Galicia rexistra outro récord de positivos por coronavirus e PCR e suma un 11% máis de hospitalizacións

Pista deportiva pechada en Santiago polo coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Os novos casos, preto de 700, dispáranse especialmente nas áreas sanitarias de Vigo e A Coruña, que xunto coa de Ourense rexistran máis dun cento deles cada unha

Os datos oficiais sobre a pandemia divulgados este sábado pola Xunta correspondentes ao período entre as seis da tarde do xoves e as seis da tarde do venres reflicten outros dous novos récords desde o comezo da pandemia en Galicia tanto no número de novos casos positivos rexistrados, con preto de 700, como de probas PCR realizadas, con máis de 8.700. Ademais, a hospitalización en planta suma preto de 40 persoas máis, un aumento do 11% a respecto da xornada anterior. No eido do positivo, na última xornada só se rexistraron tres novos falecementos.

En concreto, segundo o Sergas na última xornada foron 690 os novos casos rexistrados, dos que 687 o foron a través de probas PCR, das que no último día se realizaron un total de 8.707. As dúas cifras superan os anteriores picos dos dous tipos de datos comunicados ata agora, do 29 de marzo para os novos casos rexistrados, con 584 naquela xornada,  e do 17 de outubro para o récord das probas, con 7.138. Hai que ter en conta que en marzo realizábanse moitas menos PCR que agora, e malia o aumento dese tipo de probas na última xornada, o aumento de positivos semella correlativo sen que se disparase a taxa de positividade.

Na última xornada, os novos casos de coronavirus rexistrados disparáronse especialmente nas áreas sanitarias de Vigo e A Coruña, no primeiro dos casos con 126 novos positivos fronte aos 71 da xornada anterior e no segundo con 137 novos fronte a 93 do día anterior. Pola contra, malia que en Ourense tamén hai máis novos casos rexistrados, 83, que na xornada anterior, 70, a situación parece mellorar algo polo aumento das altas, de xeito que os casos activos alí son agora 1.319, o maior número de todas as áreas sanitarias de Galicia, pero máis dun cento menos que na xornada anterior.

Nas residencias comunícanse 18 novos casos nun centro de Salvaterra, 8 en Bóveda e 4 en Ribadavia

Canto ás residencias, un dos tres falecementos comunicados na última xornada produciuse nun centro de maiores. Os casos activos entre residentes deses centros baixan na última xornada a 196 en 15 centros distintos de toda Galicia tras retirar a Xunta 59 usuarios da residencia dos Gozos de Ourense "por negativizar". Porén, ao tempo incorpóranse 18 novos casos de usuarios nunha residencia de maiores de Salvaterra de Miño, 8 na de discapacidade de Domusvi Bóveda e 4 na Nosa Señora dos Anxos en Ribadavia.

As hospitalizacións en planta pasan de 325 a 363, con aumentos significativos en Pontevedra e Ferrol

Canto ao tipo de atención que requiren as persoas afectadas, no global de Galicia hai dúas menos en UCI, 46 fronte ás 48 da xornada anterior, pero aumenta máis dun 11% a cifra de doentes hospitalizados en planta, que pasa de 325 a 363. 

Sumados os dous tipos de atencións (UCI e planta), as hospitalizacións totais superan as 400 en Galicia por primeira vez desde o 30 de abril.

O aumento das hospitalizacións na última xornada é especialmente significativo nas áreas de Pontevedra (pasa de 30 a 43), Ferrol (de 16 a 25) e Vigo (de 44 a 50).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.