Máis contaxios, unha maior porcentaxe de probas positivas, máis ocupación hospitalaria e máis mortes. Todos os indicadores amosan un empeoramento da situación epidemiolóxica en Galicia no inicio dun novo estado de alarma que busca axudar a reducir os efectos da pandemia de coronavirus. Nas últimas 24 horas o Sergas notificou 539 novos casos (525 por PCR), que elevan a 547 a media diaria dos últimos sete días.
Nas últimas 24 horas o Sergas notificou 539 novos casos, que elevan a 547 a media diaria dos últimos sete días
Este incremento das infeccións detectadas fai que a incidencia da enfermidade en Galicia se sitúe xa por riba dos 232 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, aínda moi por debaixo iso si da medida española (410,18, segundo os datos comunicados este luns polo Ministerio de Sanidade). A tendencia, con todo, é moi negativa en Galicia, pois a incidencia duplicouse en só 18 días, dende os 116 casos por cada 100.000 habitantes que se rexistraban o pasado 8 de outubro.
A porcentaxe de probas positivas supera o 8% na última semana, a cifra máis alta dende o 12 de abril
O empeoramento da situación pode detectarse tamén nas cifras de positividade, é dicir a porcentaxe de probas PCR para detectar casos de Covid-19 que teñen un resultado positivo. A media nos últimos sete días é do 8,11%, o dato máis elevado dende o pasado 12 de abril.
Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 5.612 PCR en toda Galicia, unha cifra inferior á dos días anteriores, pero que mantén a media diaria de probas realizadas por riba das sete mil (7.128).
Este martes hai que sumar outras 12 defuncións, que elevan a cifra total a 880, 94 delas nas últimas dúas semanas. Con todo, varias destas mortes producíranse nos días anteriores e aínda non foran notificadas
Aumentan tamén os casos máis graves e dentro deles as mortes de persoas ás que lles foi diagnosticada a Covid-19. Este martes hai que sumar outras 12 defuncións, que elevan a cifra total a 880, 94 delas nas últimas dúas semanas. Con todo, isto non quere dicir que na xornada de onte se rexistraran 12 falecementos, como podemos ver na serie completa que vai actualizando o Sergas, que engade unicamente dúas mortes nas últimas 24 horas e incrementa os datos dos días anteriores, redistribuíndo neles falecementos que se produciran maioritariamente na fin de semana e que aínda non foran notificados.
O número de casos activos continúa en crecemento, superando os sete mil (7.074), aumentando tamén as 'altas' ou 'curacións' (25.804) e o número total de casos de coronavirus en Galicia dende o inicio da pandemia (33.758).
O número total de pacientes con Covid-19 nos hospitais galegos chega xa a 459 (58 nas UCI, 3 máis ca onte, e 401 no resto de unidades, 13 máis)
Nos hospitais a situación tamén empeora. O número total de pacientes con Covid-19 nos hospitais galegos chega xa a 459 (58 nas UCI, 3 máis ca onte, e 401 no resto de unidades, 13 máis). Ourense é a área cun maior número de persoas ingresadas (16 en UCI e 91 no resto de unidades), pero o resto de áreas sanitarias están a aumentar as súas cifras nos últimos días de forma moi importante. Na Coruña, por exemplo, o número de hospitalizacións pasou de 58 a 91 dende o pasado mércores e en Ferrol (unha das áreas con mellores datos ata hai pouco) a cifra total pasou de 19 a 39 nestes seis días.
A taxa de positividade supera o 12% en Ferrol e o 10% en Ourense
Como dicíamos, aumenta a taxa de positividade, que supera o 8% (tres puntos por riba do limiar máximo recomendado pola OMS) e que é aínda maior na área sanitaria de Ferrol (12,59% nos últimos sete días) e tamén en Ourense (10,29%). Nas restantes áreas sanitarias o indicador supera o 7% e tamén mantén unha tendencia de ascenso.
A Residencia Nosa Señora Milagres (Barbadas) totaliza 112 positivos, a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) acumula 120 casos e a Residencia de Salvaterra do Miño ten nestes momentos 110 persoas infectadas
Nas residencias tamén segue a aumentar o número de casos, que este martes pasan de 465 positivos a 587 (357 entre os usuarios e 230 entre o persoal). Houbo varios establecementos nos que se detectaron un gran número de infeccións nas últimas 24 horas: a residencia de maiores Nosa Señora dos Miragres (Barbadás), con 19 usuarios e 26 traballadores que deron positivo; a residencia Salvaterra de Miño, con 42 usuarios e 21 traballadores infectados; e o Fogar Residencial San Miguel (Silleda), con 12 usuarios e 4 traballadores.
Sumados aos casos que xa se detectaran nos días anteriores, a Residencia Nosa Señora Milagres (Barbadas) totaliza 112 positivos, a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) acumula 120 casos e a Residencia de Salvaterra do Miño ten nestes momentos 110 persoas infectadas.
Ourense é a área sanitaria que segue a rexistrar un número maior de 'casos activos' e tamén unha incidencia maior de novos casos positivos, 382,18 por cada 100.000 nos últimos 14 días. Porén, mentres que as restricións introducidas dende hai semanas na área ourensá conseguiron reducir un chisco este dato (que chegou a roldar os 478 casos), no resto de áreas a incidencia está a medrar moi rapidamente.
A incidencia do coronavirus está a medrar con rapidez en Ferrol e Vigo, que ata hai 10 días eran as dúas áreas con mellores datos
Especialmente na área sanitaria de Ferrol, que se achega xa aos 300 casos por cada 100.000 habitantes (291,7), ou Vigo, que supera xa os 200 (209,76). Estas dúas áreas eran ata hai pouco as que rexistraban uns datos de incidencia máis reducidos, por debaixo dos 100 casos ata hai uns dez días.
Ademais de Ferrol, tamén Santiago supera a incidencia media galega, con máis de 245 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. A Coruña (187) e Lugo (175), por debaixo dos 200 casos, son as dúas áreas sanitarias cunha inciddencia menor, pero con datos igualmente en ascenso.