As sete cidades, as súas contornas e mais o Concello de Vimianzo, baixo confinamento perimetral dende as tres da tarde deste 30 de outubro e, cando menos, ata o martes día 3 de novembro. É a decisión adoptada polo subcomité clínico da Consellería de Sanidade que segue a evolución da pandemia do coronavirus, anunciada pouco máis de dúas horas antes da súa entrada en vigor coa intención declarada de reducir a mobilidade as "interaccións sociais" durante os días marcados pola festividade de Todos os Santos e os desprazamentos asociados a ela.
Á medida xa vixente en varios puntos da provincia de Ourense súmanse agora os concellos de Vigo e Lugo e outras tres áreas urbanas, cuxos ámbitos tamén quedan pechados perimetralmente: A Coruña e Arteixo; Ferrol, Fene, Narón e Neda; Santiago, Ames e Teo e mais Pontevedra, Poio e Marín. O peche atinxe tamén ao municipio vimiancés. Como viña sucedendo ata agora, si está permitido o desprazamento entre concellos lindeiros sobre os que pesa esta a restrición, pero non cara a fóra do territorio formado por cada conxunto de municipios pechados.
Fóra das cidades continuará a limitación xeral de reunións sociais a 5 persoas, pero nos concellos confinados perimetralmente, estes encontros poderán ser unicamente de persoas convivintes. Deste xeito, a situación na que xa estaba Ourense esténdese agora ás sete cidades, algúns dos seus concellos lindeiros e tamén ao municipio de Vimianzo.
Os máis de vinte concellos baixo confinamentos perimetrais suman 1,2 millóns de habitantes e Sanidade pide que o alumnado universitario, na medida do posible, permaneza nas cidades onde estuda
Tras desbotar o peche perimetral de todo o país, permitido polo vixente estado de alarma, a Xunta opta por unha medida que limita a mobilidade e os encontros sociais a, practicamente, a metade da poboación galega. Os agora vinte e tres municipios afectados por confinamentos perimetrais, en solitario ou xunto a concellos lindeiros, suman 1,2 millóns de habitantes aos que cómpre engadir as importantes bolsas de poboación flotante. [A veciñanza das autonomías non confinadas pode viaxar a Galicia malia aos peches de Asturias e Castela e León]
Neste sentido, o conselleiro Comesaña admite que a normativa vixente obriga a que estas restricións inclúan entre as excepcións o retorno ao lugar de residencia, pero introduce un matiz. A intención das medidas, subliña, é que as persoas das contornas urbanas non se despracen cara a outras nas que a incidencia do virus é moito menor.
Daquela, exemplifica, a súa recomendación é que, por exemplo, na medida do posible o alumnado universitario procedente de pequenos concellos permaneza nas cidades e non se desprace á casa aínda que estea empadroado alí. "Sería unha mágoa", coida, porque esas viaxes poden poñer "en risco" ás familias residentes en lugares con menor incidencia da COVID.
Nun decreto publicado no Diario Oficial de Galicia apenas vinte minutos antes da entrada en vigor dos novos confinamentos, Sanidade especifica as excepcións a estas novas restricións de movementos. Van na liña das estipuladas no propio estado de alarma. Deste xeito, estarán permitidas as saídas dos municipios confinados para traballar, pero tamén para asistir a centros educativos, coidar familiares e persoas dependentes ou facer xestións coa Administración. [Pódese consultar a listaxe completa nesta ligazón] A Xunta prevé outra publicación no DOG, mesmo na xornada do sábado, con especificacións adicionais sobre capacidade de comercios e locais de hostalaría, entre outras directrices.
A Consellería de Sanidade encadra estas medidas nun incremento xeral da incidencia da pandemia que "se concentra nas cidades" pero, sobre todo, "no contexto da fin de semana que comeza, de traslados aos cemiterios e reunións familiares", sinala o conselleiro, Julio García Comesaña. Esa, subliña, é a razón pola que o Goberno galego apostou por aplicar estes novos confinamentos perimetrais dende este propio venres e volvelos revisar o vindeiro martes. [Galicia supera o máximo diario de casos de coronavirus diagnosticados, con Ferrol como a área con máis incidencia]