Aires da pasada primavera en San Caetano. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este luns ante a prensa tras participar na conferencia de presidencias autonómicas convocada polo Goberno de España para abordar a situación da pandemia e algúns dos criterios que rexerán os fondos de reconstrución provenientes da Unión Europea. O encontro presidido por Pedro Sánchez, no que tamén participou por videoconferencia a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Layen, estivo marcado polos ecos da nova declaración de estado de alarma para procurar conter a COVID-19 e boa parte da comparecencia de Feijóo estivo centrada en debullar a súa opinión ao respecto.
Tras a conferencia de presidencias autonómicas, Feijóo proclama que abeirar as novas restricións pola COVID-19 nun estado de alarma é "cargarnos o consumo no Nadal" e "pechar a Semana Santa", ademais de "demoledor" para a "reputación internacional de España"
Quen dende este domingo é autoridade delegada en Galicia para aplicara as medidas deste novo estado de alarma evitou concretar na súa comparecencia se as restricións vixentes no país mudarán ou non de agora en diante. Esa concreción, sinalou, chegará de mans do comité clínico (do que el é parte e que se reúne entre este lusn e este martes) da Consellería de Sanidade que aborda a evolución da pandemia. Dese comité sairán decisións como modificar ou non as horas do confinamento nocturno, do que Feijóo di estar a prol. Pero non no marco dun estado de alarma que, acusa a Sánchez, se vai "cargar" o "consumo no Nadal".
"Non critico o contido; critico a forma, o instrumento legal e a súa presentación", sinalou Feijóo dende o atril da Presidencia da Xunta, onde reiterou que o aprobado "máis que un estado de alarma, é un estado de excepción" -o estado de excepción, que require autorización previa do Congreso, implica restricións de dereitos moito máis severas- que ademais resulta "demoledor" en termos económicos, e "un pau enorme ás expectativas de reconstrución da nosa economía".
O presidente da Xunta reitera que o aprobado é "máis que un estado de alarma, un estado de excepción", aínda que esoutra figura implica restricións de dereitos moito máis severas
Feijóo, que se manifesta "a favor das restricións horarias" e tamén "de mobilidade" en "determinados lugares", asegura que está en contra do estado de alarma decretado polo Goberno de España e da súa duración porque "non só é cargarnos o consumo no Nadal, senón que é pechar a Semana Santa en España". "Sendo o terceiro destino no mundo", di en referencia ao turismo, "mandar esta mensaxe é moi desacertado". Tampouco concorda co nome, porque "falar de estado de alarma outra vez, e falar dun estado de alarma ata maio, falar dun mal chamado toque de queda, é demoledor para a confianza da economía e para a reputación internacional de España".
Contrario ao peche, que Asturias xa decidiu e Castela e León está a valorar
Feijóo di ser contrario a que o confinamento nocturno sexa o mesmo en áreas rurais ou urbanas, aínda que polo momento as restricións que atinxen a toda Galicia si son homoxéneas
Ao seu xuízo, o correcto sería modificar a lexislación sanitaria do Estado e aplicar a partir dela as restricións, aínda que impliquen a limitación de dereitos fundamentais como os restrinxidos no estado de alarma. Tamén asegura ser partidario de que as restricións horarias non sexan as mesmas "nunha aldea de 5 ou 6 persoas", nunha "vila de 300" ou "nunha cidade de 300.000 ou 250.000 persoas". Non obstante, ata o momento, algunhas das principais restricións aprobadas pola Xunta dende a fin da anterior estado de alarma, como a obriga xeral de uso de máscara ou a máis recente limitación das reunións a cinco persoas (que o Tribunal Superior de Xustiza vén de avalar) son idénticas para núcleos urbanos e rurais.
Neste contexto, Feijóo tampouco contempla polo momento facer uso da potestade que lle outorga o estado de alarma e decretar o peche perimetral de Galicia para conter os contaxios. "Cos datos que temos, entendemos que non sería imprescindible en Galicia tomar esa decisión" en termos epidemiolóxicos, defende. Non obstante, Galicia si se vai ver afectada polo peche perimetral de Asturias (que o aplicará dende o vindeiro mércores) e o mesmo sucedería se o Goberno de Castela e León fai o propio (asegura que o está a valorar). Deste xeito, a veciñanza asturiana non podería saír do seu territorio cara a Galicia, pero persoas procedentes doutras comunidades autónomas si poderían cruzar Asturias (e no seu caso, Castela e León) para chegar a territorio galego.