Malia que a Xunta non informa dos novos casos rexistrados senón só dos activos, a cifra pasou de 518 o pasado venres a 729 este, mentres que as aulas pechadas levan estables arredor das 25 nas dúas últimas semanas
Seguen sendo unha parte pequena da comunidade educativa non universitaria en Galicia, con arredor de 350.000 alumnos, pero os casos de coronavirus activos nela, entre alumnado e profesorado, son xa 729, segundo os datos divulgados pola Xunta este sábado correspondentes ao venres, un 40% máis que os 518 que había o venres da semana anterior. A cifra que dá a Xunta é a de casos activos, non a de novos diagnósticos, pero o incremento revela que estes están a ser moitos máis que as altas que se poidan estar producindo ao tempo.
A evolución do número de casos permite comprobar un aumento moito máis acusado na última semana que nas anteriores, en liña co empeoramento xeral da pandemia entre o resto da sociedade galega. Porén, si se mantén estable o número de aulas pechadas, arredor das 25 en todo o país durante as dúas últimas semanas, e só hai un centro pechado por completo, en Boborás.
Dous centros do Carbaliño e Tomiño teñen sete casos cada un, só está pechado o PAI de Boborás e un centro de Mos ten dúas aulas pechadas
Por centros, este venres os máis afectados, con sete casos cada un, eran o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón do Carballiño e o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, seguidos doutros once centros de toda Galicia con seis casos cada un. Entre estes últimos está o pechado PAI de Boborás e o CPR Plurilingüe Lar de Mos, que ten dúas aulas pechadas.