A notificación atrasada de 17 falecementos dispara as cifras de mortalidade ligada á pandemia en Galicia

Persoal da UCI do CHOU que atende pacientes da COVID-19 CC-BY-SA Imaxe: CHUO | Montaxe: Praza Pública

Dende o 30 de outubro ao 2 de novembro faleceron en Galicia cando menos 38 persoas que foran diagnosticadas como positivas por COVID-19 que elevan o total ata 944. Pero vinte e unha delas non morreron o pasado luns, día 2, día para o que polo momento foron notificadas 4 mortes, aínda que fose a últimas horas desa xornada cando a Consellería de Sanidade deu conta de ata 21 novos falecementos ligados á pandemia. En realidade, 17 deles producíranse durante os tres días anteriores, dende o venres 30 de outubro ata o domingo día 1.

17 das 21 mortes notificadas polo Sergas o luns producíranse nos tres días anteriores. O total ascende así a 944 falecementos

A administración dos datos e o xeito de presentalos está a presentarse como unha das claves desta pandemia e así ficou acreditado o pasado luns. As 21 mortes sumadas por Sanidade convertían este 2 de novembro na xornada máis letal da segunda vaga da pandemia. No entanto, poucas horas despois o propio Servizo Galego de Saúde axustou a súa serie histórica -a mesma que mantivo oculta durante sete meses-, unha revisión como as que son habituais no Ministerio de Sanidade, recolocando casos no día que corresponden.

Estes axustes afondan nunha tendencia que é clara dende hai semanas: as mortes ligadas ao coronavirus van á alza en Galicia dende finais de setembro. Pero, en realidade, o día con máis mortes da segunda vaga vén sendo, ata agora, o pasado sábado día 30, con 15 decesos. E non o pasado luns, con 21, como semellaba.

Nove das mortes, de persoas que viviran en residencias

As correccións introducidas polo propio Sergas amosan que o venres 30 foran notificadas ata 7 mortes menos das que se produciran, o sábado 31 foron 4 menos e o domingo día 1, 6 menos. En total, 17 falecementos notificados con atraso que se engadiron aos 4 do luns, día 2, sumando o total de 21 que saltou con rapidez aos titulares, toda vez que semellaba ser a xornada con máis mortes dende mediados de abril. En realidade, iso xa sucedera o sábado, como amosan os datos corrixidos.

Seis das mortes notificadas con demora producíranse na área sanitaria de Vigo e outras cinco, na da Coruña

Ata seis desas mortes coñecidas con demora producíranse na área sanitaria de Vigo. Alí, confirma o Sergas, faleceron nos devanditos catro días tres persoas que vivían na residencia de maiores de Salvaterra do Miño (dous homes de 96 e 84 anos e unha muller de 92) e outras tres persoas que tamén estaban ingresadas no CHUVI (dúas mulleres de 103 e 95 anos e un home de 82).

Outros cinco falecementos non notificados neses días producíranse na área sanitaria da Coruña. Un dos falecidos, de 92 anos, vivía na residencia Ballesol de Oleiros, outro home de 93 anos morreu na súa casa e unha muller de 81 e un home de 84, no hospital. Ademais, correspondente ao propio luns confirmouse a morte doutra muller de 84 anos, tamén hospitalizada.

O número de casos novos acumula tres días de descenso ata os 448 notificados este martes, aínda que tamén son tres as xornadas de redución no número de probas PCR procesadas

Tanto a área de Ourense e Pontevedra sumaron o luns cadanseus dous falecementos que se produciran en días previos. No caso ourensán, Sanidade confirmou a morte dunha muller de 85 anos na residencia Nosa Señora dos Anxos (Ribadavia), outra muller de 85 anos que estaba hospitalizada procedente da residencia Nosa Señora dos Milagres (Barbadás). A elas engádese a morte, hospital de Verín, dun paciente de 77 anos da residencia Val de Monterrei. Na área pontevedresa, os falecementos notificados con atraso foron os dun home de 57 anos que estaba hospitalizado e mais unha muller de 89 falecida no hospital de Montecelo sobre quen, inicialmente, o Sergas informara por erro de que procedía dunha residencia.

Nas áreas de Lugo e Ferrol, os falecementos notificados con atraso foran un en cada caso: un home que faleceu na súa casa (79 anos) e un paciente de 86 que estaba hospitalizado, respectivamente. Alén da devandita demora, o Sergas notificou ademais a morte dunha muller de 89 anos no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e dun home e dunha muler de 69 e 89 anos no Clínico de Santiago, ambos procedentes da residencia San Miguel de Silleda. En total, as 21 mortes notificadas o luns, pero correspondentes a varios días.

448 casos novos e presión hospitalaria en aumento

Esas 21 mortes incorpóranse a un cómputo xeral do Sergas que engade este martes, 3 de novembro, 448 novos casos da COVID-19 rexistrados entre as seis da tarde do domingo día 1 e a mesma hora do luns, día 2. Deles, 425 son diagnósticos mediante PCR correspondentes a ese mesmo período. Trátase da segunda xornada consecutiva con menos casos novos que o día previo, pero tamén do segundo día seguido con menos probas test PCR que o día anterior: 5.973 fronte a 7.710 e 9.974.

Esta evolución dos novos casos sitúa a incidencia acumulada a 14 días (novos positivos por cada 100.000 habitantes) para o conxunto de Galicia nuns 317 casos, pero con notables diferenzas entre áreas sanitarias. Seis das sete áreas manteñen a súa incidencia á alza encabezadas de xeito moi destacado pola de Ferrol, por riba dos 500 casos. Mentres, a área de Ourense segue abaixando a súa curva devagariño, aínda que polo momento segue superando os 350 positivos por cada 100.000 habitantes en 14 días.

A porcentaxe de probas PCR que dan positivo mantense estable para o conxunto de Galicia, na contorna do 8%, pero con diferenzas entre áreas sanitarias

Para obter unha imaxe o máis precisa posible da evolución da pandemia no país cómpre ter tamén en conta, non obstante, que estas cifras de novos casos se producen nun contexto no que a porcentaxe de probas PCR que dan positivo segue estable para o conxunto de Galicia, un chisco por baixo do 8%, aínda que tamén con notables diferenzas entre áreas sanitarias, tamén neste indicador coa ferrolá en cabeza.

Así, este luns, a positividade media dos últimos sete días estaba na área de Ferrol no 11,56% e outras dúas áreas, Pontevedra-O Salnés e Vigo, ascendían por riba do 9%. Mentres, a área da Coruña-Cee rolda o 7% de positividade diaria media na última semana, Lugo e Ourense sitúanse na contorna do 6,8% e Santiago descende ata o 5,5%. A Organización Mundial da Saúde sinala o 5% como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.

En termos absolutos, a área sanitaria con máis persoas ingresadas continúa sendo a da Coruña-Cee (135, 16 delas na UCI), pero a maior presión continúa na área sanitaria de Ourense. Especialmente en coidados intensivos, con 18 persoas ingresadas, pero tamén cunha cifra significativa de hospitalización ordinaria, ata 80 persoas. Polo momento, a área sanitaria con menos pacientes en hospitais con test positivo da COVID-19 segue sendo a de Lugo, con 41 persoas, 5 delas na UCI do Lucus Augusti.

Case 80 persoas nas UCI

O empeoramento da situación xeral da pandemia nas últimas semanas segue tendo a súa tradución nunha maior carga hospitalaria. Ás seis da tarde do luns, día 2, eran 545 as persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo da COVID-19, 22 máis que un día antes e outro máximo da segunda vaga. Delas, 77 están en unidades de coidados intensivos (+2) e 466, en unidades de hospitalización ordinaria (+20).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.