Os casos novos da COVID marcan máximos en Galicia, pero a taxa de probas positivas é un terzo da de marzo

Recollida de mostras para probas PCR na contorna do hospital Gil Casares de Santiago CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Uns números absolutos sen precedentes, pero nun contexto que, malia o empeoramento claro e xeral, está aínda lonxe da treboada perfecta do pasado marzo. A Consellería de Sanidade suma este mércores ao seu rexistro 693 novos casos da COVID-19 -682 deles diagnósticos mediante PCR-, correspondentes ao período transcorrido entre as seis da tarde do luns, día 26, e a mesma hora do martes. 

Sanidade suma 693 novos casos da COVID-19 e a taxa de PCR positivas rolda o 9%, porcentaxe máxima da segunda vaga pero un terzo da máis alta rexistrada en marzo

É unha cifra récord -outra máis- en vinte e catro horas que mantén os números absolutos da pandemia en máximos indiscutibles, con ata 7.535 positivos activos. Cómpre ler, máis que nunca, estes números con contexto. Non en van, a porcentaxe de probas PCR que dan positivo rolda agora o 9%, valor máximo da segunda (ou terceira) vaga, pero un terzo dos peores días do pasado marzo.

O Sergas confirma outros dous falecementos, un dun residente no centro Os Gozos do Pereiro de Aguiar, e o total chega a 882 mortes

As dúas áreas sanitarias máis poboadas (A Coruña-Cee e Vigo) engadiron nestas vinte e catro horas máis dun cento de casos confirmados e no caso da viguesa, achégase aos douscentos. Tamén roldou o centenar a área de Santiago-Barbanza nun contexto no que a Consellería de Sanidade admite especial "preocupación" pola situación da capital galega, onde están prohibidas as reunións de persoas non convivintes dende a pasada semana [Sanidade mantén intactas as restricións pola COVID en Galicia mentres Feijóo censura as medidas en clave estatal]

Son datos dun día no que Sanidade confirmou outros dous falecementos. Un deles, dun home de 77 anos que vivira na residencia Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar (onde as mortes ligadas á COVID-19 xa roldan a trintena). O outro, dun paciente de 87 anos ingresado en Pontevedra. Os falecementos relacionados co coronavirus chegan así a 882 en Galicia.

Positividade en ascenso, incidencia en máximos

Os casos novos por cada 100.000 habitantes marcan outro máximo e as probas PCR procesadas ao día, tamén

O empeoramento da situación que Sanidade vén admitindo nos últimos días reflíctese en dous dos indicadores clave: a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) e a devandita taxa de probas PCR que dan positivo. O primeiro, que depende das cifras absolutas de casos novos, xa rolda os 240 casos por cada cen mil habitantes e toca teito no que vai de pandemia. Pero o segundo segue notablemente por baixo dos niveis de marzo.

As cifras absolutas de casos novos están intimamente ligadas coa cantidade de probas PCR realizadas cada día. Nas xornadas con maior cantidade de test procesados durante a primeira vaga non chegaron a rexistrarse máis de 4.000 e na última semana, por exemplo, dous días superaron as 7.000 e outro máis, as 8.000. Entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes foron procesadas 8.249 para un total de 654.482.

Todos estes matices son relevantes para contextualizar unha situación que empeora. Como amosa o cadro baixo estas liñas, na última semana a taxa de probas PCR positivas pasou do 7% ao 9% para o conxunto de Galicia. O pasado marzo, con moitas menos probas, a taxa e positividade superou o 25% durante varios días.

Alén do dato galego, a situación non é homoxénea por áreas sanitarias. Na última semana, a incidencia acumulada ascende en todas agás na de Ourense, que consegue seguir rebaixándoa aos poucos malia seguir tendo a máis alta, con 386 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. 

A área de Ferrol practicamente cuadriplicou a súa taxa de positividade na última semana e xa rolda o 15%

A taxa de positividade si ten tendencia tamén ten tendencia ascendente en todas as áreas agás nunha, a de Santiago-Barbanza, que comeza a achegarse ao limiar do 5% que a OMS fixa como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio. Cómpre ter en conta, non obstante, que os datos son moito máis elevados na cidade de Compostela, segundo o indicado polo Concello, xa que a Xunta segue sen ofrecer información detallada por municipios.

Na banda contraria sitúase a área sanitaria de Ferrol. A súa incidencia acumulada é xa a segunda máis elevada de Galicia e a taxa de positividade cuadruplicouse amplamente en apenas unha semana ata roldar o 15%. [A Xunta publica a súa aplicación PassCovid para móbiles Android]

Máximo de pacientes na UCI na segunda vaga

A información do Ministerio, construída con datos da Xunta, reflicte unha vintena de persoas hospitalizadas máis que as indicadas polo Sergas a causa da COVID-19

O empeoramento da situación segue traducíndose nun incremento da presión hospitalaria. O número de persoas ingresadas segue sendo o máis alto da segunda vaga. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, en apenas tres meses os hospitais galegos pasaron de ter apenas 3 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 a superar as 450 e, por primeira vez na segunda vaga, as que precisan asistencia na UCI son máis de 60

O dato máis recente de ingresos en UCI é de 62 persoas, segundo o Sergas. No entanto, o Ministerio de Sanidade informaba na tarde do martes de que en Galicia había 71 pacientes COVID en coidados intensivos con datos do día 26, cando a conta do Sergas aínda non chegara ás 60 persoas. Ademais, o departamento estatal (que recibe os datos da Xunta) situaba o total de hospitalizacións por coronavirus en 478, mentres que os datos do Sergas apuntan a unha vintena menos.

A área de Pontevedra, como xa fixera a de Ourense, adía operacións cirúrxicas por mor do incremento da presión hospitalaria a causa da COVID-19

Por áreas sanitarias, segundo a Xunta, a que mantén unha maior cifra de persoas hospitalizadas con test positivo segue sendo a de Ourense con 97 ingresos (16 na UCI) seguida da área da Coruña-Cee, con 95 (10 na UCI). A área de Santiago sitúase en 70 ingresos, segundo o Sergas (11 en coidados intensivos) e a de Vigo queda en 67 (8 na UCI).

Na área de Pontevedra as hospitalizacións son menos en termos absolutos (54, 9 na UCI), pero o incremento da presión nos últimos días xa a está a levar a adiar operacións cirúrxicas programadas, segundo confirmou este mércores o Sergas. A pasada semana esa mesma decisión xa fora anunciada na área de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.