Sanidade mantén intactas as restricións pola COVID en Galicia mentres Feijóo censura as medidas en clave estatal

Feijóo, co conselleiro de Sanidade, a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, e outros responsables da área sanitaria de Santiago visitando a ampliación das urxencias do CHUS, este 27 de outubro CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O presidente da Xunta retomou o pasado luns a dinámica de comparecer ante os medios para avaliar as medidas sobre o coronavirus ditadas polo Goberno de España despois de abordar a evolución da pandemia con Pedro Sánchez e cos seus homólogos do resto das comunidades autónomas. Fíxoo nun ton moi crítico, cargando con dureza contra o Executivo central por abeirar as medidas nun novo estado de alarma "demoledor" por "cargarse o consumo no Nadal" e "pechar a Semana Santa en España". Admitiu, non obstante, que está a prol do confinamento nocturno, pero non de que sexa denominado toque de queda, no marco dunha dura crítica en clave de política estatal. Non en van, por exemplo, os seus reproches non incluíron mención ningunha aos posibles efectos do estado de alarma no Xacobeo 2021.

A Xunta non fai uso polo momento da potestade de alterar o horario do confinamento nocturno e manteno de 11 da noite ás 6 da mañá

Apenas vinte e catro horas despois, o conselleiro de Sanidade o resto dos principais altos cargos do departamento compareceron ante a prensa para abordar a situación epidemiolóxica galega e explicaren as decisións do Comité Clínico a respecto das restricións, comezando por aclarar se Galicia fará uso ou non da posibilidade de mudar os horarios do confinamento nocturno. E a resposta é que non. 

Todo queda como estaba dende o pasado xoves, cando o Goberno galego activou as restricións máis estritas dende o confinamento, e a elas mantense engadido un horario do toque de queda segundo o fixado polo Goberno central: de 11 da noite a 6 da mañá. Os encontros seguen limitados a 5 persoas e non a 6, como permite o estado de alarma.

Dende o 9 de novembro, como avanzara o Goberno de España o domingo, manter ou non o 'toque de queda' depende de cada comunidade autónoma

O ton de Comesaña foi notablemente diferente ao de Feijóo. Amosouse "seguro" de que o Goberno central estableceu as "restricións de mobilidade noctura" para "ben, para mellorar a situación" e confirmou que o comité decidira mantelo intacto, "sen descartar que poida adaptarse nalgunha área concreta" a partir do 9 de novembro, cando as comunidades autónomas terán na súa man manter a medida, modificala ou levantala. Así o avanzou a pasada fin de semana o Goberno central e así queda reflectida na proposta de prórroga do estado de alarma aprobada este martes polo Consello de Ministros.

"Santiago preocúpanos moito", admite Sanidade, que tamén pon o foco nos datos das contornas de Ferrol, Ourense, O Carballiño, Verín e Lugo e non contempla polo momento aplicar o confinamento perimetral de toda Galicia tamén permitido no estado de alarma

Os efectos do confinamento nocturno e das medidas aprobadas a pasada semana, tanto a prohibición xeral de encontros para máis de cinco persoas que non convivan como as limitacións específicas en municipios da provincia de Ourense ou na contorna de Compostela serán avaliadas o venres, nunha nova sesión do comité clínico. Segundo a directora xeral de Saúde Pública, as comarcas e contornas sobre as que ten o foco Sanidade son as de Santiago, Ferrol, Ourense, O Carballiño, Verín e Lugo, fundamentalmente por indicadores como o aumento da incidencia acumulada. [O 8% das probas PCR teñen un resultado positivo, o peor dato dende o 12 de abril en Galicia, que empeora todos os seus indicadores]

"Santiago preocúpanos moito", admite Comesaña, toda vez que Saúde Pública cifra en 349,3 os novos casos por cada 100.000 habitantes na capital galega nas últimas dúas semanas (estes datos non son publicados en aberto). Tamén, sinala a Consellería, seguen de cerca os malos datos da área de Ferrol, que en apenas dúas semanas pasou de ser a que rexistraba unha menor incidencia a ser a segunda con este indicador máis elevado. Da "monitorización continua destas comarcas" sairán as decisións de mantemento ou endurecemento das restricións o vindeiro venres, sinalan.

Deste xeito, as posibles novidades sobre as restricións chegarían o vindeiro venres nun contexto no que polo momento, confirma Sanidade, o Goberno galego non contempla o confinamento perimetral de toda Galicia, medida que Asturias ou Euskadi xa adoptaron e que as comunidades autónomas poden aprobar ao abeiro do estado de alarma. "Se os datos nos levasen a tomar" esa "medida global, tomaríamola", mantén Comesaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.