Durante os últimos meses cada vez temos máis evidencias sobre a transmisión do coronavirus a través de aerosois (airborne transmission), pingas que se manterían durante minutou ou horas suspendidos no aire nos espazos pechados nos que non haxa unha boa ventilación. Non hai aínda consenso entre a comunidade científica para certificar esta vía de transmisión como a máis importante, pero si para alertar do perigo de contaxios en lugares baixo teito, independentemente de que se garde a distancia de seguridade e mesmo levando máscara de protección.
A ventilación continua dos espazos pechados convértese nun dos instrumentos fundamentais para loitar contra o coronavirus
A ventilación destes espazos convértese, polo tanto, en fundamental, sobre todo cando entramos nos meses nos que imos pasar máis tempo no interior, sexa para traballar, nos centros de ensino ou para o tempo de ocio e outras actividades. O énfase na ventilación foi sempre unha recomendación e, de feito, no protocolo elaborado pola Xunta para os centros de ensino indícase que "deben de realizarse tarefas de ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases e sempre que sexa posible entre clases". Ademais, engádese que "cando as condiciones meteorolóxicas e do edificio o permitan, manteranse as xanelas abertas o maior tempo posible".
Critícase a ausencia de protocolos e indicacións claras sobre como ventilar e con que frecuencia
Con todo, esta recomendación podería non ser suficiente e moitos expertos insisten en que a ventilación debe ser continua, mantendo as fiestras abertas en todo momento, ou cando menos realizando procesos de ventilación frecuentes, abrindo as xanelas cada poucos minutos. Por outra banda, tamén se criticou a ausencia de protocolos e indicacións claras, sinalando a Confederación Anpas Galegas que "non podemos deixar un problema tan grave nas mans dos centros e da vontade das familias". Anpas Galegas alerta igualmente do risco que corre o alumnado de coller un arrefriado e pide que a Consellería de Educación "proporcione as alternativas precisas para a renovación do aire nas aulas".
Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, leva tempo insistindo na necesidade de mellorar a ventilación dos espazos interiores. Gestal destaca que a ventilación destes espazos é un dos elementos fundamentais para loitar contra a expansión do coronavirus, pois "as vías de transmisión por orde de importancia son as pingas, os aerosois e, a maior distancia, as superficies e fómites".
Juan Gestal: "as persoas que por razón de traballo se vexan obrigadas a estar tempo en lugares pechados, con pouca o deficiente ventilación, en presencia doutras persoas, deben usar un filtro de partículas FFP2"
Gestal subliña que esta ventilación debe realizarse "a ser posible de xeito continuo", é dicir, mantendo as portas e fiestras abertas todo o tempo e, se o frío ou a humidade se converten nun problema recomenda "estar ben abrigado para evitar os arrefriados". O profesor emérito da USC anticipa que nestes momentos está a traballar co grupo de investigación dirixido por Jorge Mira nunha proposta concreta sobre o maneira na que se debe realizar a ventilación dos espazos pechados, coma as aulas.
Naqueles lugares nos que esta ventilación non se poida realizar pola ausencia de ventás ou por outros motivos, Juan Gestal recomenda maiores medidas de protección que as que se están empregando ata o momento. Así, sinala que "as persoas que por razón de traballo se vexan obrigadas a estar tempo en lugares pechados, con pouca o deficiente ventilación, en presencia doutras persoas, deben usar un filtro de partículas FFP2, procurando que estea ben axustado".
Gestal recomenda "evitar a estancia en lugares pechados sempre que sexa posible, sobre todo nos momentos de ocio, pois aí "depende completo de nós o poder facelo"
E, en xeral, o profesor da USC recomenda que nos vindeiros meses o recomendable é "evitar a estancia en lugares pechados sempre que sexa posible, sobre todo nos momentos de ocio, pois aí "depende completo de nós o poder facelo". En engade que "por suposto" non debemos ir e moito menos permanecer moito tempo en locais "que non dispoñan dunha adecuada ventilación". Gestal estende esta análise aos espazos de traballo, recomendando o teletraballo como a opción máis segura nesta situación de pandemia respiratoria "sempre que sexa posible".
A resposta dende a Xunta e o Goberno central
O Ministerio de Ciencia deu a coñecer esta semana un documento do CSIC que ofrece pautas sobre como debe ser a ventilación nas aulas para reducir o risco de contaxio pola Covid-19.
De momento, dende a Xunta non houbo avances máis aló das recomendacións xenéricas expostas no protocolo, aínda que este martes a Consellaría de Educación anunciou que o Comité Educativo ía solicitar "a elaboración dunhas orientacións específicas de carácter técnico que permitan optimizar a ventilación dos centros escolares", que deberán estar "avaladas polas autoridades sanitarias en base aos criterios científicos". Educación quere chegar a unhas "pautas de ventilación" que teñan en conta "as características tipolóxicas dos centros escolares".
Pola súa banda, este mércores o Ministerio de Ciencia deu a coñecer un documento que ofrece pautas sobre como debe ser a ventilación nas aulas para reducir o risco de contaxio pola Covid-19. A guía, elaborada polo CSIC, inclúe recomendacións para que a ventilación e a purificación do aire sexa "eficaz segundo o volume da sala, o número e a idade dos ocupantes e a actividade". Ademais, proporciona ferramentas para determinar "se as condicións de ventilación alcanzadas son adecuadas", baseadas nas medicións de dióxido de carbono.
O documento segue as recomendacións da guía da Universidade de Harvard, que recomenda 5-6 renovacións de aire por hora. É dicir, abrir as fiestras durante uns minutos cada 10 ou 12 minutos. O Ministerio insiste en que, en todo caso, unha axeitada ventilación non elimina a necesidade de manter a distancia de seguridade e de usar a máscara de protección.
O CSIC recomenda 5-6 renovacións de aire por hora, é dicir, abrir as fiestras durante uns minutos cada 10 ou 12 minutos e mellor facelo de forma "cruzada"
Os expertos insisten en que as actividades en exterior son sempre preferibles ao interior e indican que no caso de que a actividade teña que ser interior, é preferible que se realice en aulas con ventilación natural, especialmente ventilación cruzada (xanelas e/ou portas en lados opostos). Ademais, proponse a utilización de equipos extractores ou impulsores individuais se a ventilación natural non é suficiente, é dicir, que se pode favorecer a ventilación natural "mediante a utilización dun ventilador xunto a unha ventá colocado co fluxo cara ao exterior, de maneira que favorece a extracción do aire interior". En caso de dispor de sistemas centralizados de ventilación, a taxa de aire exterior débese incrementar e a recirculación débese reducir. Se non se pode recorrer a ningunha medida de ventilación, débese purificar o aire con equipos provistos de filtros HEPA.
A instalación de filtros HEPA e de sistemas de ventilación mecánica veñen sendo reclamados dende distintos ámbitos, aínda que dende as autoridades sanitarias e educativas se salienta que -aínda que teñen un efecto moi beneficioso- non substitúen á ventilación natural e que se debe primar neles a introdución de aire do exterior, no canto de unicamente "recircular" o aire interior. Tamén se vén demandando un maior investimento na mellora da ventilación dos centros educativos, unha medida que xa se está a levar a cabo noutros países.
Hai uns días o Goberno alemán anunciou que investirá 500 millóns de euros na mellora dos sistemas de ventilación de edificios públicos para axudar na loita contra a propagación da Covid-19
Hai uns días o Goberno alemán anunciou que investirá 500 millóns de euros na mellora dos sistemas de ventilación de edificios públicos para axudar na loita contra a propagación da Covid-19. Alemaña fai fincapé na ventilación como unha das medidas máis importantes nestes momentos e, de feito, a ventilación constante dos espazos pechados pódese considerar unha caste de tradición ou mesmo unha "obsesión nacional" no país xermano, que mesmo conta con palabras específicas para designar distintos tipos de ventilación. Así Stosslüften ou "ventilación de choque" significa abrir as fiestras de par en par cando menos cinco minutos pola mañá e pola tarde para que circule o aire. E Querlüften ou "ventilación cruzada", na que todas as ventás se abren para crear correntes de aire que purifiquen o ambiente.