A principios deste mes de outubro, a Xunta abriu un chisco a man cos datos do coronavirus. Por primeira vez en sete meses, amosou a serie histórica da evolución da pandemia no país, que ata ese momento se negara a publicar. Aínda que negándose oficialmente a divulgar formatos de datos abertos, ofreceu tamén indicadores ata ese momento ocultos, como o número de casos confirmados por probas PCR cada día ou máis detalles sobre as hospitalizacións, entre outros. Ademais, esa información publícase nun sitio web específico, alén dos comunicados de prensa.
Os mapas da Xunta sobre a incidencia da COVID-19 nos concellos mesturan indicadores diferentes para sinalar niveis de "alerta" que, á súa vez, non se corresponden cos utilizados para aplicar restricións
Ao mesmo tempo, o Goberno galego accedeu tamén a publicar mapas sobre a incidencia da COVID-19 nos concellos, que remitiu á Federación Galega de Municipios e Provincias cunha sintética explicación. Pero, ao contrario do que fan boa parte das comunidades autónomas, eses mapas non ofrecen información concreta sobre os datos de cada concello ou comarca, senón que sitúan os municipios en rangos moi amplos para clasificalos en catro niveis de "alerta" (do cero ao tres) que, á súa vez, non se corresponden cos niveis de restricións para conter o virus, inducindo en boa medida á confusión.
Daquela, á hora de interpretar eses mapas de cores cómpre ter en conta varios aspectos. Para comezar, que non todos os concellos na mesma cor están na mesma situación, porque un único mapa mestura dous indicadores diferentes.
Nos concellos de menos de 50.000 habitantes, a Xunta pinta en verde, amarelo, laranxa ou vermello cada municipio en función de se ten 7, entre 7 e 13, entre 14 e 20 ou máis de 21 casos novos do coronavirus por semana. Mentres, nos municipios de máis de 50.000 habitantes, as cores son as mesmas pero responden a indicadores distintos, que si son os que se manexan habitualmente para falar de incidencia, isto é, de positivos por cada 100.000 habitantes. Neste caso menos de 28, entre 28 e 55, entre 56 e 111 ou máis de 112.
Municipios cunha incidencia da COVID-19 moi diferente están representados nos mapas co mesmo nivel de alerta
Así, por exemplo, este xoves o mapa relativo ás últimas dúas semanas situaba en alerta vermella concellos como Santiago e Lugo por teren ambos "máis de 224 casos" por cada 100.000 habitantes. Pero, segundo o sinalado pola Xunta a través do DOG e en rolda de prensa, mentres que a capital galega supera os 330 casos por cada 100.000 habitantes (e a área sanitaria rolda os 192), Lugo estaría máis próximo aos 200. Ao tempo, estes concellos están na mesma cor que, por exemplo, Salvaterra de Miño, Oleiros ou Ordes, que teñen "máis de 42 casos" (en total, non por cada 100.000 habitantes) nesas dúas semanas.
Os niveis para as restricións chámanse igual, pero non son o mesmo
Nin destes dous indicadores (casos totais en concellos de menos de 50.000 habitantes e incidencia no resto) está, á súa vez, directamente ligado cos outros "niveis" dos que fala a Xunta, os de restricións, aínda que o Goberno galego os denomine igual. Non en van, a propia Consellería de Sanidade advertiu de que as restricións están condicionadas por ata once indicadores diferentes, non só pola incidencia acumulada.
No caso de aplicar as directrices xerais da nova guía do Ministerio, coa que a Xunta di concordar, os niveis de alerta do Sergas si pasarían a corresponderse cos niveis de restricións
Nesa mesma liña vai o documento elaborado no Consello Interterritorial de Saúde (que conforma o Ministerio de Sanidade e os departamentos sanitarios de todas as comunidades autónomas) e feito público este xoves. Elementos como a incidencia, pero tamén a situación dos hospitais, entre outros, son clave á hora de adoptar as restricións. [A Xunta activa as restricións polo coronavirus máis estritas dende o desconfinamento]
O Executivo galego "valora" este novo documento e explica que o "axustará" á realidade de Galicia, en aspectos como os concellos máis pequenos. No caso de asumir as directrices xerais desta guía, os niveis de alerta si pasarían a corresponderse cos niveis de restricións. Pero, polo momento, isto non sucede en Galicia, polo que a entrada dun concello en "alerta amarela" ou en "alerta vermella" no mapa da Xunta non implica, necesariamente, a aplicación das mesmas restricións especiais que noutros municipios pintados da mesma cor. Do mesmo xeito, descender de vermello a laranxa ou amarelo tampouco supón, automaticamente, o levantamento das medidas.