As dúas comunidades autónomas lindeiras con Galicia, Asturias e mais Castela e León, teñen en marcha confinamentos perimetrais para frear os contaxios da COVID-19. No caso asturiano, o peche está xa vixente por tempo "indefinido" e no castelán e leonés, prolongarase inicialmente ata o 9 de novembro, cando finaliza o primeiro período do estado de alarma. A estas medidas súmase, ademais, a restrición ás entradas en Portugal ata o día 3 agás unha serie de motivos xustificados.
Aos peches de Asturias e Castela e León súmase nos vindeiros días a restrición ás entradas e circulación en Portugal
Galicia queda, deste xeito, pechada por fóra nos vindeiros días. Pero ese peche non será total a non ser que o Goberno galego o decida, decisión que a Xunta non contempla, polo menos de momento. A razón é que a veciñanza residente en comunidades autónomas sen confinamento perimetral si pode desprazarse a territorios na mesma situación.
Daquela, nos vindeiros días seguirá sendo posible viaxar dende e cara a Galicia para quen resida en Extremadura, Balears e Canarias. Catalunya, tras non prevelo inicialmente, decidiu este xoves aprobar tamén un peche inmediato, inicialmente por dúas semanas e horas despois, a Comunitat Valenciana tomou a mesma decisión, en principio por unha semana.
Tamén poderá haber viaxes con Madrid a partir da vindeira semana, toda vez que, cando menos polo momento, o Executivo autonómico madrileño só prevé pecharse ata o día 3, cando finaliza o que alí é a ponte festiva de Todos os Santos (algunhas autonomías trasladaron ao 2 de novembro o festivo do día 1 por cadrar en domingo, pero Galicia non está entre elas).
A razón pola que este peche por fóra non implica peche total agás que a Xunta ordene o confinamento perimetral hai que buscala no decreto que rexe o novo estado de alarma, publicado a pasada fin de semana polo Goberno de España. Concretamente, no seu artigo 6, que faculta as comunidades autónomas para establecer os peches perimetrais [Laborais, sanitarias ou de forza maior: as excepcións ao toque de queda que as comunidades poderán levantar o 9 de novembro]
O decreto do estado de alarma sinala que "non está sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito" a través das autonomías con confinamentos perimetrais
Alén de fixar as excepcións a estes peches, o Goberno de España deixa claro nesa regulamentación que "non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións previstas neste artigo". É o mesmo procedemento que, por exemplo, o aplicado pola Xunta o pasado mes de xullo por mor do brote de coronavirus en concellos da Mariña: os municipios atinxidos por peches perimetrais podían ser atravesados para desprazarse entre concellos non confinados.
Deste xeito, para que a veciñanza de autonomías non confinadas non poida viaxar a Galicia, sería preciso que o Goberno galego establecese o peche perimetral. O mesmo sucede para as viaxes de persoas que residan en territorio galego cara a lugares nas que non rexe esta medida. Tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalaron nos últimos días que non contemplan, por agora, aprobar esta restrición ao abeiro do estado de alarma.