Nos primeiros días de outubro, a segunda vaga da pandemia do coronavirus disparouse de vez, trazando case a curva dunha terceira vaga de novos casos da COVID-19 e pasando con rapidez dunha taxa de probas PCR positivas por baixo do 3% a practicamente o triplo. Apenas unha semana despois, ese forte empeoramento chegou ás cifras de falecementos e tamén ás de hospitalización, co incremento no número de ingresos máis sostido e forte da segunda vaga, que aínda continúa mentres as principais magnitudes epidemiolóxicas dan os primeiros sinais de freo en Galicia no último mes, pero moi leves.
As 563 persoas hospitalizadas, 80 delas na UCI, supoñen outro máximo na segunda vaga da pandemia
As 563 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus sobre as que informa o Sergas este 4 de novembro -con datos pechados ás seis da tarde do día anterior- son dezaoito máis que un día antes e supoñen un novo máximo na segunda vaga. Tamén toca teito na segunda vaga o número de pacientes na UCI con diagnóstico do coronavirus, ata un total de 80.
Na área da Coruña-Cee hai 80 persoas máis ingresadas na actualidade con test positivo da COVID-19 que hai apenas un mes
Por áreas sanitarias, en termos absolutos a que rexistra actualmente un maior número de ingresos ligados á pandemia é a da Coruña-Cee, con 132 persoas hospitalizadas das que 18 están na UCI. O primeiro día no que a Xunta amosou a súa serie histórica completa, o 8 de outubro, os ingresos na área coruñesa por mor do coronavirus eran menos da metade, 52, como amosa o gráfico sobre estas liñas.
A área que segue soportando unha maior presión nas súas unidades de coidados intensivos a causa da COVID-19 é a de Ourense, con 17 persoas na UCI (só unha menos que a área da Coruña) e outras 86 en unidades de hospitalización ordinaria. Na banda contraria segue, polo momento, a área sanitaria de Lugo, que abrangue toda a provincia e cuxos 42 pacientes hospitalizados con test positivo do coronavirus (5 na UCI) son 11 máis que a principios de outubro.
644 novos casos e outras 7 mortes no rexistro oficial
Este incremento da presión hospitalaria, que a Xunta sinala como un dos motivos clave para activar o novo paquete de restricións dende o vindeiro venres, día 6, rexístrase mentres os datos máis recentes do Sergas suman 644 novos casos da COVID-19, rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, día 3 de novembro. Deles, 626 foron diagnósticos confirmados mediante probas PCR. [A Xunta pecha a actividade "non esencial" e impón confinamento perimetral dun mes a 60 concellos]
Con estes datos, o total de "positivos activos" xa superou o limiar dos 9.500 casos e sitúase en 9.642, outro máximo dende o inicio da pandemia. Segundo a Xunta, xa se recuperaron 28.466 persoas que deron positivo nalgún test.
O total de falecementos ligados á pandemia en Galicia é xa de 951 persoas
O cómputo oficial suma nesta xornada 7 novos falecementos que elevan o total de mortes ligadas á pandemia en Galicia ata as 951. Unha destas persoas vivira nunha residencia de maiores, unha muller de 91 anos falecida no hospital de Burela e procedente da residencia de San Cibrao (Cervo), e outra, nun centro para persoas con discapacidade de Oleiros, un home de 58 anos que morreu no hospital da Coruña. Ademais, Sanidade notificou as mortes dun home de 66 anos no CHUAC, unha muller e un home de 95 e 93 anos no complexo hospitalario de Vigo, unha muller de 83 anos no Arquitecto Marcide de Ferrol e outra muller de 89, no hospital lucense Lucus Augusti. ["O virus pode entrar nunha residencia, pero se se propaga é porque non se adoptaron as medidas necesarias"]
A positividade media segue arredor do 8%
Estes rexistros prodúcense nun contexto no que, tras o descenso no número de probas PCR procesadas despois da fin de semana, a cifra de test volve aumentar, con 7.474 nas últimas vinte e catro horas. Nin a diminución de probas nos días previos nin o novo incremento fixeron variar de maneira significativa a porcentaxe de probas que dan positivo, que para o conxunto de Galicia segue na contorna do 8% cun lixeiro ascenso na última xornada.
A área de Ourense, a sometida a restricións máis severas dende hai máis tempo, está a lograr baixar a taxa de positividade ata preto do 5%, o limiar que a OMS sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio
Alén das variacións puntuais dun día en concreto, a positividade media dos últimos sete días sitúase agora para o global galego arredor do 7,8% con tres áreas sanitarias por riba dese nivel. A maior taxa segue na área ferrolá, onde así e todo descende nos últimos días ata o 11%; a área viguesa segue arredor do 9% e a pontevedresa achégase a ese nivel.
Mentres, a área que leva máis tempo sometida a restricións máis severas no seu territorio, a de Ourense, afianza a liña descendente cara á contorna do 5% de positividade media diaria na última semana, un nivel no que tamén se sitúa a área de Santiago. Ese 5% é o limiar sinalado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a epidemia nun determinado territorio.
Cómpre ter en conta, non obstante, que estes datos de positividade refírense á situación para a área sanitaria no seu conxunto e que o Goberno galego segue negándose a divulgar datos por concellos. Así, atendendo a declaracións de responsables de Sanidade e tamén dos propios municipios, algunhas cidades seguen tendo taxas de positividade moi superiores ao do resto das áreas nas que se atopan, pero o dato non é público.