toda Galicia, regresan as limitacións de capacidade tamén ao transporte público. Nomeadamente, os autobuses tanto urbanos como interurbanos non poderán ocupar máis do 50% dos asentos. Esta restrición non afecta ao transporte escolar porque, xustifica a Xunta, "os asentos están asignados dende o principio de curso.
A restrición de capacidade esténdese tamén aos centros comerciais, cunha limitación a un terzo en espazos comúns e do 50% no interior das tendas. A regulamentación para o comercio será a mesma nos concellos con restricións reforzadas.
Tamén para toda Galicia, indica, volverán modificarse as restricións nas residencias de persoas anciás, onde quedarán "limitadas as saídas dos usuarios", indica a Xunta, que non especifica se se trata dunha prohibición total. Si poderán continuar "de momento" as visitas de familiares, segundo o protocolo vixente.
A concreción de todas as restricións está, non obstante, pendente de aclaracións por parte da Xunta e, sobre todo, da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.