Tres días con máis de 600 casos sitúan as probas positivas do coronavirus en Galicia en máximos da segunda vaga

A incidencia da COVID-19 acelerou significativamente nas últimas semanas na área de Ferrol (na imaxe, de arquivo, o hospital Arquitecto Marcide) CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

A pandemia do coronavirus segue a acelerar, tamén en Galicia. Os datos divulgados este 26 de outubro pola Consellería de Sanidade, pechados ás seis da tarde do domingo, día 25, acreditan que por terceira xornada consecutiva o país superou o limiar dos 600 casos novos incorporados aos rexistros oficiais. Desta volta son 613 -nos dous días previos, 690 e 607- dos que 603 son son diagnósticos mediante proba PCR nesa xornada.

Estas cifras, en termos absolutos, están xa notablemente por riba dos rexistros da primeira vaga da pandemia, a pasada primavera. Non obstante, dáse a crucial diferenza de que o número de probas realizadas é agora moito maior. Así e todo, a porcentaxe de test PCR que dan positivo en Galicia está a marcar máximos desta segunda vaga.

Galicia rexistra 613 novos casos da COVID-19 e o cómputo do Sergas reflicte oito mortes máis, catro delas de persoas que viviran en residencias de maiores

Nas devanditas vinte e catro horas, dúas áreas sanitarias superaron o limiar do centenar de casos: as de Ourense e Vigo. Ficou próxima a da Coruña e un chisco por baixo, a de Santiago. Os datos de Ourense están influídos, entre outros, polo forte brote que atinxe a unha residencia de maiores da Xunta en Barbadás.

O cómputo oficial do Sergas inclúe este luns 8 falecementos xa notificados durante a tarde do domingo, que elevan a cifra total de vítimas mortais ligadas á pandemia en Galicia ata as 868. Catro destas persoas vivían en residencias de maiores e dúas delas morreron na propia residencia: un home de 87 anos no centro Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar e un home de 75 na residencia DomusVi de Oleiros. De Os Gozos procedía tamén un paciente de 86 falecido no hospital de Ourense, onde finou tamén outro home da mesma idade que vivira na residencia Nosa Señora do Viso, en Lobeira.

O hospital de Ourense foi tamén onde se produciron outros tres falecementos notificados nesta xornada e alleos ás residencias, os de tres homes de 67, 94 e 78 anos. No hospital de Pontevedra confirmouse a morte dunha muller de 85 anos.

Un 8% de PCR positivas, pero case o dobre en dúas áreas

Entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo foron realizadas 7.127 probas PCR, unha cifra que acredita que esta semana non se produciu o habitual descenso significativo no número de test durante a fin de semana. O total de probas feitas dende o inicio da pandemia supera así as 640.000.

O número de probas PCR diarias é na actualidade moi superior ao da primeira vaga

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, as porcentaxes de probas PCR que dan positivo actualmente seguen sendo moi inferiores ás da pasada primavera, cando o número total de test era moi inferior (no día con máis PCR da primeira vaga apenas se chegou ás 4.000 e o pasado sábado, por exemplo, foron máis de 7.000). Pero esta taxa de positividade está en máximos da segunda vaga, co dato global de Galicia na contorna do 8% na última semana, por riba do limiar do 5% sinalado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio.

A alta positividade na área de Ourense está influída por brotes en residencias, como o rexistrado no centro Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia

Mentres que algunhas áreas sanitarias se manteñen en taxas de positividades semellantes á galega, outras supérana con amplitude. É o caso da área de Ourense, que abrangue toda a provincia e segue concentrando o maior número de concellos sometidos a restricións especiais. O último dato dispoñible, aínda condicionado polo brote nunha residencia de Barbadás, eleva esta taxa ao 15%. Este luns, día 26, a Xunta informaba doutro brote nunha residencia da provincia ourensá, con 10 residentes e 3 membros do cadro de persoal con test positivo no centro Nosa Señora dos Anxos, en Ribadavia, que ten xa así 16 persoas usuarias e 4 traballadoras afectadas.

Incidencia acumulada por riba de 200, con forte suba en Ferrol

Tamén resulta significativa a alta positividade na área de Ferrol, que acumula varios días por riba do 13%. En todas elas, en calquera caso, a porcentaxe de probas PCR positivas segue sendo inferior á da primeira vaga. Non en van, a área ferrolá pasou en apenas tres semanas de ser a que rexistraba unha menor incidencia acumulada (39 casos por cada 100.000 habitantes) a ter a segunda máis elevada do país, só por tras de Ourense (245).

A incidencia da área de Ferrol pasa de 39 a 245 casos por cada 100.000 habitantes en apenas dúas semanas

O dato global de Galicia está en ascenso dende os primeiros días do mese e xa supera os 200 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días. A área sanitaria con menor incidencia acumulada, a de Lugo, rolda os 170. En calquera caso, estas taxas son notablemente máis elevadas nalgúns municipios (o Concello de Santiago apuntaba a pasada semana que no termo municipal compostelán, esta incidencia acumulada roldaba os 400 casos), se ben a Xunta segue sen publicar información en detalle a nivel municipal ou comarcal.

A presión hospitalaria segue en máximos

O empeoramento xeral da incidencia da epidemia segue tendo o seu reflexo nas cifras de hospitalización. As persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus son xa 444, outro máximo da segunda vaga, das que 55 (seis máis) precisan atención en unidades de coidados intensivos. Delas, 100 están en centros hospitalarios da área sanitaria de Ourense e outras 83, na da Coruña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.