Tres brotes no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) poñen en alerta o Sergas e erguen as críticas do persoal sanitario. Desde que comezou esta segunda vaga do coronavirus, tres gromos tiveron lugar en distintos espazos sanitarios da cidade, o último deles no servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial pontevedrés.
Á espera dos resultados dun cribado masivo entre persoal sanitario, so 27 xa os positivos derivados so brote no servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial
Logo dun cribado masivo levado a cabo neste centro, son 27 xa os casos positivos confirmados por este último gromo, 17 de profesionais sanitarios e dez de pacientes, tras unhas probas ás que foron sometidos preto de 1.000 traballadores e 200 doentes.
É o último brote importante entre este persoal, que sofre como ningún a pandemia. Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Sanidade, en Galicia, desde o 11 de maio --data na que se implantou a "nova estratexia de vixilancia" da covid-19--, foron notificados 750 contaxios entre profesionais sanitarios.
Polo menos uns 2.500 profesionais sanitarios foron contaxiados por coronavirus en Galicia desde o inicio da pandemia
Tendo en conta que na primeira semana dese mes de maio a Xunta asumía que máis da metade dos casos activos eran de persoal sanitario e de residencias (1.162) e que 546 xa estaban dados de alta naquela altura, unhas 2.500 persoas como mínimo foron afectadas polo coronavirus entre os profesionais da sanidade no país.
Deses 750 contaxios dos que informa o Ministerio de Sanidade, 154 foron diagnosticados nos últimos 14 días, entre eles varios na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Varios no Hospital Provincial de Pontevedra, onde desta vez si houbo un cribado masivo, o primeiro desta magnitude que ten lugar nun centro sanitario galego, tal e como destacan desde o sindicato Prosagap, un dos que canda a CESM, Co.Bas ou Satse ten denunciado a "nefasta xestión" da dirección do CHOP no que ten que ver cos gromos.
Agora, a área sanitaria, logo de coñecerse a magnitude do gromo no Provincial, anuncia que reforzará os controis de capacidade e acceso aos seus centros hospitalarios e insiste na necesidade de que se cumpra co réxime de visitas aos pacientes.
O brote en Oncoloxía é o terceiro na segunda onda do coronavirus, tras os rexistrados en agosto e a principios de outubro no Hospital Montecelo
Os outros dous brotes anteriores tiveran lugar no Hospital Montecelo, o primeiro en agosto cando ducias de profesionais sanitarios estiveron en corentena tras manter contacto con un falecido pola covid-19 que estivera ingresado na área de Pneumoloxía. O segundo, nas Urxencias do mesmo centro a principios deste mes de outubro, e que deixou tamén "en cadro" o servizo, con varios profesionais infectados e outros moitos en corentena.
Fontes sindicais e do persoal alertan de que os tres importantes gromos no CHOP "non parecen ser froito da casualidade nin da mala sorte" e denuncian que "todo se fai a posteriori", sen tomarse as medidas axeitadas en prevención e coa suficiente antelación. Como exemplo poñen o ocorrido co gromo en Urxencias, cando o cribado entre o persoal non se realizou ata seis días despois de coñecerse o primeiro positivo e logo de que persoal insistise en facerse as probas de maneira voluntaria.
Segundo as denuncias de varios sindicatos, o servizo de Medicina Preventiva descartara testar os traballadores logo de realizar a enquisa epidemiolóxica á primeira persoa infectada e considerar que non fora contacto de risco cos compañeiros, o que provocou que persoal contaxiado seguise traballando durante días e que a xunta de persoal pedise que se depurasen responsabilidades.
Sindicatos e persoal denuncian que "todo se fai a posterior" no CHOP e lembran que o cribado entre o persoal de Urxencias fíxose seis días despois do primeiro positivo
Non foi a última crítica ao proceder de Medicina Preventiva. A pasada semana, unha enfermeira denunciou que este servizo lle recomendou ignorar o seu positivo nun test rápido e que seguise atendendo pacientes en Oncoloxía tras ter que coñecer o resultado das probas pola súa propia iniciativa e tras días sen noticias.
Desde varios sindicatos advirten de que casos coma estes son provocados pola "falta de coordinación" no CHOP, de cuxa dirección piden o seu cesamento. Prosagap denuncia que as recomendacións para manter as medidas de seguridade son demasiado xenéricas e nada específicas e advirten da "excesiva mobilidade de traballadores e pacientes" entre plantas e espazos do CHOP, así como hospitais "demasiado abertos á xente, con moitas entradas sen control". Ademais, reclama unha "maior busca activa de positivos", así como aumentar os efectivos en Prevención de Riscos Laborais e Medicina Preventiva.
O sindicato O'Mega, pola súa banda, presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo tras o brote acontecido en Urxencias, advertindo dunhas dimensións no espazo de traballo que "imposibilita manter as distancias de seguridade", a "deficiente ventilación" ou a "errónea valoración dos contactos entre profesionais". Ademais, na súa demanda a entidade acusa o CHOP de "confiar en exclusiva toda a protección ao emprego de máscaras e/ou respiradores" e da "inexistencia dunha avaliación de riscos específica ou controis periódicos das condicións de traballo".
Os sindicatos atribúen á "excesiva moblidade" do persoal, á escasa "busca activa de positivos" ou á "errónea valoración dos contactos" a aparición dos brotes
Non foi a única denuncia. Neste luns, o sindicato de enfermería Satse anunciou que presentara varias, tamén ante a Inspección de Traballo de Pontevedra, pola "alta porcentaxe" de personal de enfermaría infectado con coronavirus e ante o "desleixo da xerencia da área sanitaria, qeu fai caso omiso ás reclamacións das profesionais en materia de prevención".
As denuncias refírense a casos acontecidos nas unidades de Urxencias, Hematoloxía e Trauma de Montecelo, e en Oncoloxía en Diálese do Hospital Provincial.Nas súas queixas, Satase insiste en medidas de prevención "baseadas tan só na distancia, na máscara e en non permanecer máis de 15 minutos en contacto".
Os sindicatos O'Mega e Satse denunciaron ante Inspección de Traballo as eivas que consideran causantes de tantos contaxios entre o persoal
A secretaria provincial de Satse, Emma Rodríguez, advirte de que na área sanitaria "non se está tendo en conta á hora de tomar medidas a convivencia entre profesionais nas unidades de traballo, así como o material e as superficies que se comparten" o que, segundo di, pode ser "unha posible causa do alto número de contaxios no CHOP".
Para o Satse, as medidas impulsadas para previr a covid-19 "quedaron curtas", especialmente entre as enfermeiras, coas que, denuncia, "non se conta". Segundo o sindicato, os contaxios entre os profesionais de enfermería "supoñen o 34%", polo que son "os máis afectados cunha diferenza de quince puntos con respecto ao seguintes colectivos máis prexudicados: auxiliares de enfermaría e médicos.
Ante esta situación na área sanitaria, e máis concretamente nos hospitais de Pontevedra, a deputada do PSdeG Paloma Castro presentou xa varias iniciativas parlamentarias nas que reclama á Xunta unha inspección sobre o cumprimento dos protocolos ou o reforzamento de medidas de limpeza e desinfección ou melloras na coordinación.
"Os sindicatos levan tempo reclamando falta de persoal e de hixiene correcta, excesiva mobilidade ou a tardanza na realización de probas PCR", explica a Praza.gal a deputada, que pide que a xerencia da área sanitaria "dea explicacións urxentemente" e "depure responsabilidades" ante actuacións que considera "intolerables", como o caso da enfermeira que denunciou que Preventiva lle recomendou obviar o seu positivo e seguir traballando, co "risco" que iso supón para a saúde pública e os compañeiros.