Segunda xornada con máis de 600 novos casos de coronavirus e 8.000 PCR en Galicia

CC-BY-SA Praza Pública

Malia ao aumento de casos, a porcentaxe de probas que resultan positivas mantense desde hai días arredor do 8%

Tras a xornada récord de toda a pandemia en Galicia canto ao número de novos casos e de probas PCR, a segunda peor xornada de toda a serie neses dous eidos. Iso é o que deixan os datos divulgados este domingo polo Sergas correspondentes ao período entre as seis da tarde do venres e as seis da tarde do sábado, cando se sumaron ao rexistro 607 novos casos (na xornada anterior foran 690), dos que 597 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, tipo de proba do que se realizaron 8.490 (8.707 o día antes).

As principais cifras da evolución do virus en Galicia mantéñense en niveis récord pero lixeiramente por baixo do día anterior. Ademais, malia que a positividade (a porcentaxe de probas que resultan positivas do total de PCR realizadas) está desde comezos de outubro por riba do 5% recomendado como máximo pola Organización Mundial da Saúde, non se disparou nas últimas xornadas malia o aumento de casos e mantense estable arredor do 8%. A cifra contrasta co 30% de casos positivos que se chegou a rexistrar en marzo, cando se realizaban apenas dúas mil probas ao día, unha cuarta parte que as actuais.

A hospitalización en planta aumentou un 50% só na última semana, pasando de 246 a 371 doentes

Na última xornada só foi rexistrado un novo falecemento, e malia a que segue medrando a hospitalización, fíxoo a un ritmo inferior ao da xornada anterior. Na última son tres persoas máis a que están en UCI (49 en total) e oito máis as atendidas en planta (371 en total). Ese tipo de hospitalización aumentou un 50% só na última semana, desde os 246 doentes comunicados o pasado domingo.

Ourense reduce as cifras de hospitalización pero xunto con Pontevedra son as dúas áreas nas que na última xornada se rexistraron máis novos positivos que na anterior

Todas as áreas sanitarias empeoran lixeiramente as cifras de hospitalización agás a que peores datos viña amosando, a de Ourense, que reduce en cinco os doentes en planta malia sumar un caso máis á UCI. Pola contra, Ourense rexistrou na última xornada máis novos casos que na xornada anterior (96 fronte a 83), o que tamén pasou en menor medida en Pontevedra e O Salnés (53 novos tras os 50 do día anterior) e a diferenza do resto de áreas, que sumaron menos casos novos que un día antes.

Nas residencias xa son 261 as persoas maiores afectadas tras sumarse na última xornada 57 casos nun centro de Barbadás

Canto ás residencias, o total de persoas maiores afectadas vén de subir ata 261 tras detectarse 57 casos entres usuarios da residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, ademais doutros sete na Santa Olalla de Boqueixón e un na Padre Rubinos da Coruña. A máis afectada segue a ser a dos Gozos, no Pereiro de Aguiar, con 91 casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.