O presidente do Goberno central prevé que a medida se prolongue medio ano cun toque de queda entre as 23 e as 6 horas que poderá ser modificado lixeiramente polas comunidades, que manterán o mando da situación
Catro meses e dez días despois de que o 15 de xuño Galicia saíse do primeiro estado de alarma decretado para facer fronte ao coronavirus, que se prolongou durante tres meses, o Goberno central vén de decidir aplicar novamente esa figura excepcional coa que amparar novas restricións de liberdades que poidan decidir as comunidades autónomas. Unha situación similar á que se deu durante a última semana do anterior estado de alarma, cando na denominada Fase 3 do desconfinamento o Goberno central decidiu que a máxima autoridade non fose só o ministro de Sanidade senón tamén o presidente de cada comunidade pero que agora se prolongará durante seis meses e trae consigo de entrada un confinamento nocturno ou toque de queda que cada comunidade poderá modular lixeiramente.
Sánchez di que os seis meses poderían ser menos se a situación mellora pero que “os expertos estiman que ese é o tempo que necesitamos"
Nunha comparecencia en directo a primeira hora da tarde deste domingo Sánchez anunciou que o estado de alarma entrará en vigor nesta mesma xornada e que o Goberno central solicitará ao Congreso xa esta semana na súa convalidación que se prorrogue durante seis meses, apoio que dixo estar convencido de obter. Segundo dixo, aínda que podería ser levantado antes se a situación mellora, “os expertos estiman que ese é o tempo que necesitamos para superar non só a segunda ola na que estamos inmersos senón a etapa máis dura da pandemia”.
O novo estado de alarma entrará en vigor inicialmente cun confinamento nocturno ou toque de queda entre as 23 e as 6 horas, cando só se poderá saír do domicilio por algún dos motivos xustificados que se indiquen no decreto. As comunidades poderá variar ese horario para que comece noutro momento distinto entre as 22 e as 0 horas e finalice entre as 5 e as 7 horas. O estado de alarma tamén permitirá ás comunidades establecer confinamentos territoriais en todo o seu ámbito territorial ou inferiores. “Serán as comunidades autónomas as que modulen” as medidas a tomar en función dos datos da pandemia nos seus territorios, insistiu Sánchez.
O xoves Feijóo rexeitou tanto o estado de alarma como o toque de queda polo "impacto reputacional" para España
Hai dous meses, a finais de agosto, Sánchez chegou a lembrar ás comunidades que tiñan á súa disposición a posibilidade de solicitar un estado de alarma á medida das necesidades de cada territorio, algo que ningún presidente nin presidenta solicitou ata que a pasada semana varios deles o fixeron a un tempo. Entre eles non estivo o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se vén opoñendo a aplicar novamente esa figura e outras amparadas por ela como o toque de queda polo “impacto reputacional” que di que terán para o Estado e reclama pola contra que as restricións se contemplen nunha nova lei sanitaria, malia que coa actual lexislación ningún xulgado rexeitou ningunha das medidas ditadas ata agora polo Goberno galego. Este domingo o propio Sánchez pediu non chamar "toque de queda" ao confinamento nocturno agora aprobado.
Á espera das medidas concretas para Galicia que poida implicar o novo estado de alarma ademais do confinamento nocturno, as actualmente en vigor desde o pasado xoves, 22 de outubro, supoñen o veto aos encontros de máis de 5 persoas en todo o país e a limitación xeral de capacidade ao 50% nas actividades en espazos interiores de uso público, medidas que son aínda máis estritas nas diversas localidades da provincia de Ourense nas que hai establecidos confinamentos perimetrais ou noutras como Santiago, onde non se permiten encontros máis alá das persoas que xa convivan entre si. [A Xunta activa as restricións polo coronavirus máis estritas dende o desconfinamento].
Estas últimas restricións, en vigor desde o xoves, aínda non están a ter un efecto claro sobre a evolución da pandemia, que nas dúas últimas xornadas rexistrou as dúas cifras máis altas de novos casos desde o seu comezo en Galicia. [Segunda xornada con máis de 600 novos casos de coronavirus e 8.000 PCR en Galicia].